“Pontevedra é o único sitio do mundo onde se documenta o apelido Colón no século XV”

O presidente da asociación que defende a orixe galega do almirante confirma a realización de dúas exhumacións para corroborar ou refutar a teoría

Onde naceu Cristóbal Colón? Puido ser en Xénova, como asegura a teoría oficial. Pero esta non é a única hipótese sobre a orixe do almirante. Sen ir máis lonxe, unha das opcións que se barallan é a galega. Esta teoría, desenvolvida dende finais do século XIX, defende que Pontevedra foi o lugar de nacemento do conquistador. “É o único sitio do mundo onde se documenta o apelido Colón antes do descubrimento de América”, argumenta Eduardo Esteban, presidente da asociación galega que divulga esta tese. Agora, unha investigación liderada pola Universidade de Granada tratará de confirmar ou refutar esta teoría, extraendo restos dos posibles antepasados pontevedreses de Colón para comparalos, a través de análises xenéticas, cos ósos do propio almirante e os seus familiares directos.

Para iso vanse levar a cabo dúas exhumacións. Unha delas no adro da igrexa de San Salvador de Poio, onde se pensa que pode haber un cemiterio do século XV. “Hai documentadas, nesta época, tres ou catro fincas que pertenceron á familia Colón. É dicir, traballaban e vivían en Poio, polo que tamén morreron en Poio. De ser así, tiveron que ser enterrados no mesmo lugar onde imos escavar”, apunta Esteban, coordinador da exhumación. De todas formas, o equipo encargado da intervención é consciente das dificultades que comporta este traballo. Esteban explica que se trata dun cemiterio moi antigo e ao aire libre, polo que tivo que soportar moitas inclemencias meteorolóxicas. Así mesmo, a terra é moi ácida e, naquela época, non se usaban enterramentos pechados. O equipo admite que non sabe o que se pode atopar e, moito menos, o estado no que poidan aparecer os restos óseos, de habelos.

Publicidade

As exhumacións faranse no adro da igrexa de San Salvador de Poio e no sarcófago de Xohán Mariño de Soutomaior

A segunda exhumación farase na igrexa parroquial de San Martiño de Sobrán, en Vilaxoán. Neste caso, o obxectivo non é o adro, senón o sarcófago de Xohán Mariño de Soutomaior, fundador da vila. Segundo a teoría galega, Colón puido pertencer á mesma casa nobiliaria e, polo tanto, ser parente da persoa que se vai exhumar. “Escollemos esta figura porque ten un sepulcro accesible e porque poderían ter relación por liña paterna. Os restos óseos de Xohán Mariño, a diferenza dos de Poio, están nun sitio pechado onde non estiveron en contacto coa terra ácida nin coa chuvia”, sinala Esteban. Así mesmo, o presidente da Asociación Cristóbal Colón Galego enfatiza que se trata da tumba dun nobre eclesiástico: “Suponse que non casou nin tivo fillos, polo que está enterrado só”.

Malia que as condicións poden parecer favorables nun principio, o equipo tamén é consciente dos obstáculos que supón o sarcófago de Xohán Mariño de Soutomaior. Consideran que se trata dunha operación complicada, pese a que os restos deberían estar mellor conservados que os do adro da igrexa de San Salvador. Segundo describe Esteban, o sarcófago está dentro dun arco interno do templo e hai que buscar mecanismos que permitan levantar unha tapa que pesa 5.000 quilos. Ademais, como é de pedra, é preciso cicelar. Estiman que todo o proceso pode levar aproximadamente dous días: un para abrir a tumba e outro para pechala.

Os prazos, aínda sen determinar

En canto aos prazos, aínda están por determinar. Esteban confirma que as exhumacións comezarán entre o 9 e o 10 de novembro. Malia que a de Sobrán si ten un prazo aproximado de dous días, a de San Salvador de Poio non. Dependerá, tal e como detalla o coordinador, do que se vaian atopando e da man de obra. De igual maneira, tampouco se sabe en que prazo se realizarán as análises xenéticas dos restos óseos extraídos nin cando se coñecerá a confirmación ou rexeitamento da tese galega. “Non temos présa porque quen marca os tempos é a dirección técnica, que leva a cabo a Universidade de Granada”, explica Esteban. Máis en concreto, o catedrático de Medina Legal José Antonio Lorente quen, preguntado ao respecto, tampouco dá datas concluíntes. “Estamos traballando ao 100% e xerando datos antropolóxicos, históricos e xenéticos. Esperamos poder ter conclusións nas próximas semanas, sen ter un prazo exacto porque non depende de nós, senón de procesos como as exhumacións”, explica o investigador a GCiencia.

De feito, os traballos que se van levar a cabo en Poio e Vilaxoán nas próximas semanas teñen un claro antecedente. Todos eles están enmarcados nun proxecto que dirixe Lorente e que comezou hai 19 anos, cando el e o seu equipo se propuxeron resolver o misterio da orixe de Colón. Para iso, en 2003 extraéronse restos óseos do almirante, enterrado na Catedral de Sevilla, e tamén do seu fillo Hernando e do seu irmán Diego. Dende aquel momento, hai case dúas décadas, os restos quedaron ao resgardo nunha sala blindada da universidade, á espera de novos avances nas técnicas de análise xenética. Case 20 anos despois, en 2021, a cámara volveuse abrir cun claro obxectivo: corroborar as diferentes teorías sobre a orixe de Colón. Non só a galega, tamén a portuguesa e a navarra, entre moitas outras. Lorente subliña, nun artigo publicado en The Conversation, que o obxectivo non é “baixo ningún concepto nin de ningunha maneira, demostrar que non era italiano porque era español ou portugués”. “A nosa máxima aspiración é a de xerar datos científicos, xenéticos, que axuden tanto a confirmar a hipótese verdadeira como a descartar as que –lamentablemente– non o sexan”, engade.

Os piares da teoría galega

Dende a Asociación Cristóbal Colón Galego reiteran que non teñen présa en coñecer os resultados. Lembran, ademais, que as exhumacións xa levan retraso por mor da pandemia e doutras peticións. Sen ir máis lonxe, Esteban explica que pediron a análise dun dente atopado nas tumbas de Sevilla. “Está demostrado que, nos primeiros anos, na formación dos ósos e dos dentes inflúe a auga que ti bebes”, explica o coordinador das exhumacións. Polo tanto, solicitouse que se cotexase a peza dental coas augas de cada unha das teorías a estudo, incluída a galega. A este respecto, o presidente da asociación admite que este tipo de procesos retrasan a investigación pero, ao mesmo tempo, enriquécena. Non deixa de ser unha maneira de recabar todos os datos posibles que corroboren ou refuten as orixes de Colón.

No que respecta á teoría galega, naceu en 1898 da man do historiador Celso García de la Riega, que tamén dá nome á asociación. O escritor argumentou en Madrid que Colón non podía ser xenovés. Despois, co paso dos anos, fóronse sumando motivos de defensa á orixe galega do almirante. Un dos piares sobre os que se sustenta a tese é, por exemplo, que os topónimos pontevedreses que aparecen nas costas americanas. “Moitos aparecen na mesma secuencia na que os podemos atopar na ría de Pontevedra e incluso algúns teñen a mesma forma física”, asegura Esteban. O presidente da asociación engade que todos estes topónimos son concéntricos á suposta casa natal de Colón en Poio. “Van desaparecendo a medida que te vas separando. En América hai 50 topónimos da ría de Pontevedra, 35 da de Vigo, 30 da de Arousa… De todas as costas, pero da que máis hai é da primeira”, argumenta.

  • Foto de Porto Santo do francés Charles Alberty Jeaneret, que rotula: "Pontevedra-Lugar de Porto Santo, onde se di que naceu Cristóbal Colón". Colección Loty. Museo Histórico de Lugo
  • Toponimia da ría de Pontevedra empregada por Colón en América.
  • Documento de Domingo Colón o Vello. Museo Casa Colón

Outro dos piares nos que se sustenta a teoría é a lingua que empregaba Colón nos seus escritos. “As cartas gardan poucos segredos. Hai adaptacións, palabras e xiros propios da lingua galega“, recalca o coordinador dos traballos. E insiste, tamén, na parte documental ao enfatizar que o apelido Colón xa existía en Galicia antes do descubrimento de América. Segundo Esteban, isto non o pode probar ningunha outra das teorías existentes. Indica, de feito, que hai constatadas dúas inscricións en pedra que recollen o apelido: unha na base dun cruceiro xa desaparecido e outra na igrexa de Santa María A Maior. Ao parecer, os mareantes foron os que construíron a capela e, polo tanto, é probable que a familia Colón pertencese a este gremio. “Colón usou topónimos de Pontevedra para nomear rías e illotes, pero tamén usou os nomes de catro confrarías da zona. Iso significa que non só coñecía as nosas costas, senón que tiña moita información do día a día”, asegura Esteban, enfatizando as posibilidades de que o almirante fose galego.

De ser así, cabe preguntarse se Colón quixo manter oculta a súa identidade e por que. “Non creo que a quixese esconder. Tan só morreu e esqueceuse”, indica o presidente da asociación, recalcando a pouca información que se ten sobre a súa figura. “Puido ser unha persoa enfrontada aos Reis Católicos polo seu apoio a Juana La Beltraneja e que, desta maneira, adoptase unha dobre identidade”, baralla Esteban. A este respecto, hai quen defende que Colón e Pedro Álvarez de Soutomaior, coñecido como Pedro Madruga, puideron ser a mesma persoa. “Nos anos 70 si se defendeu esta tese, agora non. Colón puido ter sido calquera persoa desa casa nobiliaria”, continúa explicando o presidente da asociación. Fose quen fose o almirante, nacese ou non en Pontevedra, a investigación da Universidade de Granada está disposta a corroboralo. Pode que Colón tivese ADN galego. Ou pode que non. Do que non cabe dúbida é de que cada vez estamos máis preto de resolver unha das grandes incógnitas da historia.

Laura Filloy
Laura Filloy
Xornalista científica pola Universidade Carlos III de Madrid. Comezou a súa andaina profesional no Faro de Vigo. Con experiencia en comunicación institucional a través de Médicos sen Fronteiras e a Deputación de Pontevedra, meteuse de cheo na divulgación científica na Axencia EFE. Dende 2021 en Gciencia, onde segue a cultivar a súa paixón pola ciencia.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Este é o documental de 1927 que xa defendía a orixe galega de Colón

Un filme mudo expón con gravacións a cor das rías galegas e con textos impresos que o almirante procedía de Pontevedra

Pequenas modificacións químicas permiten inverter o xiro na secuencia do ADN

Unha investigación sobre o comportamento da molécula da vida podería axudar a entender a resposta das células canceríxenas ante o sistema inmune

Nova técnica de edición xenética permite reorganizar o ADN para curar enfermidades

Un novo método máis "preciso e potente" que CRISPR acaba de ser desenvolvido por investigadores de Estados Unidos e Xapón

O equipo que verifica a teoría do Colón galego reserva o resultado para un documental

O director do proxecto, José Antonio Lorente, estima que se publicarán as conclusións a finais de setembro ou, como moi tarde, o 12 de outubro