Sábado 20 Abril 2024

Exhumados os restos do posible descendente galego de Colón en Vilaxoán

A Asociación Colón Galego atopa con éxito os restos de Xohán Mariño de Soutomaior na tumba ubicada na igrexa de San Martiño de Sobrán

A igrexa de San Martiño de Sobrán, en Vilaxoán (Pontevedra) estaba ateigada durante a mañá deste luns. Ducias de xornalistas, veciños, historiadores e curiosos encheron as bancadas da ermida para asistir á apertura do sepulcro de Xohán Mariño de Soutomaior. A razón? A Asociación Cristóbal Colón Galego quere realizar unha proba de ADN para tratar de demostrar que o histórico personaxe foi, realmente, galego.

Tras semanas de preparación para levantar con seguridade a tapa do sarcófago de máis dunha tonelada de peso, o grupo de arqueólogos e divulgadores achou, para a súa alegría, que a maioría dos ósos de Xohán Mariño estaban nun relativo bo estado de conservación. “Unha das curiosidades que observamos é que tódolos restos están arrimados contra un dos lados do sepulcro”, explica a GCiencia un dos traballadores. Probablemente, isto débese a unha construción posterior na igrexa, na que tiveron que recompoñers as paredes. Os fémures e máis os ósos dos brazos de Mariño de Soutomaior son os restos mellor conservados, mais o cráneo na súa estrutura natural non estaba conservado.

Publicidade

Os traballos irán de vagar, explican desde o colectivo. Xa que terán que fotografar e documentar adecuadamente tódolos restos humanos e do propio ataúde do fundador de Vilaxoán e potencial descendente de Cristóbal Colón. Unha vez estea todo documentado, o equipo de arqueólogos da Universdidade de Granada liderado por Inmaculada Alemán decidirá cal é a mellor mostra para levárense a analizar aos seus laboratorios.

O nacemento da teoría galega

A tese galega naceu en 1898 da man do historiador Celso García de la Riega, que tamén dá nome á Asociación Cristobal Colón Galego. O escritor argumentou en Madrid que Colón non podía ser xenovés. Despois, co paso dos anos, fóronse sumando motivos de defensa á orixe galega do almirante. Un dos piares sobre os que se sustenta a tese é, por exemplo, que os topónimos pontevedreses que aparecen nas costas americanas. “Moitos aparecen na mesma secuencia na que os podemos atopar na ría de Pontevedra e incluso algúns teñen a mesma forma física”, asegura Esteban. O presidente da asociación engade que todos estes topónimos son concéntricos á suposta casa natal de Colón en Poio. “Van desaparecendo a medida que te vas separando. En América hai 50 topónimos da ría de Pontevedra, 35 da de Vigo, 30 da de Arousa… De todas as costas, pero da que máis hai é da primeira”, argumenta.

Outro dos piares nos que se sustenta a teoría é a lingua que empregaba Colón nos seus escritos. “As cartas gardan poucos segredos. Hai adaptacións, palabras e xiros propios da lingua galega“, recalca o coordinador dos traballos. E insiste, tamén, na parte documental ao enfatizar que o apelido Colón xa existía en Galicia antes do descubrimento de América. Segundo Esteban, isto non o pode probar ningunha outra das teorías existentes. Indica, de feito, que hai constatadas dúas inscricións en pedra que recollen o apelido: unha na base dun cruceiro xa desaparecido e outra na igrexa de Santa María A Maior. Ao parecer, os mareantes foron os que construíron a capela e, polo tanto, é probable que a familia Colón pertencese a este gremio. “Colón usou topónimos de Pontevedra para nomear rías e illotes, pero tamén usou os nomes de catro confrarías da zona. Iso significa que non só coñecía as nosas costas, senón que tiña moita información do día a día”, asegura Esteban, enfatizando as posibilidades de que o almirante fose galego.

[Noticia en ampliación]

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Os defensores da orixe galega de Colón investigan a súa relación cos Soutomaior por vía materna

Está previsto que os resultados das análises xenéticas da Universidade de Granada, que só analizan a liña paterna, se fagan públicos en xullo

O presidente de Colón Galego: “Estamos nun momento de expectación e responsabilidade”

Os ósos extraídos das exhumacións de Poio e de Vilaxoán chegan á Universidade de Granada. Eduardo Esteban fai unha repaso dos últimos avances da teoría galega

Os restos óseos galegos vencellados ao ADN de Colón parten cara Granada

Chegarán á facultade de Medicina da Universidade de Granada este xoves para que os reciba a antropóloga física Inmaculada Alemán

Un anaco de cráneo exhumado en Vilaxoán ten a clave da galeguidade de Colón

A antropóloga Inmaculada Alemán levarase para Granada restos óseos atopados na tumba de Xohan Mariño de Soutomaior para realizar a proba de ADN