Os incendios de Galicia saltan ás portadas da prensa internacional

A magnitude histórica dos lumes galegos, con máis de 76.500 hectáreas arrasadas, está a xerar unha ampla cobertura en xornais europeos e estadounidenses, que alertan do seu impacto ambiental, social e climático

As cifras non enganan: a vaga de incendios que asola Galicia está a ser a máis devastadora da última década. No 2025 podería proclamarse tamén como a maior onda de lumes de Europa, pois só o foco de Larouco supera en magnitude aos incendios que arrasaron o macizo de Cobières, en Francia, o pasado 5 de agosto. Nese episodio arderon arredor de 17.000 hectáreas, mentres que o lume ourensán supera xa as 20.000.

Pola súa gravidade ambiental e social, numerosos medios, tanto europeos como internacionais, están a facerse eco da traxedia, dando visibilidade a este desastre con escasos precedentes e alertando sobre o impacto ecolóxico e humano que supoñen os sete focos que seguen activos en Ourense.

Publicidade

As análises chegan dende a prensa francesa, con artigos en Le Monde, ata o seguimento do británico The Guardian. Tampouco falta a solidariedade dos medios portugueses, que tamén están a sufrir os seus propios incendios forestais e publican reportaxes en cabeceiras como Público e Diário de Notícias, salientando a dimensión compartida desta emerxencia na península ibérica.

Galicia nos tres grandes de Europa

A magnitude da catástrofe incendiaria que se vive en Galicia é tal que tres dos xornais máis influentes de Europa decidiron levar a información ás súas portadas. Le Monde, The Guardian e Frankfurter Allgemeine publicaron artigos que reflicten a dura realidade que atravesa a terra galega nestes días.

Publicidade

O diario británico The Guardian está a ofrecer unha cobertura centrada no fenómeno global dos incendios forestais. O pasado 14 de agosto recolleu as declaracións da ministra de Medio Ambiente, Sara Aaegesen, quen advertía de que esta vaga de lumes constitúe unha emerxencia climática evidente. Porén, a Galicia só lle dedican un breve parágrafo e unha imaxe de Chandrexa de Queixa, xa que o enfoque principal é o impacto mundial. Destaca a comparación de que as 158.000 hectáreas queimadas en España no momento da publicación equivalen a unha área aproximadamente tan grande como a zona metropolitana de Londres.

Pola súa parte, o xornal alemán FAZ titulaba o 18 de agosto que España estaba a experimentar o peor incendio das últimas dúas décadas. Aínda que a súa análise abrangue a situación xeral do país, tamén recolle as axudas ofrecidas dende Alemaña: un convoi procedente de Bonn con 67 bombeiros e máis de 20 vehículos estaban preparados para desprazarse a España esta mesma semana. O medio destaca tamén as dificultades engadidas pola intensa vaga de calor, que complica enormemente as tarefas de extinción. Un día máis tarde, outra información puxo o foco nas áreas escasamente poboadas, as máis castigadas polos incendios: miles de persoas tiveron que abandonar os seus fogares e diversas reservas naturais sufriron danos graves.

Finalmente, o francés Le Monde dedicaba este mércores unha peza aos fenómenos climáticos que está a sufrir Europa este verán. Nela, Galicia aparece mencionada como unha das zonas máis devastadas do noroeste da península ibérica, un territorio especialmente afectado pola combinación de calor extremo, seca e abandono forestal.

Unha mirada dende Estados Unidos

A situación de Galicia non se limita só á atención dos medios europeos. O prestixioso xornal estadounidense The Washington Post publicou tamén unha peza informativa sobre España e a vaga de incendios e calor extremo que está a asolar o país. Xa dende o inicio do artigo, Galicia aparece mencionada como unha das zonas máis castigadas pola extensión do lume.

O texto sinala que as brigadas de loita contra os incendios forestais están a traballar especialmente na rexión galega, un territorio que agarda reforzos doutros países europeos para poder conter unhas lapas de enorme dimensión.

A información, difundida hai tres días, facía referencia a 12 grandes incendios forestais activos, a maioría concentrados na provincia de Ourense. Na actualidade, esa cifra reduciuse a sete, unha estatística que, malia seguir a ser alarmante, amosa unha leve mellora co paso dos días.

En contraste, outros medios de referencia mundial, como The New York Times, non teñen publicado ata o momento ningunha información específica sobre os incendios de Galicia.

Visibilidade dende Portugal

A veciña Portugal enfróntase tamén a unha vaga de incendios de grandes dimensións, unha situación semellante á que sofre Galicia. Non obstante, o xornal Público leva máis dunha semana ofrecendo cobertura detallada sobre os lumes galegos. Grazas á proximidade xeográfica e cultural, o medio portugués logra afastarse da visión excesivamente xeral doutros xornais internacionais e achegar unha información máis matizada e próxima á realidade da cidadanía.

O pasado martes Público publicaba unha reportaxe sobre as diferentes manifestacións contra a instalación dunha macroplanta de celulosa en Palas de Rei (Lugo), así como o rexeitamento social á actividade de Altri. Estas mobilizacións non só expresan unha crítica ambiental, senón que tamén buscan previr futuros lumes e promover modelos de recuperación máis sostibles para as zonas xa afectadas. O enfoque do xornal portugués, polo tanto, afástase da panorámica xeral da vaga de incendios para poñer o acento na resposta cidadá e na defensa do territorio.

Así mesmo. o medio destacou o aumento excepcional de partículas finas provocado polos incendios peninsulares. De feito, remarcan que a concentración de PM2,5 está a superar os límites recomendados pola Organización Mundial da Saúde (OMS), especialmente nas provincias de Lugo e Ourense, o que supón un risco engadido para a saúde pública.

Porén, a situación en Portugal continúa a ser extremadamente grave. Ata o 17 de agosto, os incendios consumiran unhas 172.054 hectáreas, unha cifra que non só supera con moito o total rexistrado no exercicio anterior, con 136.424 hectáreas, senón que tamén sitúa o país veciño ante unha das súas peores vagas de incendios das últimas décadas.

Andrea Veiga
Andrea Veiga
Graduada en Xornalismo pola Universidade de Santiago de Compostela, comezou a súa traxectoria profesional en GCiencia no ano 2024. Apaixonada pola redacción de reportaxes relacionados con animais, saúde e historia, tamén está interesada no ámbito das redes sociais, especialmente na creación de contido audiovisual para plataformas como TikTok.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

As Rías Baixas gardan a maior pegada toponímica da antiga presenza de focas en Galicia

Un estudo identifica 43 talasónimos asociados a estes animais mariños e reconstrúe a súa distribución histórica, con especial concentración na ría de Arousa

O mar acada os 22 graos en Galicia: as claves dun quecemento inusual para maio

Os sistemas de observación detectan valores moi superiores á media habitual para maio, provocados pola acumulación de calor asociada a episodios persistentes

Documentado por primeira vez un gorgoncéfalo vivo en augas galegas

Investigadores do IEO localizan un exemplar xuvenil na Ría de Arousa, o que amplía o límite norte coñecido da especie

Como funciona a amizade entre arroaces? Así é como as bateas moldean a súa vida social nas Rías Baixas

O biólogo galego Bruno Díaz revela que as preferencias alimentarias condicionan a formación de vínculos entre cetáceos