Atención: carrachas!

Son unha nena de aldea e non entendo a vida sen estar rodeada de animais. Lembro a morte de Linda e Marquesa sendo eu ben cativa ―os nomes máis populares das vacas galegas, por certo―, a matanza do porco no outono, a alegría cando nacía un año e os ovos no mandil da avoa. Como esquecer a Luna, Sisí e Anastasia ―sempre houbo matriarcado felino―; e a Chispa, Nené, Perla e Tasky. A mención de honra é para Cocky, a miña metade animal

Regaláronmo cando tiña oito anos e nos meus mellores recordos da infancia sempre está el. Con tan só nove meses enfermou e estivo a piques de morrer. O veterinario advertiunos do seu delicado estado de saúde e diagnosticoulle unha anemia moi grave a causa da picadura dunha carracha. Cocky salvouse despois de días de angustia. O que eu non sabía daquela, con nove anos e unha tristeza incontrolable, era que as carrachas non só supoñían unha ameaza para a saúde animal, senón tamén humana. 

Publicidade

Un estudo da Universidade de Santiago acaba de confirmar que o virus da encefalite transmitida por carrachas xa circula en Galicia. É unha enfermidade que causa síntomas neurolóxicos, pode deixar graves secuelas nos pacientes e mesmo provocar a morte. Púidose detectar o patóxeno grazas ao encomiable traballo do grupo COPAR, que realizou un estudo de seroprevalencia en animais e achou anticorpos fronte ao virus porque, aínda que eles non enferman, o seu sistema inmune si responde ante a infección.

Que o virus circule non debe ser motivo de alarma, senón unha mensaxe de precaución, sobre todo porque, ata o de agora, non se rexistrou ningún caso en humanos en Galicia. Noutras partes de España si, pero foron importados doutras áreas onde é endémico, como algúns países de Asia e do centro e norte de Europa. 

Publicidade

A confirmación de que o virus da encefalite transmitida por carrachas xa está en circulación lémbrame a outra noticia tan semellante como recente. En 2023 ―os resultados publicáronse ao ano seguinte― detectouse por primeira vez en Galicia o virus que causa a febre hemorráxica de Crimea-Congo, que pode acadar taxas de mortalidade de ata o 40%. De novo, foi grazas aos estudos de seroprevalencia en animais do grupo COPAR.

Cocky, nunha foto do álbum familiar.

A chegada do virus que causa Crimea-Congo era cuestión de tempo, dado que un estudo previo xa o detectara no Bierzo. De feito, a maioría da vintena de casos autóctonos detectados en España dende 2016 ata 2026 rexistráronse en Castela e León, onde se notificaron varias mortes a causa da febre hemorráxica. Tanto Crimea-Congo como a encefalite transmitida por carrachas —así como outras enfermidades emerxentes— supoñen unha clara ameaza para a saúde pública

Non existía constancia da súa circulación en Galicia ata hai apenas tres anos, pero tal e como sinala o grupo COPAR, os “cambios socioeconómicos e climáticos” alteran as regras do xogo. É dicir, a globalización e o cambio climático provocan a chegada de especies novas e crean o caldo de cultivo perfecto para a entrada de enfermidades emerxentes. Estudos como os do grupo COPAR, integrado na Rede Galega de Vixilancia de Vectores (ReGaViVec) da Consellería de Sanidade, son imprescindibles para saber a que escenarios nos enfrontamos, tomar medidas preventivas e concienciar a poboación.

Máis alá das iniciativas das administracións públicas, a responsabilidade individual é clave. Se saes ao monte este verán, lembra botar repelente de insectos, revísate cando chegues á casa, tápate ben e usa roupa de cores claras para identificar mellor as carrachas. No caso de que atopes unha prendida na pel, debes retirala de inmediato cunhas pinzas, pero asegurándote que a extraes por completo. Se non es capaz, o mellor é que acudas ao teu centro de saúde. Toda precaución é pouca

Por suposto, revisa ben a túa mascota e segue estritas pautas de desparasitación. Protéxeste a ti e tamén a el. Cando Cocky enfermou sendo tan pequeno, e sendo eu tamén unha cativa, sentín por primeira vez o medo irracional a perder un anaco imprescindible de min. Era un can pequeno, de ollos grandes e expresivos, que se convertera no meu mellor compañeiro de xogos. Aquel foi o primeiro episodio da súa delicada saúde: tivo unha gravísima infección detrás do globo ocular uns anos despois e unha enfermidade descoñecida de orixe hormonal acabou coa súa vida cando estaba a piques de facer nove anos.

A súa perda foi tan dolorosa que aínda hoxe, cando o lembro, sinto unha pena que me atenaza. Ao mesmo tempo sinto unha inmensa alegría de ter medrado con el e co resto de mascotas que marcaron a miña infancia. Fun (e son) unha nena de aldea. E que afortunada.


⚫️ Bidóns radioactivos ☢️ Entre os anos cincuenta e oitenta vertéronse na Foxa Atlántica miles e miles de bidóns con residuos radioactivos. O español Javier Escartín encabezou unha investigación do Centro de Investigacións Científicas de Francia (CNRS) para coñecer o estado dos barrís e a súa interacción coa flora e a fauna. Esta semana publicáronse en aberto as imaxes da expedición realizada hai uns meses. Podes velas aquí. Son impresionantes e dan moito (pero moito) que pensar.

⚫️ Radiografía da calor 🥵 Se hai un tema recorrente dende finais de maio é a calor. Xa encadeamos varios episodios de temperaturas extremas, malia que esta semana chegou o alivio ao litoral grazas á entrada de aire atlántico. Aínda así, hai motivos de alarma. Unha infografía do climatólogo Domininc Royé revela que o verán galego é 1,8 graos máis cálido que hai 60 anos. Comproba aquí os datos.

Barril degradado co seu contido derramado no fondo mariño, no vertedoiro de residuos radioactivos do Atlántico Nordeste, amosando a colonización por anemonas entre outras formas de vida abisal. Tras unha inspección do barril polo 'Nautile', obtivéronse mostras de sedimento da súa contorna inmediata. Imaxe: NODSSUM Cruise, CNRS, Flotte Océanographique Française, IFREMER, Instalación MISO/WHOI. Dereitos de autor: CNRS
Barril degradado co seu contido derramado no fondo mariño, no vertedoiro de residuos radioactivos do Atlántico Nordeste, amosando a colonización por anemonas entre outras formas de vida abisal. Tras unha inspección do barril polo ‘Nautile’, obtivéronse mostras de sedimento da súa contorna inmediata. Imaxe: NODSSUM Cruise, CNRS, Flotte Océanographique Française, IFREMER, Instalación MISO/WHOI. Dereitos de autor: CNRS

⚫️ Do Neolítico á Idade Media ⚒️ A proba do carbono 14 sobre unha semente pode ser a clave para afinar a cronoloxía dun xacemento. Iso é o que vén a demostrar unha iniciativa pioneira da Dirección Xeral de Patrimonio da Xunta e do Instituto de Ciencias do Patrimonio (Incipit-CSIC). Reescribiron parte da nosa historia e lograron afinar as datacións de varios xacementos entre o Neolítico e a Idade Media. Non perdas esta reportaxe de Noelia.


Ciencia en confianza é unha newsletter de GCiencia que se lanza todos os sábados ás 10 horas para analizar os temas da semana dunha forma persoal e próxima. Se estás interesado ou interesada en recibila no teu correo, subscríbete aquí.

Laura Filloy
Laura Filloy
Xornalista científica pola Universidade Carlos III de Madrid. Comezou a súa andaina profesional no Faro de Vigo. Con experiencia en comunicación institucional a través de Médicos sen Fronteiras e a Deputación de Pontevedra, meteuse de cheo na divulgación científica na Axencia EFE. Dende 2021 en Gciencia, onde segue a cultivar a súa paixón pola ciencia.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Radiografía do lume

Os incendios da Comunidade de Madrid e da provincia de Álava foron emerxencia nacional, e isto é o que aprendimos dos lumes de agosto de 2025 en Galicia. Por Andrea Veiga

Non estaban tolas

Rescatados 23 testemuños de violencia machista dos arquivos do psiquiátrico de Conxo

O virus da encefalite transmitida por carrachas chega a Galicia: un estudo detecta anticorpos en animais

Un equipo da USC confirma a circulación do patóxeno, considerado unha ameaza de saúde pública pola gravidade dos síntomas neurolóxicos que pode causar

Tremor no Caribe

Dous terremotos sacoden Venezuela e deixan un balance catastrófico con 1.450 falecidos e 3.150 feridos. Por Laura Filloy