Venres 29 Marzo 2024

Margarita del Val: “A onda do outono non é inevitable, podémola parar”

A científica do CSIC, experta en virus e inmunoloxía, aborda nesta entrevista para "The Conversation" o presente e futuro da pandemia

* Unha entrevista de

A viróloga Margarita del Val, do Centro de Bioloxía Molecular Severo Ochoa (CBMSO-CSIC-UAM) e coordinadora da Plataforma Temática Interdisciplinar do CSIC en Saúde Global que investiga a Covid-19, cre que haberá unha vacina para o coronavirus, pero non será pronto. Ademais, advirte de que a onda de outono que está a chegar a toda Europa non fixo máis que empezar.

Publicidade

– Que cre que nos espera de aquí ao Nadal?

– O frío chegou antes aos países do norte e empezou a subir a curva de casos. Eu creo que iso é o que nós estamos a empezar a ver, cun pequeno atraso segundo a provincia sexa máis ou menos fría. Imos enfrontarnos a unha onda de outono. Véxoo polo que está a pasar en Europa e polo que aconteceu en España en 2009 coa pandemia de gripe A, outro virus respiratorio nunha época de pandemia con demasiada xente sen inmunidade. Entón empezou a subir a curva amodo, sobre todo co frío de Madrid, segundo empezaba o outono.

Non é exactamente comparable [coa gripe A] porque agora temos medidas para protexernos e, se as aplicamos, podemos paralo. A onda de outono non é unha maldición inevitable, podémola evitar nós. Pódese parar. As persoas maiores este verán non tiveron a súa onda porque se retiraron e fixeron que baixase a idade mediana dos casos de 60 a 38 anos.

A prevención moi temperá xa pilla lonxe, pero pódese retardar o suficiente con medidas de prevención de saúde pública: hixiene, distancia, máscaras, control do aire, ter coidado cos sitios pechados, restrinxir as burbullas, teletraballar quen poida, facilitar o transporte público para que non haxa aglomeracións, dar máscaras a quen non poida gastar tanto nelas, illar a quen non pode facelo en hoteis medicalizados, como xa hai en Madrid…

Como chegaremos a Nadal? Depende de nós, sempre depende de nós. Non é como cando chega a borrasca, que dá igual o que fagamos. A borrasca da pandemia podémola controlar nós. É verdade que é máis difícil no outono que no verán e Europa está a evidencialo: varios países que practicamente non tiveron onda de verán agora empezan a ver máis casos.

– Máis a longo prazo, que escenario podemos prever, sobre todo en ausencia de vacina?

– Os outros coronavirus [que causan arrefriados] teñen xenes de virulencia, pero parecen benignos porque unha gran maioría da poboación ten inmunidade. Como nós estamos fortes, eses virus parecen débiles. Poñéndonos no peor, o SARS-CoV-2 podería quedar como outro coronavirus catarral algo menos leve que os outros. Quizá como a gripe, que causa mortes todos os anos.

– Son as reinfeccións motivo de preocupación?

– Eu esperábaas porque ocorren cada par de anos noutros coronavirus, aínda que con diferenzas tremendas en cada persoa, de entre 6 meses e 5 anos. Os linfocitos de memoria xeran células que fabrican anticorpos, e entón non hai síntomas, ou convértese nunha catarreira. É o que esperamos co SARS-CoV-2: aínda que non sexa tan banal, que sexa máis suave que a primeira vez.

Margarita del Val fai unha chamada á precaución cos posibles casos de reinfección

Unha vez dito isto, coas reinfeccións hai que ter moi claras dúas cousas. Primeiro, que de verdade sexa así, e a secuencia do virus sexa distinta en cada episodio. En bastantes dos casos propostos non se puido facer, e igual é unha recaída ou un falso negativo, coidado con chamalo reinfección.

En segundo lugar, non podemos interpretar a reinfección se non sabemos a diferenza no sistema inmunitario entre o primeiro e o segundo episodio. No primeiro caso de falecemento por reinfección o paciente, unha muller de 89 anos, tiña un cancro linfático. Estaban a darlle unha quimioterapia moi agresiva e o seu sistema inmunitario non tiña a mínima capacidade de reaccionar.

– Haberá vacina?

– Eu creo que si, porque os coronavirus varían menos que a gripe e hai máis de cen vacinas en desenvolvemento. Que as primeiras serán as máis sinxelas e se cadra non bastan? Pode, pero na nosa situación actual será un avance xigante aínda que só protexa parcialmente. A partir de aí iranse mellorando, porque o que se lle pide a unha vacina é que sexa igual ou mellor que a inmunidade natural.

En calquera caso, non creo que haxa unha única primeira vacina, porque xurdirán e produciranse máis en diferentes países. Tampouco confío en que sexa moi pronto e, sobre todo, que nos quiten por completo a responsabilidade de manter as medidas preventivas. Iso si, as vacinas téñense que expandir por todo o mundo, mesmo desde un punto de vista egoísta, ou volverá a epidemia.

O ideal será que, ademais de evitar síntomas e mortes, as vacinas eviten os contaxios. Esas son as mellores. En caso contrario non pagará a pena vacinar a millóns de mozos sans que xa teñen unha altísima probabilidade de ser asintomáticos contaxiosos.

A vacina “será un avance xigante aínda que só protexa parcialmente” nas primeiras que se administren, expón Del Val

– Como garantir que sexan seguras con tan pouca marxe de tempo?

– A quen quero protexer é ás persoas que teñen Covid-19 grave e morren, e para iso temos que empregar vacinas que funcionen e sexan seguras neles. Para saber que unha vacina é segura nos grupos de risco primeiro houbo que facer ensaios clínicos en persoas sas e logo atreverse a recrutar voluntarios entre eses grupos de risco. A iso aínda non chegamos. Por iso creo que haberá vacina, pero non tan pronto.

– Que opina dos ensaios de provocación que iniciará Reino Unido, nos que infectará a voluntarios sans vacinados?

– É un debate ético importante. Luís Enjuanes [do Centro Nacional de Biotecnoloxía-CSIC] comentou que unha alternativa é que se faga unha infección controlada cun SARS-CoV-2 atenuado, e xa están a preparar eses virus. O risco baixaría e poderíase ver se controla a replicación, que xa é un avance aínda que a visión non sexa completa porque non diga nada sobre a enfermidade.

En casos de emerxencia, outra posibilidade é ir a unha zona con alta incidencia, vacinar á metade, dar un placebo á outra parte e logo avalialo. Pero tamén é certo que a exposición natural pódela evitar , ou pódela forzar. Dislles aos vacinados que se deixen infectar e vaian sen máscara e sen respectar a distancia? É complicado.

– E que pasa cos fármacos? Os grandes ensaios para reaproveitar tratamentos existentes foron, de momento e en xeral, un fracaso.

– Probar un fármaco que xa se usa para outra doenza, e do que se sabe que non é tóxico, se os ensaios previos son prometedores, é unha estratexia que abarata e acelera o desenvolvemento de fármacos. Non é nova. Pero non é un antiviral deseñado a medida e hai que probar moitos, non vas atopar un de cada dez. Isto non era desexable pero si esperable. Están a probarse máis e igual xorde algún. Ademais, ata o de agora buscáronse moitos antibióticos e poucos antivirais, e os virus respiratorios non tiveron un alcance que xustificase a súa investigación. É por iso que aínda non se dispoñía deles.

O ensaio mundial da OMS non atopa fármacos efectivos para pacientes de Covid-19

– Estudos recentes aseguran que a letalidade baixou en moitos países porque comparan marzo con xuño. Parécelle acertada esa formulación?

– As circunstancias non me parecen as mesmas, porque en marzo non sabiamos os grupos de risco e a protección era distinta. Non é comparable e a mortalidade do verán foi menor porque afectou a xente moito máis nova. O cambio na poboación afectada fai que dúas ondas sexan moi distintas. Dous momentos distintos da pandemia non se poden comparar tan facilmente. De feito, Fernando Simón dixo que empeza a subir a idade dos pacientes maiores en UCI. Aínda que se protexeron, xa está a chegar a eles.

– Cre que se fala con demasiada seguridade dos efectos a longo prazo? Algúns como a fatiga, a tensión, o insomnio e a dor de cabeza poderían atribuírse á propia crise.

– Efectivamente haberá que ver que parte está causada pola situación anómala que vivimos. A tensión, a ansiedade, a depresión por non ver á túa familia, non ter traballo… iso causa síntomas reais. Nunha traxedia como esta é normal sentirse feito un farrapo.

O resto das secuelas aínda non as sabemos. Non o vimos nunca antes cunha infección, non sabemos cantas cousas son secuelas dunha gripe. É absolutamente novo para a humanidade porque nunca o viramos de preto, cunha medicina tan avanzada e un acceso a tantos datos, unha infección. Non sabiamos o que eran as secuelas.

Ademais, tratamos aos enfermos de Covid-19 antes que as secuelas, que están un pouco abandonadas. É unha causa de preocupación médica que hai que aclarar canto antes. Tamén cómpre limpar un pouco a ristra de síntomas, na que entra practicamente todo. Hai que aclarar, non confundir.

“Cómpre limpar a ristra de síntomas, na que entra practicamente todo”, advirte Del Val

– Cre que esta é a gran pandemia que os científicos esperaban desde hai anos?

– Esperabamos unha pandemia de gripe e esta foi peor precisamente por iso. As grandes pandemias de gripe afectan sobre todo a persoas novas, porque os maiores teñen inmunidade celular, difícil de medir pero moito máis conservada no tempo, ao estar toda a súa vida reinfectándose sen decatarse. Criamos que iso era unha pandemia: o virus da gripe cambia tanto que unha parte da poboación non ten nada de inmunidade. Sempre houbo gripe A, pero afectaba aos mozos.

O que non esperabamos é que isto afectase así ao 100% da poboación, porque temos un concepto erróneo de que era a inmunidade. Só se miraban os anticorpos, algo que é o fácil de medir. Pasei toda a vida dicindo que a inmunidade celular é importante. Os anticorpos neutralizan os virus, pero a inmunidade celular destrúe as células infectadas onde os virus se fabrican a miles. É a gran pandemia porque ninguén esperaba que afectase dese xeito á poboación anciá porque non fora así coas gripes, que era o que esperabamos.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Por que o exercicio físico axuda a que os tratamentos médicos funcionen mellor?

É unha ferramenta barata, fácil de usar e moi efectiva coa que podemos mellorar o prognóstico da maioría de enfermidades

Un equipo do CSIC logra controlar unha doenza causante da extinción dos anfibios

Os investigadores aplicaron un funxicida agrario sen observar trazas do produto nin efectos significativos na química e bioloxía da auga

Como lograr vivendas autosuficientes como a Estación Espacial Internacional

As casas do futuro tenderán a comportarse como un ser eficiente e autosuficiente, que trate de vivir en simbiose coa contorna natural

Teño que poñer xeo se sufro unha lesión? A ciencia desaconséllao, e por unha boa razón

Algúns inflamatorios, incluíndo a auga xeada, modifican o proceso inflamatorio e favorecen as malas recuperacións e a fibrose