Duplícase o número de nenos de 5 a 14 anos que non saben falar o galego en cinco anos

A nova Enquisa estrutural a fogares do Instituto Galego de Estatística revela que o castelán xa é máis predominante na comunidade

Os resultados do novo informe sobre o coñecemento e uso do galego realizado polo Instituto Galego de Estatística (IGE), publicado este venres 11 de outubro, veñen a confirmar unha sospeita: xa non é o idioma que predomina dentro da comunidade. A Enquisa estrutural a fogares (EEF) diferencia o grao de coñecemento do idioma aos contextos tanto orais como escritos, así como o seu emprego nos distintos ámbitos sociais.

Un dos datos máis sorprendentes é a porcentaxe de persoas que non saben falar ou que falan moi pouco galego na franxa de idade dos 5 aos 14 anos: un 32,44%. Trátase dun incremento excepcional, dado que no 2018 a porcentaxe era tan só dun 16%. En cinco anos duplicouse o número de nenos e nenas que non falan o galego.

Publicidade

E, se no 2018 o galego aínda permanecía como a lingua maioritaria para os cidadáns, no 2023 perdeu por completo a súa posición fronte ao castelán: no ano pasado a cifra de persoas que falan sempre en galego caeu ao 24,37%, o cal implica unha perda de máis de cinco puntos con respecto a hai cinco anos, cando 30,57% da poboación declarou falar sempre ou case sempre en galego. En contraposición, o número de persoas que falan sempre en castelán medrou nestes cinco anos, ata chegar a case o 30%, case seis puntos por enriba do emprego da lingua galega.

Tan só o 7% dos nenos fala sempre en galego

Segundo indica o Instituto Galego de Estatística, o uso da lingua tamén é desigual dependendo da idade da poboación: “Deste xeito, o 40,34% das persoas de 65 ou máis anos fala habitualmente só en galego, e un 27,58% emprégao máis que o castelán”.

Publicidade

Pola contra, entre os rapaces e rapazas de 5 a 14 anos, tan só o 7,04% fala habitualmente ou sempre en galego. Menos do 10% fala máis en galego que en castelán, e o 83,81% restante emprega sempre o castelán ou máis en castelán. Isto implica que, aínda que máis do 40% das persoas nesta franxa de idade declarasen coñecer e saber falar bastante o galego, adoitan non empregalo como o seu vehículo de expresión.

O cambio xeracional tamén é evidente cando se analiza a vía de aprendizaxe do idioma. Malia que case o 80% aprenderon a falar o galego no ámbito familiar, no caso da poboación menor de 50 anos a situación muda: o 83,27% das persoas de 30 a 49 anos aprendeu o idioma na escola, unha porcentaxe que ascende ata o 95,74% no caso do grupo de 5 a 29 anos.

As contornas rurais sosteñen o galego no ámbito familiar

Outro aspecto que destaca o IGE como relevante é a cifra de fogares nos cales todos os membros da familia falan habitualmente só galego: un 17,29%. Trátase dunha tendencia exponencial á baixa: no 2003, o 35% dos fogares todos os membros falaban só neste idioma, fronte o 11,40% que o facían sempre en castelán. A evolución é ascendente no segundo caso.

E enquisa tamén revela que a porcentaxe de fogares nos que todos os membros falan en galego é maior nos concellos pequenos que nos grandes: “Nos concellos con menos de 10.000 habitantes esta porcentaxe ascende ao 34,69%; pola contra, nos concellos de máis de 50.000 habitantes baixa ao 4,92%“.

O 38,42 da poboación que ten nenos decide falarlles en galego sempre, unha cifra lixeiramente superior á porcentaxe de proxenitores que se comunican cos seus fillos e fillas sempre en castelán (35,49%): “No tocante aos fillos e ás fillas, cabe destacar que arredor do 32% fálao sempre cos seus proxenitores e arredor do 43% sempre en castelán”, sinala o informe.

A ausencia da lingua no ámbito cultural

Á hora de relacionarse, o emprego exclusivo da lingua galega é máis común entre as amizades: máis do 28%. Porén, tal e como explica o IGE, case un 40% dos pais e nais deciden comunicarse cos mestres dos seus fillos exclusivamente en castelán. Trátase dunha condición que tamén afecta o ámbito da saúde, onde o 35,97% deciden comunicarse cos especialistas sanitarios sempre en castelán.

Ademais, no ámbito cultural destaca o emprego do castelán, moi por enriba do galego: aínda que o 19% da poboación de máis de 16 anos ve a televisión sempre en galego ou máis que en castelán, un 34,41% consome este medio sempre en castelán. No caso doutros medios de comunicación, o emprego da lingua galega esborállase: “O 55,38% dos e das residentes en Galicia de 16 ou máis anos sempre le a prensa en castelán e o 56,42% só le libros en castelán”. Menos do 5% da poboación le máis libros en galego que en castelán.

A súa desaparición é aínda máis dramática nos ámbitos máis vencellados á era da internet: só o 2,86% ve máis contidos audiovisuais en galego que en castelán.

Outro dos aspectos máis destacados do informe é a porcentaxe de persoas que escriben en castelán malia falar sempre ou case sempre na lingua galega: un 61,38%.

Segundo Valentín García, secretario xeral de Política Lingüística, a chegada de poboación do exterior “inflúe directamente no aumento de castelanfalantes en Galicia”.

Podes ler o informe completo na seguinte ligazón.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Soutar, apañar ou rebuscar: as máis de 40 formas lingüísticas de recoller castañas en galego

O Atlas Lingüístico Galego recolle 47 palabras e expresións para nomear a tarefa, con variantes que reflicten a diversidade léxica do idioma

Galicia facilita o acceso a Lenzetto dende o estranxeiro ante o desabastemento do fármaco para a menopausa

A falta de tratamento indicado para tratar os síntomas da deficiencia de estróxeno tras a menopausa ten outras alternativas financiadas

Que é o efecto Fujiwhara? O fenómeno polo que un tren de borrascas regará Galicia

Unha fronte activa avanzará polo oeste peninsular e deixará choivas que se manterán canto menos ata o xoves

As emisións bioxénicas de CO2 aumentaron o 64% en Galicia dende 1990

Se se contabilizasen nos inventarios oficiais, elevarían nun 20% o balance galego de gases de efecto invernadoiro