14 de decembro de 2022. Os restos óseos extraídos nas exhumacións da igrexa de San Salvador de Poio e do sarcófago de Xohán Mariño de Soutomaior parten cara a Granada, onde un equipo da Facultade de Medicina comparará as mostras con ADN de Cristobal Colón cun único obxectivo: determinar a orixe do almirante. Un ano e medio despois do espectáculo mediático que supuxo a viaxe dos restos cara a cidade andaluza, segue sen haber unha data fixada no calendario para a publicación dos resultados. “Están practicamente todos. A súa comunicación está ligada a un documental por un acordo firmado que pretende que non só se coñezan os resultados, senón que todo o que estea interesado poida ver como foi o complexo proceso de traballo”, explica José Antonio Lorente, catedrático de Medicina Legal da Universidade de Granada (UGR) e director científico do proxecto. As datas que barallan para a publicación son a finais de setembro ou “a data simbólica do 12 de outubro“.
Do documental, que está a ser elaborado por Story Producciones, non trascendeu máis información. Lorente confirma que están na recta final do proxecto e que tan só quedan “algunhas análises específicas” e a interpretación das mesmas que, segundo o catedrático da UGR, non é un proceso doado. “Por agora, e para non retrasar máis o proxecto, non estamos admitindo novas mostras de ningún tipo”, sostén. Entre todas elas están os restos atopados en Galicia. Concretamente, 30 ósos de diferentes tamaños recollidos no adro da igrexa de San salvador de Poio, sendo os máis destacados un anaco de mandíbula con algúns dentes e parte dun cranio, de onde se pensa que se pode extraer a maior cantidade de información xenética. Tamén se trasladaron a Granada os ósos de Xohán Mariño de Soutomaior, despois de extraelos do pesado sarcófago na igrexa de San Martiño de Sobrán. Estes últimos atopáronse en relativo bo estado de conservación.
Con todo, o obxectivo destas análises non é achar descendentes directos de Colón, senón parentes próximos como pais, avós ou incluso curmáns, tal e como explicaban dende a Asociación Cristóbal Colón Galego a Gciencia cando comezaron os traballos de exhumación. Con todo, as últimas noticias trasladadas polo presidente da entidade, Eduardo Esteban, recoñecían que o estudo levado a cabo pola UGR tan só ten en conta a liña paterna e non a materna, polo que os resultados poden non ser concluíntes para a teoría que defende a orixe galega do recoñecido almirante. “Pode que o vínculo de Colón co apelido Soutomaior veña por liña materna e non paterna, como se pensaba ata o momento”, sostiña Esteban nunha peza publicada recentemente en Gciencia. De momento están a recabar documentación histórica para sustentar esta teoría, á espera de que se coñezan os resultados da Universidade de Granada.
Décadas de traballo
O proxecto que dirixe José Antonio Lorente dende a cidade andaluza non é nin de lonxe unha iniciativa recente, senón que hai que buscar os seus inicios dúas décadas atrás. O catedrático de Medicina Legal propúxose averiguar a orixe de Cristóbal Colón e, para iso, en 2003 extraéronse os seus restos óseos da Catedral de Sevilla, así como os do seu fillo Hernando e os do seu irmán Diego. Ante a falta de técnicas realmente eficaces, as mostras permaneceron nunha sala blindada da universidade durante décadas, ata que en 2021 volveron abrir a cámara cun claro obxectivo: refutar ou confirmar as teorías sobre a orixe de Colón. Entre elas a galega, a portuguesa e a navarra. “A nosa máxima aspiración é a de xerar datos científicos, xenéticos, que axuden tanto a confirmar a hipótese verdadeira como a descartar as que —lamentablemente— non o sexan”, declaraba Lorente nun artigo publicado en The Conversation.
No que respecta á teoría galega, a súa historia hai que buscala a finais do século XIX, cando a ideou o historiador Celso García de la Riega. En 1898 desenvolveu as hipóteses de que Colón non podía ser xenovés, sendo esta a tese que historicamente se defendeu. Entre os motivos que, co paso do tempo, se poñen sobre a mesa para apoiar que a súa orixe a hai que buscar en Poio están os topónimos pontevedreses das costas americanas. “Moitos aparecen na mesma secuencia na que os podemos atopar na ría de Pontevedra e incluso algúns teñen a mesma forma física”, apuntaba Esteban. Amais, a asociación defende que todos estes topónimos son concéntricos á que, supostamente, sería a casa natal de Colón en Poio.
Outro dos fíos dos que tirar é a lingua que utilizaba o almirante nos seus escritos que, segundo apoian dende a entidade, ten adaptacións, palabras e xiros propios do galego. Así mesmo, Esteban asegura que o apelido Colón xa existía en Galicia antes do descubrimento de América e é o único lugar do mundo onde así está documentado. Ao parecer, hai dúas inscricións en pedra que recollen o apelido: unha na base dun cruceiro xa desaparecido e outra na igrexa de Santa María A Maior. Todas estas teses, que se foron desenvolvendo ao longo do último século, defenden con fervor que a orixe de Colón hai que atopala na ría de Pontevedra, e de que aquí partiu a lenda do almirante que pasou ás páxinas da historia. Pese aos retrasos na publicación dos resultados, as análises de ADN da Universidade de Granada, aínda suxeitas á publicación dun documental, pretenden verter luz sobre un dos grandes misterios da historia contemporánea.















Stou moi interesada en saber a orixe d Colon.
Estiven no museo de Poio e concordo en que todo o que se expón alí dá pé a pensalo