O virus da encefalite transmitida por carrachas chega a Galicia: un estudo detecta anticorpos en animais

Un equipo da USC confirma a circulación do patóxeno, considerado unha ameaza de saúde pública pola gravidade dos síntomas neurolóxicos que pode causar

A febre, a fatiga e as alteracións neurolóxicas son algúns dos síntomas da encefalite transmitida por carrachas, unha enfermidade vírica que afecta o sistema nervioso central e pode deixar graves secuelas nos pacientes e, incluso, ser letal. Considérase endémica nalgúns países de Asia e do norte e centro de Europa e, ata o de agora, España estaba libre da doenza e só rexistrara casos importados. Agora, un estudo do grupo COPAR da Universidade de Santiago (USC) confirma que o virus xa circula en Galicia tras detectar anticorpos en animais. “É unha ameaza para a saúde pública”, sinala a investigación, debido ás “manifestacións neurolóxicas graves” que pode causar o patóxeno.

O virus transmítese principalmente pola picadura de carrachas, sobre todo da especie Ixodes ricinus, a mesma que contaxia a enfermidade de Lyme e que está presente en case todo o territorio galego. O estudo, integrado no informe anual da Rede Galega de Vixilancia de Vectores (ReGaViVec) da Consellería de Sanidade, pon de manifesto que o norte da península reúne condicións climáticas favorables para a supervivencia e dispersión de Ixodes ricinus. Por este motivo, e co obxectivo de non infraestimar a circulación do virus, o grupo COPAR empregou animais sentinela para detectar anticorpos fronte ao patóxeno da encefalite transmitida por carrachas ou TBEV (tick-borne encephalitis-virus, polas súas siglas en inglés).

Publicidade

Prevalencia do 5%

“Os animais non enferman, por iso o patóxeno pasa desapercibido”, explica o coordinador do equipo da Facultade de Veterinaria, Adolfo Paz Silva. Así, a través de mostras de sangue de animais domésticos enviadas por clínicas veterinarias colaboradoras e por outras recollidas por membros do equipo en centros hípicos puideron estudar a presenza de anticorpos en animais que, sen desenvolver o cadro clínico, axudaron a detectar a circulación do virus, que mostrou unha prevalencia do 5%. Este mesmo procedemento, realizado en 2023, permitiu identificar a circulación en Galicia doutro virus de extrema preocupación pola súa taxa de ata o 40% de mortalidade: a febre hemorráxica de Crimea-Congo, transmitida principalmente pola especie Hyalomma marginatum.

Ante a confirmación da circulación do TBEV, Paz Silva quere lanzar unha mensaxe de calma: “Non hai que alarmarse, pero é importante identificalo para previr futuros problemas”. De feito, nas conclusións do informe solicítase que se amplíen o número de mostras, animais e zonas estudadas para obter datos máis precisos sobre a circulación do virus da encefalite transmitida por carrachas. “Este achado reforza a importancia do enfoque One Health, onde o estudo da vexetación en animais e persoas resulta esencial para anticipar riscos para a saúde humana”, apunta a investigación.

Publicidade

Dous casos en España

O primeiro caso de TBEV rexistrado en España notificouse en abril de 2020, tras confirmar a infección nun paciente de 18 anos que consumira leite contaminado tras viaxar por Estonia. O segundo, tamén importado, foi nun neno de dous anos que estivera nunha zona rural de Austria onde o picaran varias carrachas. Precisamente estes dous casos poñen de manifesto as principais vías de transmisión deste tipo de encefalite: a máis común, a picadura dun dos seus vectores; a segunda, pola inxestión de lácteos a partir de leite cru ou non pasteurizado de cabras, vacas e ovellas infectadas. “Non se describiu a transmisión de persoa a persoa”, sinala o Instituto de Saúde Carlos III (ISCIII).

Síntomas e tratamento

En canto á súa sintomatoloxía, adoita desenvolverse en dúas fases. Segundo o Portal Europeo de Información sobre Vacinación, os primeiros síntomas —aparecen entre os dous e oito primeiros días— son febre, fatiga, dor de cabeza e muscular, e náuseas. Na segunda fase, de dúas a catro semanas despois da infección, o virus pode provocar unha inflamación do cerebro e derivar nunha meninxite e/ou encefalite que causen manifestacións neurolóxicas graves. Por exemplo, problemas de memoria, concentración e función cognitiva; debilidade muscular; tremores; alteración da coordinación e movementos involuntarios; entumecemento; e sensación de formigo.

Segundo o ISCIII, entre un 35% e un 58% das persoas infectadas por TBEV sufrirá secuelas. Algúns dos síntomas crónicos que pode deixar a infección son a fatiga, a deterioración da función motora e outras afectacións neurolóxicas. Ademais, o virus pode ser letal, cunha taxa de mortalidade que oscila entre o 1% e o 3%. Tampouco existen tratamentos específicos, mais si unha vacina. Porén, só se recomenda a persoas que viaxen a zonas endémicas ou que residan nesas áreas, así como outras que estean en risco pola súa profesión, como os granxeiros. Na Unión Europea e no Espazo Económico Europeo notifícanse anualmente uns 3.000 casos de encefalite transmitida por carrachas.

Por que agora?

O grupo COPAR xa atopou evidencias da circulación en Galicia dos virus de Crimea-Congo e do TBEV. O motivo polo que estes patóxenos aterran en zonas onde non son endémicos hai que buscalos nos cambios socioeconómicos e climáticos. “Están a favorecer unha serie de alteracións na distribución das carrachas, modificando tamén as enfermidades emerxentes e reemerxentes que poden causar nas poboacións de animais e persoas”, sinala o informe. Amais disto, hai outros factores que contribúen á chegada de novos virus e vectores, como o cambio no patrón migratorio das aves, a introdución de especies exóticas invasoras que desprazan as autóctonas e a progresiva destrución de ecosistemas. Todo isto crea un cóctel perfecto para que cheguen a Galicia vectores e enfermidades que ata agora non estaban presentes.

A encefalite transmitida por carrachas non é considerada endémica nin, ata o momento, se notificaron casos autóctonos en España, mais é de vital importancia coñecer a circulación do virus para concienciar a poboación e promover medidas que protexan a saúde pública. Á calma que solicita Paz Silva dende o grupo COPAR hai que sumar a importancia de xerar coñecemento científico que permita coñecer as regras do xogo e axude a anticiparse a enfermidades emerxentes. Agora, sen alarmas pero con conciencia, precísanse máis estudos que permitan mapear o territorio galego, atopar os puntos quentes e anticiparse aos desafíos que impón o cambio climático.

Laura Filloy
Laura Filloy
Xornalista científica pola Universidade Carlos III de Madrid. Comezou a súa andaina profesional no Faro de Vigo. Con experiencia en comunicación institucional a través de Médicos sen Fronteiras e a Deputación de Pontevedra, meteuse de cheo na divulgación científica na Axencia EFE. Dende 2021 en Gciencia, onde segue a cultivar a súa paixón pola ciencia.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Como de sostible é o teu concello segundo os obxectivos para 2030? Compróbao neste mapa interactivo

A UVigo desenvolve unha plataforma aberta que avalía o grao de cumprimento dos 17 ODS a partir de 69 indicadores

Investigadores analizan macroalgas verdes mariñas para impulsar a súa valorización en Galicia

Un equipo da UVigo estuda os polisacáridos do xénero Codium da costa galega como fonte de novos ingredientes funcionais

Unha tese identifica unha Escola Galega de Percusión con ritmos e técnicas propias

A investigación de Cristian Silva Bóveda na USC recupera a historia dos intérpretes relegados e descifra os patróns de gravacións do século XX

Galicia está entre as zonas cun maior declive de polinizadores de Europa

Entre os anos 1921 e 2020, na rexión atlántica diminuíu un 42% a ocupación das especies de abellas e nun 32% a dos sírfidos