Máis de 700 exemplares de mosquito tigre en Galicia en só dous anos: “A súa expansión é inevitable”

O insecto volve aparecer este ano en Vigo e Moaña pero o risco para a saúde pública aínda é baixo

Detectados os primeiros exemplares de mosquito tigre da tempada en Moaña. En total, Galicia identificou nos últimos dous anos máis de 700, segundo o sistema MosquitoAlert. O ano pasado, a Xunta rexistrou menos casos que na campaña anterior, probablemente debido ás condicións climatolóxicas. Con todo, non parece que se poida erradicar, e de continuar o tempo cambiante das últimas semanas podería favorecer a aparición deste insecto.

“A densidade aínda é pequena en comparación con outras zonas de España”, explica Inés Mato, subdirectora xeral de Saúde Ambiental e Seguridade Alimentaria na Consellería de Sanidade. A situación aínda é mellor que a de lugares como Cataluña, Valencia ou Andalucía, segundo a Xunta. Con todo, a Rede Galega de Vixilancia de Vectores (REGAVIVEC) xa prevé detectar, de forma consistente, casos nalgúns puntos, como Moaña. Alí xa hai rexistrados en MosquitoAlert máis de 300 exemplares de mosquito tigre ao longo dos últimos dous anos. No que levamos de maio e xuño, xa se detectaron algúns, aínda que non todos puideron ser identificados de forma exacta, xa que para iso precisan que se distinga ben o tórax. “A súa expansión é inevitable. É moi difícil que non o faga”, considera Mato, que recorda que a intención da administración é intentar que avance o máis lentamente posible.

Publicidade

Unha expansión imparable

Este ano xa se detectaron tamén casos noutros puntos. Por exemplo en Vigo, cun caso na parroquia da Fonte Escura. Na cidade olívica, dende a implantación deste sistema en 2023, xa hai máis de 134 casos rexistrados. Mato explica que, aínda que é certo que parece que poida haber unha maior incidencia nesas zonas, tamén depende da implicación cidadá. O sistema de MosquitoAlert funciona a través das fotos que envía a xente, que axuda ás administracións públicas a controlar o avance deste insecto. Podería haber casos noutras zonas e non estar sendo detectado. De momento, en REGAVIVEC fixeron o ano pasado mostras activas e xa detectaron a presenza dalgúns mosquitos no Porriño. “Aínda que o ano pasado foi de menos densidade, xa se veu que se empezaba a expandir”, afirmaba Mato. Hai uns meses, MosquitoAlert xa confirmou un exemplar na parroquia de Santo Estevo de Cans, na provincia de Pontevedra.

O Aedes albopictus, coñecido como mosquito tigre, é un insecto de cor negra, cunha liña branca dende a cabeza ata o tórax e con manchas brancas nas patas e no abdome. É unha especie que se agocha na sombra. Polo xeral, cría en pequenos recipientes con auga estancada: macetas, bebedeiros, floreiros… Non son capaces de facelo en augas grandes ou en movemento. Para combater este insecto, recoméndase baleirar cada 3 ou 4 días os obxectos que poidan acumular auga, mollar de cando en vez as calexas e evitar a acumulación de auga en charcos e ocos das árbores.

Publicidade

Portadoras de enfermidades

Os mosquitos tigres poden ser portadores de moitas enfermidades. Esa é unha das principais preocupacións noutros puntos de España e de Europa. O dengue, o zika e o chinkungunya son algunhas delas. “O risco de saúde pública de contaxiarse enfermidades segue sendo baixo”, destaca Mato, pero afirman que están vixiando todos os casos.

Para evitar a súa picada, hai insecticidas e repelentes autorizados. Ademais, utilizar mosquiteiras en xanelas e depósitos pode evitar o seu acceso e a posta de ovos. Tamén manter unha boa hixiene, xa que a suor e outros olores fortes poden atraer aos mosquitos. En caso de picada, hai que intentar evitar rascarse e lavala ben. En caso de complicación, hai persoas que poden precisar atención médica. É habitual que a picada se volva máis visible e dolorosa co tempo e pode causar reaccións alérxicas.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Un 12 de agosto histórico: a eclipse total que escureceu o día en Galicia

Miles de persoas levantaron a vista ao ceo e sentiron o silencio e frío que acompañaron os minutos nos que a Lúa ocultou por completo o Sol

EN DIRECTO | A Coruña vive a eclipse entre nubes, cunha coroa solar apenas visible

A totalidade durou un minuto e 16 segundos na cidade, mentres que noutros puntos de Galicia, como Sigüeiro, durou menos con ceos despexados

Galicia vivirá unha xornada astronómica única: o máximo das Perseidas chega tras a eclipse total de Sol

As condicións serán favorables para contemplar ata 200 meteoros por hora durante a noite do 12 ao 13 de agosto, con nubosidade prevista no norte da comunidade

Nubosidade no norte, risco de incendios no sur e calor: esta é a previsión para o día da eclipse total en Galicia

A Aemet alerta de cúmulos baixos no litoral, mentres o interior estará marcado por alertas amarelas e laranxas polas temperaturas máximas elevadas