A galeguidade de Colón en horas decisivas: que esperar do documental sobre a súa orixe

A peza audiovisual estréase esta fin de semana no medio dun gran escepticismo por parte de historiadores e científicos

“O 12 de outubro de 2024 reescribirase a historia de España e a historia universal”. Esa é a premisa que lanza o anuncio do documental que promete desvelar a verdadeira orixe de Cristóbal Colón. A peza audiovisual, que se estrea este sábado en TVE, fai seguimento dos 20 anos de traballo dun equipo de Medicina Legal da Universidade de Granada. O seu obxectivo é poñer a proba oito teorías sobre o nacemento do almirante —entre elas, a que defende a súa orixe galega— a través de técnicas de xenética forense.

De feito, a finais de 2022 recolléronse restos óseos en Vilaxoán e Poio para cotexalos coas mostras do propio Colón, do seu irmán e do seu fillo. Porén, a asociación galega que coordinou os traballos en Pontevedra e que defende a galeguidade do almirante, baseándose nos supostos propostos polo historiador Celso García de la Riega, hai meses que mostrou certo escepticismo cos resultados. De feito, en marzo deste ano, o presidente da Asociación Cristóbal Colón Galego, Eduardo Esteban, anunciaba a apertura dunha nova liña de investigación sobre a galeguidade de Colón. Nesta ocasión, sobre a súa vinculación con Galicia a través da liña materna e non da paterna, como estudaron na Universidade de Granada.

Publicidade

“Se fose certo que a relación de Colón cos Soutomaior vén por parte de nai e non de pai, os resultados da Universidade de Granada non serían concluíntes para a teoría galega”, aseguraba Esteban nunha peza publicada en GCiencia. E mostrábase aínda máis taxante nas seguintes declaracións: “Aínda que os resultados non sexan favorables para a teoría galega, nós seguiremos traballando. O estudo de Granada é un estudo máis ao que nos sumamos, pero nin toda a teoría nin toda a historia están en mans da universidade”.

Dúas décadas de investigación

O certo é que a estrea do documental non está exenta de polémica. O que agora sairá á luz como unha peza audiovisual comezou como unha investigación científica liderada dende Granada por José Antonio Lorente, catedrático de Medicina Legal da universidade andaluza. En 2003 propúxose o reto de pescudar non só a verdadeira orixe do almirante, senón descubrir onde estaba realmente enterrado. Para iso exhumáronse restos óseos depositados na catedral de Sevilla e atribuídos a Colón e ao seu fillo Hernando, así como os do seu irmán Diego, que estaban recollidos nunha urna na Cartuja.

Publicidade

Porén, as técnicas de xenética forense naquel momento eran limitadas e esperouse case 20 anos para recuperar esta liña de investigación. En 2021 abriuse de novo o seu estudo e escolléronse oito teorías —entre elas a galega— para poñelas a proba. Segundo confirmaron na presentación do documental, que se celebrou o xoves en Madrid, o resultado definitivo non se desvelará ata a estrea do documental. Con todo, confirmaron unha das hipóteses nas que tamén traballaban: que os restos depositados na Catedral de Sevilla son os de Colón. Ata o de agora, había dúbidas ao respecto dado que na República Dominicana defenden que o almirante está depositado alí mais non se permitiu o estudo destes ósos.

Luces e sombras

O documental promete resolver un misterio histórico mais hai voces que cuestionan os resultados que se publicarán esta fin de semana. O certo é que a peza audiovisual é o traballo dunha produtora independente, Story Producciones, xunto a RTVE. Na presentación da mesma, titulada Colón ADN. A súa verdadeira orixe, a presidenta da corporación, Concepción Carcajosa, declarou o seguinte: “Usamos a ciencia para facer un gran evento televisivo”. Unha afirmación que xustificou asegurando que a televisión axuda a verter luz sobre a historia.

Hai voces, como a da historiadora Consuelo Varela, que declinaron participar no documental, segundo recolle unha información do diario ABC. A experta en Cristóbal Colón considera que a súa orixe xenovesa “é irrefutable”. Na mesma noticia fanse eco das declaracións de Miguel Botella, tamén forense da Universidade de Granada e un dos participantes no estudo realizado entre 2003 e 2005. El, que non participou na investigación actual, dubida claramente dos resultados que se van expoñer no documental e asegura o seguinte: “Unha cousa si está clara: que Cristóbal non era español porque o seu irmán pediu ser naturalizado español. O seu irmán fixo tres viaxes con el e foi gobernador de La Española”.

Con todo, José Antonio Lorente defendeu na presentación que “o resultado é dunha fiabilidade practicamente absoluta”, segundo recolle unha peza publicada na páxina web de RTVE. No acto asegurou que a investigación “foi moi complicada” e que precisou de máis tempo do agardado. De feito, atrasouse en varias ocasións a publicación do documental. Segundo indicou o catedrático, traballaron “con gran cantidade de datos de tipo xenético” e foron recabándoos en diferentes laboratorios.

O obxectivo: Cannes

Máis alá da polémica no ámbito histórico e científico, a presentación do documental veu acompañada doutra noticia: vai ser presentado no mercado audiovisual MIRCOM que se celebra en Cannes o 22 de outubro. A el acudirá Lorente, que estará acompañdo polo director de Cine e Ficción de RTVE, José Pastor, e o director e a produtora do documental, Régis Francisco López e Ainhoa del Castillo. Segundo continúan explicando na peza publicada na web de RTVE, este é o “mercado audiovisual máis importante do mundo, ao que asisten todos os anos 11.000 executivos de 100 países dos que 3.500 son compradores de contidos e formatos”.

Un mercado, a fin de contas, onde se presentará o documental que promete reescribir a historia. Luces e sombras sobre unha peza audiovisual, sobre un produto, no que tamén entra a ciencia. Opinións enfrontadas sobre un dos misterios sen resolver: a orixe de Colón. Haberá que agardar á estrea para determinar como de concluíntes son os resultados e se esa suposta galeguidade do almirante se refuta ou se corrobora, pese ao innegable escepticismo que xa se verte sobre o documental antes mesmo de que saia á luz.

Laura Filloy
Laura Filloy
Xornalista científica pola Universidade Carlos III de Madrid. Comezou a súa andaina profesional no Faro de Vigo. Con experiencia en comunicación institucional a través de Médicos sen Fronteiras e a Deputación de Pontevedra, meteuse de cheo na divulgación científica na Axencia EFE. Dende 2021 en Gciencia, onde segue a cultivar a súa paixón pola ciencia.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

00:04:36

Dúas producións audiovisuais amosan a vida de cetáceos nas Rías Baixas

Unha das historias, narradas polo documentalista vigués José Isarri, fala da recuperación progresiva da segunda especie máis grande do planeta en augas galegas

Como eramos hai 100 anos? Esta é a primeira longametraxe documental rodada en Galicia

A Deputación da Coruña recupera e presenta a única película da posguerra datada do ano 1929 no Museo do Pobo Galego

‘Reisiño’, o galego que viviu a represión franquista no paraíso infernal de San Simón

Ata 6.000 persoas padeceron entre 1936 e 1944 a fame, a miseria e, en moitos casos, a morte no antigo cárcere do arquipélago redondelán

Este é o documental de 1927 que xa defendía a orixe galega de Colón

Un filme mudo expón con gravacións a cor das rías galegas e con textos impresos que o almirante procedía de Pontevedra