A USC investiga con células nai de peixe cebra contra o cancro de páncreas

Investigadores do grupo ZebraBioRes do Campus de Lugo asinan un artigo en "Nature Communications" no que abordan as células implicadas nestes tumores

Pablo Cabezas, Laura Sánchez Piñón e Juan Rubiolo, investigadores do grupo ZebraBioRes. Foto: USC.
Pablo Cabezas, Laura Sánchez Piñón e Juan Rubiolo, investigadores do grupo ZebraBioRes. Foto: USC.

O cancro de páncreas, en concreto o adenocarcinoma ductal pancreático (PDAC), é na actualidade un dos tipos de tumores con peor prognóstico. Representa a cuarta causa principal de morte por cancro, cunha taxa de supervivencia a cinco anos de entre o 7 e o 9%. Un dos factores que poderían explicar esta elevada mortalidade e a ineficacia das terapias, segundo os científicos, apuntan á existencia dun tipo de células tumorais coñecidas como células nai cancerosas (CSC, polas súas iniciais en inglés), que son funcionalmente plásticas e teñen capacidades canceríxenas, quimiorresistentes e metastásicas. Neste tipo de células céntrase unha investigación que desde hai tres anos desenvolven, entre outros equipos, o grupo ZebraBiores da Facultade de Veterinaria da USC, no Campus de Lugo, e que se acaba de reflectir nun traballo publicado na revista Nature Communications.

Segundo explica Laura Sánchez Piñón, catedrática de Xenética da USC, estas células nai cancerosas “teñen capacidade para orixinar calquera outro tipo de célula tumoral, ao tempo que tamén son as responsables da orixe do tumor, da metástase ou extensión a outros órganos e mesmo das posibles recaídas nesta enfermidade”. Fronte a este problema, o artigo no que participan os científicos do campus lucense describe unha nova metodoloxía de cultivo de células nai de cancro en modelos de peixe cebra, baseada en forzar a súa fosforilación oxidativa. O modelo achega, deste xeito, máis luz sobre a existencia dunha conexión previa, e aínda non recoñecida, entre as características das células nai e o metabolismo mitocondrial.

 Imaxe dun exemplar de peixe cebra transplantado con células nai de cancro de páncreas marcadas cun fluorocromo. Foto: USC.
Imaxe dun exemplar de peixe cebra transplantado con células nai de cancro de páncreas marcadas cun fluorocromo. Foto: USC.

Dentro do traballo multidisciplinar no que tomaron parte científicos de varios centros de investigación españois e alemáns, o equipo USC encargouse da realización dos estudos in vivo con xenotrasplantes de células nai en embrions de peixe cebra para comprobar e determinar o potencial deste novo método na selección de novos fármacos. Sánchez Piñón, que asina o traballo xunto aos compañeiros de grupo Pablo Cabezas Sáinz e Juan A. Rubiolo, expón que esta metodoloxía “representa unha plataforma que contribuirá ao descubrimento de novas propiedades das células nai do cancro pancreático e impulsará o desenvolvemento de novos tratamentos e terapias fronte a este enfermidade”.

Os resultados obtidos no marco desta liña de investigación, proba unha vez máis a utilidade dos modelos en estudos experimentais realizados en animais, peixes e ratos, para o desenvolvemento da medicina en humanos.


Referencia: Exploiting oxidative phosphorylation to promote the stem and immunoevasive properties of pancreatic cancer stem cells (Publicado en Nature Communications).

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
POLÍTICA DE COMENTARIOS:

GCiencia non publicará comentarios ofensivos, que non sexan respectuosos ou que conteñan expresións discriminatorias, difamatorias ou contrarias á lexislación vixente.

GCiencia no publicará comentarios ofensivos, que no sean respetuosos o que contentan expresiones discriminatorias, difamatorias o contrarias a la ley existente.

Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.