En Galicia hai unha elevada incidencia da enfermidade de Lyme, que transmiten as carrachas. Ademais, xa se atopou en 21 concellos a especie que contaxia a febre hemorráxica de Crimea-Congo, malia que non exista constancia da circulación do virus. Con este telón de fondo, a Cátedra do Camiño e das Peregrinacións da Universidade de Santiago (USC) financiará un proxecto da investigadora Susana Remesar, que determinará cales son as zonas de risco de picaduras de carrachas no Camiño francés dende o Cebreiro ata Compostela. O obxectivo deste proxecto é previr as mordeduras destes artrópodos hematófagos e, así, reducir o risco de transmisión de patóxenos.
De feito, estudos previos do grupo de investigación de Remesar demostraron que unha elevada porcentaxe das carrachas presentes na vexetación de Galicia albergan patóxenos zoonóticos como o B. Burgdorferi s.l, o máis prevalente e causante da enfermidade de Lyme, da que se ten observado un aumento da incidencia ata o punto de considerarse endémica en Galicia.
O Camiño de Santiago é a ruta antiga máis concorrida de Europa e a maioría do seu percorrido realízase por áreas boscosas con vexetación autóctona con presenza de animais silvestres que forman no seu conxunto un hábitat axeitado para o mantemento das poboacións de carrachas, pero non existen datos sobre esta especie na maioría das zonas incluídas nesta ruta. Deste xeito, as mostraxes de carrachas realizaranse durante os períodos de maior actividade e a detección e caracterización dos patóxenos farase con técnicas de bioloxía molecular poñendo atendendo a un punto de vista sanitario.
Todos os resultados compartiranse cos diferentes servizos de atención primaria, puntos de información do Camiño, oficinas de información turística e albergues, aos que se lles achegará diferentes estratexias de control con información sobre como previr as picaduras e como actuar no caso de sufrilas.
Outros proxectos financiados
A Cátedra, que xurdiu da colaboración da USC con Turismo de Galicia da Xunta, financiará outros dous proxectos de investigación sobre o Camiño logo de resolver a súa sétima convocatoria de axudas. Un deles é a certificación dos Camiños en Portugal, presentado pola doutorada pola Universidade de Minho, Maria Joao da Cruz Rodrigues Moreria. Con el pretende analizar os procedementos de certificación de cinco itinerarios concretos, co obxectivo principal de estudar os plans de xestión que instruíron as peticións de certificación e coñecer en que medida foron conseguidos os obxectivos iniciais propostos.
Tal e como explica a autora, a notoriedade pública dos Camiños de Santiago en Portugal contou coa forte achega de entidades públicas e privadas, sobre todo asociacións xacobeas e municipios que desde o inicio do século XXI denunciaban o desinterese da Administración Central en regulalos. Fronte a esa presión, o Goberno tomou en 2019 a primeira iniciativa lexislativa, cuxo obxectivo era institucionalizar esas rutas coa certificación dos itinerarios xacobeos, un proceso que deu xa en 5: Camiño Portugués de Santiago Central – Alentejo e Ribatejo, Camiño Portugués de Santiago Interior, Camiño Portugués de Santiago – Camiño da Costa, Camiño Portugués de Santiago Central – Rexión Centro e, por último, Camiño Portugués de Santiago Central – Porto e Norte.
Co proxecto pretende, concretamente, avanzar no coñecemento sobre o desenvolvemento institucional dos Camiños de Santiago en Portugal, estudar a eficacia dos plans de xestión e identificar a operatividade da actual lexislación na tutela xurídico-cultural deses Camiños. Como fin último, búscase identificar prácticas e mecanismos viables para un modelo de xestión eficiente das rutas.
Unha aplicación de alerta
O terceiro e último proxecto seleccionado pola Cátedra do Camiño de Santiago ten que ver co grao de coñecemento que teñen os peregrinos sobre AlertCops, a aplicación móbil de titularidade pública que permite á cidadanía poñerse en contacto de forma inmediata coa Policía ou a Garda Civil para alertar de calquera situación delituosa, e que ten unha funcionalidade específica para o Camiño de Santiago.
O proxecto do profesor de Ciencias da Comunicación da USC José Sixto García bota man dun estudo realizado en 2019 pola profesora de Psicoloxía Mar Durán e financiado pola mesma Cátedra que alertaba de que un 80% das persoas non se atreverían a peregrinar soas. Para paliar esta situación, o investigador entende necesario comprobar o grado de coñecemento da app e cuantificar o posible uso das súas funcionalidades para determinar como inflúen eses datos na percepción de estar realizando un Camiño seguro.
Os resultados da investigación transferiranse tanto ás Forzas e Corpos de Seguridade como ao Consello Xacobeo e á Federación de Asociacións de Amigos do Camiño de Santiago para que poñan en marcha accións comunicativas de información sobre AlertCops.