Xoves 28 Marzo 2024

Meninxite e parálise facial: as manifestacións habituais da enfermidade de Lyme en Galicia

A 'Borrelia garinii' é a bacteria predominante no país e asóciase con afectacións de tipo neurolóxico

A preocupación aumenta en Galicia. De igual modo que a incidencia da enfermidade de Lyme está a incrementarse ano tras ano no país. Trátase dunha zoonose causada pola picadura dunha carracha infectada. Non adoita ser sinxelo identificar a doenza nunha fase precoz e, ademais, a poboación destes parasitos está aumentar cada vez máis. Por iso é preciso tomar as medidas de precaución axeitadas para evitar a súa picadura. De todas formas, a sintomatoloxía depende do tipo de bacteria coa que estean infectadas as carrachas. Por iso, en Galicia, as manifestacións máis habituais desta doenza difiren doutras zonas.

“A Borrelia burgdorferi é a bacteria que causa a enfermidade e existen varios serotipos. Segundo o que predomine en cada zona, serán máis comúns as manifestacións cutáneas, articulares ou neurolóxicas. En Galicia predomina a garinii, polo que son habituais a meninxite e a parálise facial. É fundamental facer un diagnóstico porque temos un tratamento e podemos curar o Lyme“, explica Esther Vázquez López, neuropediatra no Hospital Universitario Lucus Augusti (HULA) e que realizou a súa tese doutoral sobre a situación desta patoloxía na área sanitaria en 2015.

Publicidade

Sintomatoloxía variable

Patrocinio Morrondo, catedrática da área de Sanidade Animal da Facultade de Veterinaria da Universidade de Santiago de Compostela (USC) e codirectora da tese de Vázquez, sinala que “o maior problema desta enfermidade é que ao comezo presenta síntomas similares aos dunha gripe: malestar xeral, febrícula… Por iso é coñecida como a gran imitadora. Os síntomas máis graves adoitan manifestarse ao cabo de bastante tempo, meses ou inclusive anos“.

Así, a enfermidade de Lyme pode clasificarse en tres etapas segundo os síntomas que presente a persoa infectada e o tempo transcorrido dende a picadura: fase precoz, intermedia e tardía. Nun primeiro momento, “prodúcese a picadura da carracha, que é indolora polo que habitualmente a persoa non se dá conta. Pasados uns días, poden aparecer síntomas catarrais ou o que denominamos eritema migrans. Esta é unha lesión cutánea específica e exclusiva desta patoloxía”, explica Vázquez.

Eritema migrans no coiro cabeludo.

Posteriormente, na fase intermedia ou diseminada precoz, é cando comezan a aparecer outro tipo de manifestacións, que son extremadamente variables e que dependen do serotipo causante da enfermidade. Vázquez recolle algunhas como “meninxite, parálise facial, radiculite e afectacións cardíacas ou oculares“, aínda que na súa tese doutoral tamén identificaron outros síntomas como as linfadenopatías e os trastornos hepáticos e renais. Por último, tal e como explica a neuropediatra, a etapa diseminada tardía está caracterizada por “afectacións neurolóxicas, pero non como no caso da meninxite. Neste caso falamos de algo crónico como unha cerebelite, afectación do sistema nervioso central, encefalomielite, etc. E tamén pode aparecer artrite”.

Con todo, a enfermidade tamén é coñecida por deixar unha serie de efectos secundarios, coñecidos como síndrome post Lyme, que actualmente carecen de tratamento: “Poden quedar manifestacións clínicas que o paciente sofre de forma subxectiva, pero das que non existe ningún dato obxectivo —como analíticas ou radioloxía— que mostre actividade da enfermidade despois dun mínimo de seis meses dende a picadura. A parte boa é que non é habitual, está presente en menos do 10% dos casos e inclusive atreveríame a dicir por debaixo do 5%”, afirma Vázquez.

Prevención primaria e secundaria

Á hora de facer fronte á expansión da enfermidade, os expertos distinguen entre a prevención primaria e a secundaria. No primeiro caso, Morrondo considera a necesidade de “concienciar ás persoas de saír ao campo cubertas de roupa: non ir en pantalón curto ou con camisetas de manga curta, levar botas e calcetíns, a poder ser metendo o pantalón por dentro. E cando se chega a casa hai que revisar a roupa pero tamén a nós, porque cando as carrachas están sen alimentar son moi pequenas e poden pasar desapercibidas”.

Ademais, a catedrática tamén engade unha cuestión fundamental se efectivamente se detecta unha carracha: “Temos que extraela con pinzas e desinfectar a zona antes de que pasen 24 horas e, se vemos algunha irritación ou algún síntoma, temos que acudir a un centro de saúde e levarlles tamén a carracha”.

“Para que exista risco de ter a enfermidade de Lyme, a carracha debe estar enganchada e alimentándose durante un mínimo de 24 horas”

ESTHER VÁZQUEZ LÓPEZ, neuropediatra

Este lapso de tempo tamén é o límite no que incide Vázquez, xa que é o limiar que determina o risco de contraer a enfermidade: “Os mosquitos van a un vaso sanguíneo e chuchan o sangue de aí. No caso da carracha, cando se adhire á pel inxecta coa súa propia saliva unha serie de substancias anestéticas e proinflamatorias de maneira que non vai directamente a un vaso, senón que xera unha zona proinflamatoria con vasodilatación e á que se dirixe sangue que sae do vaso. Neste momento, para manter o seu propio equilibrio de electrólitos mentres chucha o sangue, a carracha elimina saliva. Para que esa saliva teña a Borrelia teñen que pasar mínimo 24 horas, porque a bacteria non se atopa na boca, senón no sistema dixestivo e ten que pasar ese tempo para que chegue á saliva e de aí ás persoas”.

Así, a prevención secundaria sería o tratamento antibiótico que se administra despois de que exista unha picadura, pero, tendo en conta a forma de transmisión, a neuropediatra determina que non estaría indicado se non pasaron esas 24 horas. Ademais, dependendo da sintomatoloxía estaría indicada a profilaxe oral ou intravenosa, requirindo acudir a un hospital.

Aumento da taxa de infección

O grupo de investigación no que traballa Morrondo, Invesaga, está centrado nas infeccións que conteñen as propias carrachas co obxectivo de determinar a transmisión dos patóxenos e os resultados non deixan lugar a dúbidas: “Ao incrementarse a poboación de carrachas no medio, cada vez aliméntanse de máis hospedadores —micromamíferos, aves—. Actualmente está aumentando a taxa de infección nas carrachas e, consecuentemente, tamén se incrementa nos distintos hospedadores, entre eles, as persoas”.

Así, o principal factor de risco á hora de ter en conta a prevención da enfermidade de Lyme é o tamaño da poboación e a taxa de infección desta, pero a concienciación á hora de tomar medidas de precaución así como a información sobre a sintomatoloxía para poder facer un diagnóstico precoz tamén xogan un papel importante: “O problema é non detectalo a tempo e que despois cause problemas maiores“, manifesta a veterinaria.


Referencia: Estudio de la enfermedad de Lyme en el área sanitaria del Hospital Universitario Lucus Augusti y su relación con las poblaciones de corzos parasitados por Ixodes (Publicado en Minerva. Repositorio Institucional da USC)

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

10 formas de evitar as picaduras de carrachas este verán

Estes parasitos son máis activos nos meses de calor e poden transmitir a enfermidade de Lyme, cuxa incidencia está a aumentar en Galicia

Unha nova vacina da esperanza contra o Lyme, a doenza que crece en Galicia polas carrachas

Valneva e Pfizer traballan nun ensaio clínico en fase 3 para previr a enfermidade, en expansión en territorio galego polos efectos do cambio climático

Lyme e a importancia do diagnóstico precoz: “Saíume unha roncha e non sabía que podía ser”

A súa afección polas saídas ao monte e ao río fixo que lle picaran varias carrachas, provocando a aparición de síntomas cutáneos

Máis do 14% da poboación mundial pasou a enfermidade de Lyme

A mordida das carrachas, animais que transmiten a infección é cada vez máis habitual en todo o mundo, coa maior taxa en Europa Central