A enfermidade de Lyme en Galicia: “Houbo un aumento exponencial nos últimos 15 anos”

Lugo é a provincia con maior incidencia dunha doenza que transmiten as carrachas do xénero 'Ixodes', moi abundantes en territorio galego

A recente detección do virus de Crimea-Congo en carrachas do Bierzo fixo saltar as alarmas sobre a posibilidade de que a febre hemorráxica, que ten unha taxa de letalidade que pode acadar o 40%, chegase a Galicia. De momento, non hai evidencia científica sobre a súa circulación no territorio, malia que si estea presente o seu principal vector de transmisión: a especie Hyalomma marginatum. Pese á ameaza que supón Crimea-Congo, as expertas poñen o foco noutra doenza que tamén transmiten as carrachas e que presenta unha elevada incidencia nalgunhas zonas de Galicia: “A enfermidade que nos debería preocupar é Lyme”. Así o expón Elvira Íñiguez, membro da Rede Galega de Vixilancia de Vectores (ReGaViVec). A súa compañeira Rita Sánchez- Andrade asegura que cada vez hai máis casos: “Houbo un aumento exponencial nos últimos 15 anos”.

“A enfermidade de Lyme transmítena fundamentalmente as ninfas de Ixodes ricinus. Son moi pequenas e, ás veces, os pacientes non son capaces de describir se os picou ou non unha carracha”, explica Sánchez-Andrade, investigadora do Grupo COPAR da Universidade de Santiago (USC) e profesora de Zoonoses e Saúde Pública na Facultade de Veterinaria de Lugo. Estes arácnidos son, ademais, moi abundantes en Galicia e nos laboratorios do Campus Terra analizan centos cada ano. Esta especie de carracha transmite Lyme se está infectada polo xénero de bacterias Borrelia. O principal problema é que os seus resevorios son os pequenos mamíferos, como os roedores e os ourizos, que escapan a todo control veterinario. Iso si, de igual modo que co virus de Crimea-Congo, os animais non sofren a enfermidade.

Publicidade

Segundo o Boletín Epidemiolóxico de Galicia, publicado en decembro de 2023, o número de persoas afectadas por Lyme entre 2014 e 2021 —últimos anos dos que se teñen datos— ascende a 464, das que 249 son homes e 215 son mulleres. No que respecta á súa distribución xeográfica, Lugo é a provincia máis afectada, cunha incidencia especialmente elevada no municipio da Fonsagrada, onde tamén está presente a carracha Hyalomma marginatum, que transmite o virus de Crimea-Congo. En relación ás franxas de idade, o sector etario con maior número de casos é o que vai dende os 65 ata os 74 anos, seguido de preto polos cativos de 5 a 9 anos.

Ampla sintomatoloxía

Outro aspecto característico da enfermidade de Lyme é a súa ampla sintomatoloxía. “En estadíos iniciais, o máis característico é o eritema migrans. É unha mancha na pel formada por dous aros e o interior é de cor branca”, describe Íñiguez, técnica da Dirección Xeral de Saúde Pública. Esta é a manifestación clínica máis habitual de Lyme, dado que preto do 80% das persoas infectadas presentan este tipo de lesión cutánea. Con todo, a nómina de síntomas é moito máis ampla, e en fases precoces pode causar febre, dor de cabeza, muscular e articular, así como ganglios linfáticos inflamados. Co paso dos meses, os doentes poden presentar manifestacións neurolóxicas, cardíacas ou articulares agudas. E cando a enfermidade está en fase III, cunha duración de meses ata anos, pode provocar artrite persistente ou incluso neuroborreliose.

Publicidade

Esta última é unha infección do sistema nervioso e unha tardía manifestación da enfermidade de Lyme. As persoas que a presentan poden ter parálise facial, perda auditiva, incontinencia urinaria, trastornos sensoriais e fatiga debilitante, entre moitos outros síntomas. A neuroborreliose é, precisamente, un dos elementos máis característicos do Lyme e o único que, segundo explica Íñiguez, se ten que notificar de forma oficial. A diferenza da febre hemorráxica de Crimea-Congo, que é unha enfermidade de declaración obrigatoria urxente, Lyme non o é e por iso os últimos datos dispoñibles datan do período 2014-2021. Amais desta situación, que impide ter unha visión máis actualizada da enfermidade, a técnica da Dirección Xeral de Saúde Pública indica que non existe ningún tipo de vacina nin tratamento que sexa efecto para tratar Lyme.

Tamén hai que mellorar o diagnóstico da enfermidade. Segundo o Boletín Epidemiolóxico de Galicia, adoita ser fácil de detectar a infección por Borrelia se se ten constancia de que o paciente ten unha picadura da carracha. Ou, incluso, se desenvolve as manifestacións clínicas típicas nesta doenza, como o eritema migrans, ou ben vive nunha área onde a enfermidade presenta unha alta incidencia, como pode ser A Fonsagrada. Porén, non sempre é doado chegar ao diagnóstico porque as ninfas do xénero Ixodes, as transmisoras do Lyme, son de pequeno tamaño e as súas picaduras poden pasar desapercibidas. Os datos que aparecen recollidos no boletín demostran que o 65% das persoas foron diagnosticadas nunha fase precoz, mentres que o 23% xa estaban nunha fase precoz diseminada ou crónica.

Medidas de prevención

“Evitar a picadura é a mellor maneira de previr a enfermidade”, recolle o documento. Pero non adoita ser tan doado, sobre todo no que respecta ás carrachas Ixodes, de menor tamaño que as Hyalomma que poden transmitir o virus de Crimea-Congo. “Sae ao campo e fai a túa vida normal, pero protéxete ben para que non piquen”, aconsella Íñiguez. Por exemplo, usando roupa clara que cubra todo o corpo, botando repelente, manténdose no centro dos carreiros e evitando as marxes e inspeccionando ben toda a pel cando chegues á casa. Tamén o coiro cabeludo onde, ao parecer, os nenos son máis propensos a ser picados. No caso de non poder evitar a mordedura da carracha, pódese extraer cunhas pinzas asegurándose que non queda ningunha das partes enganchada á pel. Con todo, o máis recomendable é acudir a un centro de saúde.

De todos modos, Íñiguez lanza unha mensaxe de calma e subliña que “non todas as carrachas están infectadas”. Asegura que hai unha “probabilidade mínima” de que te morda unha e che transmita a enfermidade, dado que nos sete anos estudados (2014-2021) rexistráronse menos de 70 casos anuais. Con todo, que o número de contaxios está a aumentar de maneira sostida é unha evidencia. O boletín recolle que o aumento da poboación de carrachas debido ao cambio climático pode ser un dos motivos que expliquen este aumento da incidencia. Polo tanto, se hai máis exemplares, tamén hai máis posibilidades de recibir unha picadura, especialmente en persoas que están en contacto coa natureza. A sabedoría popular xa o deixa claro: sempre é mellor previr que curar.

Laura Filloy
Laura Filloy
Xornalista científica pola Universidade Carlos III de Madrid. Comezou a súa andaina profesional no Faro de Vigo. Con experiencia en comunicación institucional a través de Médicos sen Fronteiras e a Deputación de Pontevedra, meteuse de cheo na divulgación científica na Axencia EFE. Dende 2021 en Gciencia, onde segue a cultivar a súa paixón pola ciencia.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

O virus da encefalite transmitida por carrachas chega a Galicia: un estudo detecta anticorpos en animais

Un equipo da USC confirma a circulación do patóxeno, considerado unha ameaza de saúde pública pola gravidade dos síntomas neurolóxicos que pode causar

Vives nunha zona de risco de carrachas? Compróbao nesta aplicación

A plataforma Garrapata Alert combina ciencia cidadá e asesoramento experto para identificar especies e aconsellar no caso de picadura

Máis alá de Lyme: as 10 enfermidades que transmiten as carrachas de Galicia

As febres de Crimea-Congo e a botonosa mediterránea son algunhas das doenzas que poden contaxiarse a través de picadas

Carracha, chinche ou mosquito? Aprende a identificar a picadura de cada becho

Dende a inchazón leve da picada dunha abella a pequenas manchas vermellas en nocellos e pernas causadas por pulgas