Catro grandes lumes arrasan o 8,6% da provincia de Ourense

A superficie calcinada en Galicia supera xa as 76.500 hectáreas, que equivale ao 2,56% do territorio

Os datos desta vaga de incendios resultan cada vez máis chocantes. O reconto de superficie arrasada supera xa as 76.500 hectáreas, o que equivale ao 2,56% da extensión total de Galicia. A diferenza con respecto ás cifras rexistradas hai apenas 24 horas é dunhas 9.500 hectáreas adicionais, segundo as actualizacións diarias da Consellería do Medio Rural.

As lapas dos catro grandes lumes arrasan xa o 8,6% da provincia de Ourense. Con todo, o problema non se limita só a eses focos: na provincia seguen activos sete incendios, que aínda que non presentan un avance significativo, continúan queimando sen control.

Publicidade

Durante a xornada do martes, as lapas avanzaron con forza sobre diversas vilas ourensás. O agresivo lume de Larouco chegou ata San Vicente de Leira e Cernego, arrasadas case por completo. Noutros puntos, como en Vilamartín de Valdeorras e Córgomo, os incendios golpearon con dureza as viñas, que actuaron como barreira natural e contribuíron a protexer as zonas habitadas das vilas.

Non avanzan, pero persisten

Segundo a última actualización da Consellería do Medio Rural, o incendio activo en Larouco-Seadur segue a afectar a máis de 20.000 hectáreas do territorio galego, unha cifra que se mantén en liña cos datos do día anterior. Con todo, estas estimacións permanecen á espera de novas medicións, cunha previsible tendencia á alza que podería engadir máis hectáreas ao cómputo do que xa se considera o incendio máis devastador da historia de Galicia.

Publicidade

Pola súa banda, o outro gran lume, o de Chandrexa de Queixa e Vilariño, avanza a un ritmo máis lento, aínda que constante. Segundo as últimas estimacións técnicas, a superficie afectada rolda xa as 18.000 hectáreas, o que supón un incremento de arredor de 500 hectáreas respecto ás cifras de onte.

En paralelo, os lumes de Oímbra e A Mezquita manteñen tamén a súa forza: o primeiro sitúase nas preto de 15.000 hectáreas, mentres que o segundo segue a rexistrar arredor de 10.000 hectáreas queimadas.

O incendio de Maceda, estabilizado

Hai dez días daba comezo o incendio forestal no concello ourensán de Maceda, concretamente nas parroquias de Castro de Escuadro e Santiso. Ambos focos acabarían por unirse nun único lume aos ollos da administración, converténdose nun dos que máis preocupación xeraba nos primeiros momentos desta vaga de incendios. Con todo, na madrugada de hoxe o incendio quedou finalmente estabilizado, tras días de intenso traballo.

Segundo as últimas estimacións provisionais, este lume afectou arredor de 3.500 hectáreas, parte delas situadas no termo municipal de Vilar de Barrio. A súa extinción requiriu a intervención da Unidade Militar de Emerxencias (UME), cuxo apoio foi determinante para poder frear o avance das lapas.

Paso a paso: un incendio extinguido

Cada foco que se logra extinguir convértese nunha boa nova no medio da vaga de incendios. Este foi o caso do lume declarado en San Cibrao das Viñas-Rante, que comezara ás 14:30 horas do pasado sábado e que puxo o seu punto final ás 1:29 horas da madrugada de hoxe.

O balance final deixa unhas 40 hectáreas queimadas, das cales 20 corresponden a monte raso e outras 20 a monte arborado. Na súa extinción participou un amplo dispositivo de medios: 16 axentes, un técnico, 30 brigadas, 19 motobombas, 2 helicópteros e 4 avións para protexer a parroquia de Rante nunha provincia xa duramente castigada polo lume.

Andrea Veiga
Andrea Veiga
Graduada en Xornalismo pola Universidade de Santiago de Compostela, comezou a súa traxectoria profesional en GCiencia no ano 2024. Apaixonada pola redacción de reportaxes relacionados con animais, saúde e historia, tamén está interesada no ámbito das redes sociais, especialmente na creación de contido audiovisual para plataformas como TikTok.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

A USC deseña un sistema pioneiro de monitorización da humidade en cultivos de mosca soldado negra

O proxecto desenvolve un modelo que permita aumentar a produción de proteínas, graxas e fertilizante de forma máis eficiente e sostible

Científicos galegos lideran o primeiro estudo español para predicir risco personalizado de cancro de mama

O proxecto MamoRisk recabará datos de 10.000 mulleres seleccionadas aleatoriamente entre participantes nos programas de cribado de 14 comunidades autónomas

Que é o verme soldado? A gran praga que ameaza os cultivos de millo en Galicia

A Consellería do Medio Rural advirte a agricultores e gandeiros sobre o risco das plantacións en concellos como Mazaricos e A Baña

O método REPAG: como transformar os subprodutos de pataca nas proteínas alimentarias do futuro

O Centro Tecnolóxico galego desenvolve un proceso sostible e innovador para converter restos do procesado industrial en ingredientes de alto valor engadido para consumo humano