Un estudo da UDC achega novas claves para crear paneis solares máis estables e duradeiros

O investigador Alberto García participa nun artigo que axuda a comprender os principais obstáculos das prometedoras células solares de perovskita para chegar ao mercado

O investigador Alberto García, do Centro Interdisciplinar de Química e Bioloxía (CICA) da Universidade da Coruña (UDC), participa nun estudo internacional que axuda a comprender un dos principais obstáculos para a chegada ao mercado das células solares de perovskita, unha tecnoloxía chamada a transformar a produción de enerxía renovable nas próximas décadas. O traballo, publicado na revista EES Solar, analiza que ocorre nas capas internas destes dispositivos durante a súa fabricación.

As células solares de perovskita alcanzaron nos últimos anos niveis de eficiencia comparables aos das tecnoloxías fotovoltaicas convencionais, pero a súa estabilidade a longo prazo continúa sendo un dos grandes desafíos para a súa comercialización. Para comprender mellor a orixe destes problemas, o estudo en colaboración coa universidade de Uppsala (Suecia) recreou en condicións altamente controladas as interfaces internas dunha célula solar de perovskita e analizou, capa a capa, as reaccións químicas que se producen durante a ensamblaxe dos distintos materiais que compoñen o dispositivo.

Publicidade

Os resultados revelan que algúns dos materiais empregados habitualmente como contacto metálico poden desencadear procesos de degradación desde as primeiras etapas de fabricación. En concreto, os investigadores observaron movementos de ións no interior da célula e reaccións químicas capaces de alterar a estrutura da perovskita, o material responsable de captar a luz solar e transformala en electricidade.

Visión de futuro

O estudo demostra, ademais, que determinadas capas protectoras poden reducir parte destes procesos de degradación, e achega novas pistas para o deseño de dispositivos máis estables e duradeiros. Segundo os autores, comprender o que sucede nestas interfaces “resulta fundamental para acelerar o desenvolvemento dunha nova xeración de paneis solares máis eficientes, lixeiros e económicos”.

Publicidade

As células solares de perovskita están consideradas unha das tecnoloxías emerxentes máis prometedoras para avanzar cara a unha transición enerxética sostible. A súa fabricación require menos material e pode realizarse mediante procesos de baixo custo, o que abre a porta a futuras aplicacións como paneis solares flexibles, dispositivos integrados en edificios ou mesmo ventás capaces de producir electricidade.

Con todo, garantir a súa estabilidade ao longo do tempo continúa sendo un dos principais retos científicos e tecnolóxicos do sector. Os resultados deste traballo contribúen a identificar os mecanismos que limitan actualmente a durabilidade destes dispositivos e ofrecen novas estratexias para mellorar o seu rendemento futuro.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

A UDC mide por primeira vez como cristalizan en décimas de segundo os polímeros semicondutores

O traballo desenvolve unha metodoloxía que permite calcular nun único experimento un proceso clave para fabricar materiais destinados á electrónica orgánica e ás células solares

Unha nova campaña arqueolóxica da UDC indagará na historia dun edificio achado no Castro de Esmelle

A intervención está impulsada pola Cátedra de Arqueoloxía e Educación Patrimonial e conta coa participación de nove persoas expertas en patrimonio galego

Que revelan 11.000 anos de sedimentos sobre as chuvias de Galicia? Así o investigan dende a UDC

Un estudo liderado polo CICA analiza as ceras vexetais preservadas nun lago portugués para reconstruír a evolución da humidade no oeste peninsular

Laura Castro, Premio Nacional de Investigación: “A eólica mariña podería facernos enerxeticamente independentes”

A catedrática da UDC participa tres proxectos sobre enerxías renovables e defende o potencial de Galicia para desenvolver sistemas flotantes no mar