Xoves 28 Marzo 2024

Os 45 topónimos da ría de Pontevedra que Colón levou a América

A Cartoteca Domingo Fontán da Deputación de Pontevedra pon a disposición do público a carta náutica realizada en 2013

Non existen probas sólidas para demostrar, canto menos ata agora, a orixe galega de Cristovo Colón, unha posibilidade que, coma outras, segue sendo un misterio. O que parece máis claro é que mariñeiro que abriu o camiño á dominación do continente americano por parte do Imperio Español durante varios séculos levou ao outro lado do Atlántico parte da toponimia da ría de Pontevedra. Así se lembrou este mércores nun acto celebrado no edificio do Arquivo Provincial, no que se anunciou que a Cartoteca Domingo Fontán da Deputación Provincial vai poñer a disposición do público “de maneira inminente” unha carta náutica realizada en 2013 pola Autoridade Portuaria de Marín e Ría de Pontevedra do Ministerio de Fomento, e que recolle os 45 topónimos da Ría de Pontevedra cos que Cristóbal Colón nomeou os lugares aos que chegou en América.

O documento foi cedido ao Servizo de Patrimonio Documental e Bibliográfico pola Asociación Cristóbal Colón Galego. A agrupación promove a orixe pontevedresa do navegante baseándose na presenza do apelido Colón, e dunha persoa de nome Cristobo, nalgúns documentos oficiais de finais do século XV referentes ao concello de Poio, a partir das investigacións realizadas a comezos do século XX polo escritor e político Celso García de Riega.

Publicidade

Detalle do mapa. Foto: Deputación de Pontevedra.
Detalle do mapa. Foto: Deputación de Pontevedra.

Tal e como explicou o presidente desta entidade, Eduardo Esteban, os topónimos cínguense á área desta Autoridade Portuaria, pero existen arredor de 250 rexistros do litoral galego que aparecen replicados nas Antillas americanas onde chegou a expedición de Colón. E a maioría deles sitúanse na contorna de Pontevedra e Poio, onde se sostén que é natural. Destacan, entre outros, Portosanto, San Bartolomé, Punta Molino, Río Serpe, Cabo da Cruz, Punta Placeres, Pedra Longa, O Frade ou Monte Gordo.

O mapa fora presentado en 2013, e desde entón, segundo destaca a Deputación, introducíronse nel moitas matizacións, “xa que algúns nomes toponímicos teñen unha variante en galego na Galiza e no Novo Mundo a día de hoxe están presentes en español, habendo tamén cambios de femininos e masculinos”. “Hai que pensar que os topónimos chegan a nós a través dos libros de navegación, que moitos deles foron traducidos e non son os orixinais que escribiu Colón, senón Bartolomé de las Casas ou o propio fillo”, apuntou Eduardo Esteban.

Paralelismos

Sinalou Esteban que “normalmente as ubicacións adoitan ter unha semellanza do sitio galego co do Novo Mundo e entre os exemplos deste paralelismo que ofrece propón como un dos máis claros o do río Xallas, que desemboca en fervenza, sabendo que “Colón chámalle tamén río Xallas a outro que alá desemboca en fervenza”. Non só coincide o nome senón tamén a forma. Cousas que lle lembran á navegación aquí ímolas atopar alá reflexadas”, insiste.

“A xente que se atopa con este documento abre os ollos á posibilidade de que Cristóbal Colón puidera ser galego xa que é unha pegada dactilar da xeografía galega, neste caso da ría de Pontevedra, que imos ver reflexada en todo o ‘Novo Mundo’ ao longo dos viaxes que foi facendo Colón”, sostén Esteban.

Será a primeira vez, por tanto, na que un centro oficial teña o mapa para consulta e exhibición ou incluso para reproducción. “Era unha pena que ata o de agora tiveramos que acudir a copias sinxelas e económicas para quen as solicitaba. Desta forma a carta náutica xa vai ter unha consulta formal e profesional, con certa trazabilidade para saber quen a consulta e incluso introducir melloras ou ter opinión sobre os diferentes topónimos”, subliñou Esteban.

No acto oficial da doazón para que o mapa quede na Cartoteca ‘Domingo Fontán’ estiveron presentes a xefa do servizo de Patrimonio Documental e Bibliográfico, Ana Vicente, xunto con persoal da propia Cartoteca e, por parte da asociación, Eduardo Esteban, presidente; Javier Pazo Olmedo, secretario; e Manuel García Rodiño, tesoureiro.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Un mapa da NASA alerta da subida do mar en Galicia e revela as zonas máis afectadas

Unha ferramenta dixital baseada nos datos científicos do Sexto Informe do IPCC ofrece unha proxección sobre as subidas do nivel do mar en todo o mundo ata 2150

A gran eclipse solar de abril: cando e onde vela en Galicia?

Este fenómeno astronómico será visible de maneira parcial no oeste da comunidade, especialmente na franxa atlántica da Coruña e Pontevedra
00:36:16

“As mulleres teñen que dar un paso adiante e crer que poden emprender”

Na segunda sesión de Ciencia en Feminio a CEO de Hifas da Terra, Catalina Fernández, explica que a ciencia debe ser “vendible” e beneficiosa para a vida das persoas
00:36:16

EN DIRECTO | Ciencia en feminino. O emprendemento das mulleres

A doutora en Investigación Clínica en Oncoloxía pola Universidade de Santiago, Catalina Fernández, conta a súa experiencia como directora xeral de Hifas da Terra