Un virus descoñecido detectado en China. Tan só seis palabras, unha soa frase, que inevitablemente lembran aos comezos de 2020. Mais cinco anos despois non se está aludir ao SARS-CoV-2, senón ao patóxeno Xue-Cheng (XCV). As responsables do contaxio son as carrachas infectadas e, en concreto, dúas especies: Haemaphysalis concinna e Haemaphysalis japonica. A primeira, tal como confirma a investigadora Rita Sánchez-Andrade, xa está presente no norte de España. Concretamente, en Asturias e Cantabria. “En Galicia non a atopamos pero iso non significa que non estea aquí”, advirte.
A profesora de Zoonoses e Saúde Pública da Universidade de Santiago (USC) alude ao informe de 2023, o último dispoñible, do Proxecto GARES; unha iniciativa do Ministerio de Sanidade para vixiar as especies de carrachas que poden actuar como vectores de enfermidades como, por exemplo, Lyme e a febre hemorráxica de Crimea-Congo. O equipo participante analizou 8.184 carrachas de 19 especies diferentes ao longo de 2023. De Haemaphysalis concinna detectáronse dous exemplares en Asturias na vexetación e 31 en Cantabria en animais. Non houbo ningún rexistro da segunda especie transmisora de Xue-Cheng, Haemaphysalis japonica.
Está o vector pero non o virus
Un dos principais vectores do novo virus chinés está moi preto de Galicia, pero para transmitir a enfermidade ten que circular patóxeno. “Non está descrito en España”, incide Sánchez-Andrade. A isto súmanse as palabras do catedrático de Microbioloxía Raúl Rivas, da Universidade de Salamanca: “O risco cero nunca existe pero polo que sabemos ata o de agora é baixo”. Amais, Xue-Cheng acaba de ser descuberto e apenas hai literatura científica ao respecto. Rivas cre que hai que tomar a noticia con “suma precaución”, pero que aínda non se coñecen datos de extraordinaria relevancia, como a súa taxa de letalidade.
O virus descubriuse nunha cidade do nordeste de China, en Mudanjiang. Comezouse a investigar cal era a enfermidade detrás das manifestacións clínicas de 26 pacientes que foran picados por carrachas. A sintomatoloxía foi dende febre aguda ata ingreso hospitalario por enfermidade grave. A raíz disto tomáronse mostras de soro de 252 pacientes que presentaran febre entre maio e xullo de 2023, e tras a súa secuenciación detectaron o virus Xue-Cheng. O novo patóxeno pertence ao xénero Orthonairovirus, o mesmo que o da febre hemorráxica de Crimea-Congo que se detectou por primeira vez en Galicia en 2024 en animais de granxa.
Chegará Xue-Cheng a Europa?
No que respecta ás probabilidades de que o patóxeno salte a Europa, España e, concretamente, a Galicia, son remotas mais non imposibles. “A covid saíu de China e chegou a todas partes. Os movementos das persoas, dos animais e dos transportes poden facer que o virus circule… ou non. Non temos a seguridade”, apunta Sánchez-Andrade. En comparación co virus de Crimea-Congo, a hipótese é que chegou a Galicia dende África a través de aves migratorias con carrachas infectadas. “Teñen unha parada aquí. Dende China é moito máis difícil”, sostén a investigadora da USC, membro da Rede Galega de Vixilancia de Vectores (ReGaViVec).
Outro factor que podería contribuír á expansión do virus, e no que concordan Rivas e Sánchez-Andrade, é o cambio climático. “Facilita a expansión dalgunhas especies en contornas nas que antes non eran viables. Hai un conxunto de factores que talvez non existían hai algunhas décadas e por iso é preciso tomar medidas preventivas de vixilancia activa“, subliña o microbiólogo. De feito, a especie Hyalomma marginatum que transmite o virus de Crimea-Congo non se detectou en Galicia ata o 2019. Unha das hipóteses de ReGaViVec sobre a súa chegada está, precisamente, no cambio das condicións climáticas, máis favorables para a especie.
Transmisora de máis dunha vintena de patóxenos
A carracha Haemaphysalis concinna en China transmite, polo menos, 22 patóxenos diferentes. Entre elas Borrelia garinni, unha das tres especies de bacteria que transmiten a enfermidade de Lyme. “Representa unha ameaza significativa para a saúde humana e animal”, subliña Rivas. Amais disto, a carracha pode infestar a máis de 100 especies hospedadoras: os exemplares adultos a animais silvestres e de granxa e as larvas e ninfas a pequenos roedores, paxaros e réptiles. No caso dos humanos, poden ser atacados pola carracha en calquera dos seus estados, segundo amplía Rivas nun artigo publicado en The Conversation do que se fixo eco GCiencia.
O microbiólogo mantén a precaución e insiste en que o risco cero nunca existe, polo que é máis importante ca nunca unha vixilancia dos vectores. Un traballo que, en Galicia, leva a cabo ReGaViVec. “É moi probable que moitas das carrachas que coñecemenos e que están na península poidan transmitir patóxenos descoñecidos porque non foron descritos ou buscados”, di Rivas en alusión a Xue-Cheng (XCV), que se identificou grazas ao traballo dos científicos nun hospital sentinela do nordés de China. Un virus que, polo que se sabe ata o momento, pode ser asintomático ou derivar en enfermidade. Queda moito por saber aínda pero a ciencia xa está en marcha.
Referencia: Human Infection with a Novel Tickborne Orthonairovirus Species in China (Publicado en The New England Journal of Medicine)