Jaime Martín, o científico vasco que investiga en Galicia as células solares orgánicas

O investigador da UDC estuda a maneira de evitar a degradación dos materiais para poder utilizalos en ventás que xeren corrente eléctrica

A pesar de terse decantado pola química unha vez rematou o instituto, en canto tivo a oportunidade de entrar nun laboratorio, o investigador Jaime Martín Pérez acabou por establecerse na física. Orixinario de Bergara (País Vasco), conta cun amplo expediente laboral traballando en laboratorios de Madrid, Alemaña, San Sebastián e Londres. Con todo, despois da pandemia decidiu establecerse como investigador na Universidade da Coruña (UDC), onde entrou en contacto co programa Oportunius, impulsado pola Axencia Galega de Innovación co obxectivo de atraer talento investigador ao ecosistema galego.

“No instituto gustábanme as ciencias en xeral: bioloxía, química, física… Probablemente a física era a que máis me gustaba, mais naquel momento vin máis accesible a química e por iso decidín estudar a carreira. En canto me aproximei un pouco á investigación, decateime de que quería dedicarme á física“, remarca sobre esas primeiras decisións que tomou.

Publicidade

Tampouco o tiña tan claro con respecto á investigación, mais a experiencia que tivo en sexto de carreira impulsou a decisión de facer o doutoramento: “Quedábanme dúas materias e ao estudar en San Sebastián tiña que ter un piso alí. Meus pais dixéronme que tiña que buscar algo máis que facer, polo que entrei nun laboratorio de reoloxía da facultade, o de Antxon Santamaría. A reoloxía é o estudo de como flúen os materiais, unha disciplina física. Foi a miña primeira incursión na investigación, a un nivel moi baixo, pero xa me encantou”.

Especialización en polímeros

Unha vez atopada a súa vocación, Pérez comunicoulle aos seus supervisores o interese que tiña en facer a súa tese en reoloxía de polímeros e ademais, a ser posible, en Madrid. Así conseguiu algunhas entrevistas e acabou no Instituto de Ciencia e Tecnoloxía de Polímeros do Consello Superior de Investigacións Científicas (CSIC), mais facendo algo diferente do que agardaba nun primeiro momento. “En realidade, cando entras nun laboratorio acabas traballando no que o teu director de tese teña que xustificar nos seus proxectos. Podes orientarte máis ou menos, pero o tema en concreto vén dado polo financiamento que haxa no laboratorio nese momento, polo que ao final non fixen nada de reoloxía“, explica.

Publicidade

Naquel momento, no laboratorio de Carmen Mijangos estaban impulsando a investigación en nanotecnoloxía, polo que a súa tese rematou levando o título de Nanoestruturas poliméricas unidimensionais ‘á carta’: do confinamento ás potenciais aplicacións. Ademais, tamén tivo a oportunidade de facer estancias en diferentes laboratorios de Alemaña: “Eu tiña unha bolsa FPU, que daquela me permitía facer unha estancia ao ano durante os catro anos da tese. Estiven en laboratorios distintos, mais sobre todo no Instituto Max Planck, no laboratorio de Martin Stratmann“.

Unha vez que leu a súa tese optou por facer un posdoutoramento para decidir cara a onde orientaba a súa carreira. Con todo, foi esta decisión a que finalmente lle serviu para saber que era o que realmente quería facer: “Entrei no Instituto de Micro e Nanotecnoloxía, no laboratorio de Marisol Martín González. Ao comezo non tiña moito que ver co que eu fixera, pero Marisol viña de conseguir unha ERC e estaba moi interesada nun proxecto de crecemento de nanoestruturas que explorara eu na tese. Así, contratoume para que montara un laboratorio para fabricalas. Como ademais de ser unha investigadora brillante tamén é súper activa, participaba nun proxecto, similar a un consorcio, chamado Consolider. Estaba traballando cun grupo de Barcelona, o de Mariano Campoy, que estudaba polímeros semicondutores para aplicacións termoeléctricas“.

Foi Mariano quen lle deu a pista para o seguinte paso da súa carreira: o Imperial College de Londres. “Era un dos centros de referencia mundial en electrónica orgánica e tiñan investigadores que estaban revolucionando o campo. Díxome que, se me gustaba, era o mellor sitio ao que podía ir”. Durante os catro anos que pasou nel centrouse nas liñas de investigación que agora desenvolve de maneira principal co seu grupo. “Hai que probar cousas novas para saber que é o que che gusta. Moitas veces tampouco escolles en que traballar e logo resulta que iso dá lugar a unha idea na que baseas o resto da túa carreira”, afirma.

Chegada a Galicia

Ao longo da súa estancia en Londres, o Instituto POLYMAT de San Sebastián foi tenteando o investigador, ofrecéndolle un posto “relativamente independente e con financiamento propio”. Así, en 2018 decidiuse a volver, comezando o seu laboratorio e conseguindo unha bolsa Ramón y Cajal e unha Ikerbasque.

“Cando chegou a pandemia foi difícil porque vivía coa miña muller nunha casa moi pequena e xa tiñamos unha filla. Non é doado mercar unha casa en San Sebastián con soldo de científicos. Como ela é galega, propúxenlle explorar a idea de vir a Galicia e comecei a falar coa UDC. Nun mes xa tiña o compromiso da universidade para transferir a miña Ramón y Cajal e comezar co grupo aquí“, relata.

Con todo, os comezos non foron nada doados. De súpeto, o investigador atopouse cunha carga docente de 240 horas anuais na Coruña, a pesar de non ter experiencia dando clase. Paralelamente a iso, o seu grupo no laboratorio de Ferrol ía medrando: “Todo isto implicaba moitos desprazamentos, posto que a miña casa tamén está en Ferrol, ademais do esforzo que supón comezar con dúas cousas así. Ademais, cando conseguín a bolsa Consolidator Grant do Consello Europeo de Investigación (ERC), o laboratorio pasou de ter catro persoas a ter dez. Agora teño unha nena de seis anos e outra de tres, que tamén demandan moito. Se queres facer as cousas medianamente ben tes que priorizar“.

Así chegou Oportunius, un programa que ademais de outorgar máis estabilidade aos investigadores, tamén lle permitiu reducir as súas horas de docencia. “É un programa de primeiro nivel. É un sistema de atracción de talento exterior súper bo e ben feito. Ademais, non existe en ningún sitio de España, que eu saiba. Se queres traer a unha persoa de Berlín, por exemplo, a traballar aquí tes que poñerllo doado. E creo que iso é xusto o que fai Oportunius. Se fora máis grande ou se tivera máis investimento en publicidade non me cabe ningunha dúbida de que moita xente de Europa o tería dentro das súas posibilidades a contemplar ao obter un ERC”, manifesta Pérez.

Células solares

Paracryst é o nome do proxecto ERC do investigador. O seu obxectivo principal é desenvolver células solares orgánicas que non se degraden. “A eficiencia que acadan estas células xa é suficientemente boa. O problema é que aos poucos días ou semanas acaban estragadas. E ninguén vai mercar un dispositivo para ter que cambialo ao cabo de tan pouco tempo”, explica.

Así, a estratexia do proxecto é acadar este obxectivo entendendo como se comportan os materiais dos que se compoñen as células solares: “Isto vén a completar a nosa investigación fundamental, que é sobre ciencia de materiais. Case todo o proxecto orbita arredor de xerar coñecemento novo sobre polímeros semicondutores e moléculas orgánicas semicondutoras, que logo darán lugar á fabricación da célula fotovoltaica”, explica.

A principal diferenza entre os paneis solares clásicos, habitualmente vistos nos tellados, e estas células solares son as súas posibilidades de uso. Estas segundas son semitransparentes, flexibles e moito máis lixeiras. Así, poderían utilizarse en interiores, por exemplo, “nun frigorífico que se autoabasteza a través da luz que xera” ou “nas ventás, de maneira que ademais de deixar pasar a luz tamén xeren corrente eléctrica”. Isto abre todo un abano novo de dispositivos que non poden contemplarse cos paneis de silicio tradicionais. “O obxectivo das células solares non é substituír a eses paneis, senón atopar uns nichos de mercado onde non teñan cabida os paneis que se están comercializando agora”, engade.

Visión de futuro

Centrándose na súa área de especialización, Pérez afirma que “a ciencia dos polímeros non é un hot topic hoxe en día, mais está aí. A súa produción medra de maneira constante cada ano. Incluso durante un tempo no que houbo unha quimifobia e plastifobia salvaxes, a produción estancouse. Non decreceu. Se cada vez temos máis polímeros no mundo, a pesar de non ser un tema central ou popular, a ciencia seguirá aí. Véxolle un bo futuro“.

Con respecto ao seu obxecto de estudo actual, o investigador tamén ten boas perspectivas de futuro: “Non hai ningunha enerxía capaz de subministrar uns valores tan grandes como a do sol. Non sei como se fará, mais entendo que a longo prazo será fundamental para a humanidade“.

Laura Veiga
Laura Veiga
Xornalista pola Universidade de Santiago de Compostela, especializada en cultura científica pola Universidade de Oviedo e sexóloga pola Universidade Camilo José Cela. Combina a comunicación e a divulgación en medios como GCiencia e Nós Diario coa educación sexual e menstrual, que desenvolve a través do seu proxecto Pingando en redes sociais e en obradoiros para centros educativos e asociacións.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Un estudo da UDC achega novas claves para crear paneis solares máis estables e duradeiros

O investigador Alberto García participa nun artigo que axuda a comprender os principais obstáculos das prometedoras células solares de perovskita para chegar ao mercado

Gumersindo Feijoo: “Os nosos fillos e netos vivirán menos se abandonan a dieta atlántica”

O catedrático de Química da USC e director científico do CRETUS ingresa na Real Academia Galega de Ciencias

O CiQUS obtén o selo de Unidade de Excelencia María de Maeztu

O centro da USC recibirá arredor de tres millóns de euros para os próximos catro anos a través do recoñecemento do Ministerio de Ciencia

O investigador Cristóbal Pérez súmase ao CiQUS para impulsar a espectroscopía molecular

O científico ten unha traxectoria recoñecida a nivel internacional no deseño e aplicación de instrumentación avanzada para estudar a estrutura e dinámica de sistemas moleculares complexos