Poucos seres do mundo animal teñen peor prensa que o mosquito. Molestos e transmisores de enfermidade, o seu rol como parte da cadea trófica e reciclador de nutrientes non adoita a ser moi valorado. Desde 2017, a Rede Galega de Vixilancia de Vectores (ReGaViVec) encárgase de afondar no coñecemento sobre os insectos que actúan como dispersores de enfermidades. E ao longo destes oito anos xa van 26 especies distintas de mosquito identificadas no territorio galego, dúas delas recentemente. Pero o número en aumento non significa un crecemento do risco para a saúde pública e animal na comunidade porque ningún virus que os dípteros espallan está presente na comunidade.
As últimas dúas especies en sumarse ao catálogo de mosquitos presentes en Galicia son a Coquillettidia richiardii e a Culex perexiguus/univittatus. A súa identificación foi froito do traballo feito entre 2018 e 2022 baixo o liderado da investigadora María Isabel Silva-Torres, que logrou confirmar a presenza destas dúas especies nativas de Galicia pero que, até o de agora, nunca foran rexistradas.
“Son dúas especies nativas que, ca súa identificación, o que nos demostra é que o sistema de vixilancia en Galicia está a funcionar”, sinala a Yasmina Martínez Barciela, investigadora no departamento de Bioloxía Animal na Universidade de Vigo que participou no estudo que logrou determinar a presenza de Coquillettidia richiardii e Culex perexiguus ou univittatus en Galicia. Estas últimas son dúas variantes distintas da mesma familia de mosquitos que non poden ser diferenciadas cunha análise taxonómica, senón que é preciso facelo a nivel molecular. Por iso, no estudo apostouse por nomealas dunha forma conxunta, xa que non foi posible distinguir se a localizada en Galicia pertence a unha ou á outra clasificación.

Con estas son xa 26 as especies distintas de mosquito con presenza na nosa comunidade. O grupo máis numeroso é a familia das Culex con oito distintas (hortensis, impudicus, mimeticus, modestus, perexiguus, pipiens, territans, theileri e torrentium), seguidas das Aedes (albopictus, caspius, geniculatus, pullatus, vexans e vittatus). Cinco pertencen á familia das Culiseta (annulata, fumipennis, longiareolata, mositans e subochrea), catro ás Anopheles (claviger, maculipennis, petragnani e plumbeus) e dúas ás Coquillettidia (buxtoni e richiardii).
Dúas novas
Con esta, é a segunda vez que se constata presenza de Coquillettidias richiardii no que as investigadoras denominan a España verde, é dicir, o territorio que abarca as comunidades de Galicia, Asturias, Cantabria e País Vasco. Foi identificado, en primeiro lugar, nunha explotación agrogandeira de Monforte de Lemos e, dous anos máis tarde, nunha finca privada situada nunha zona costeira do concello de Pontevedra. A separación de máis de 90 quilómetros entre os dous puntos e o feito de que non sexa unha especie que adoite a facer grandes desprazamentos leva aos biólogos a concluír que é dun tipo de mosquito endémico de Galicia que conta cunha distribución dispersa e limitada no territorio.
A Culex perexiguus/univittatus localizouse tamén en Monforte. Non consta que exista en áreas limítrofes con Galicia e acostuma a vivir en hábitats de zonas húmidas. Malia que a presenza dun exemplar femia confirma a súa presenza, a falta de literatura científica en outros contextos que non sexan zonas húmidas impediu ás biólogas levar a cabo unha avaliación da súa actividade estacional, o tamaño das poboacións ou o seu reparto polo territorio.
“Os achados non teñen moita implicación sanitaria porque son poboacións moi pequenas. A nivel sanitario, aínda que son potenciais transmisores de virus como o do Nilo occidental, realmente en Galicia non supoñen un risco porque este tipo de enfermidades non están aquí. Son dúas especies que están en moi baixa poboación e que non teñen maior repercusión sanitaria. Os virus que poderían transmitir non son endémicos“, incide Yasmina Martínez Barciela.

A investigadora e membro da rede de vixilancia de mosquitos (creada pola Xunta en colaboración cas universidades de Vigo e Santiago) remarca a mensaxe de tranquilidade á poboación. Porque a presenza de insectos que fagan de vectores non implica risco por si mesmo. Unha chamada á calma que cobra, quizais, máis relevancia nun momento no que a chegada e expansión do mosquito tigre xera alarma cada verán, especialmente, na comarca do Morrazo, epicentro da presenza desta especie potencialmente transmisora de virus como dengue, Zika, fiebre amarilla ou chikungunya.
“Aínda que piquen non poden transmitir porque o virus non está presente na natureza aquí”, engade a bióloga. Con todo, a mera presenza e a abundancia de Aedes albopictus en certas zonas como O Morrazo obriga extremar a vixilancia no caso de que detección de virus para evitar o contacto entre o vector e o posible hóspede.
A vixilancia
O dificultoso traballo da Rede Galega de Vixilancia de Vectores quedou de manifesto no proceso seguido con estas dúas novas especies. Para identificalas, empregaron métodos como as trampas de CO2 ou de luz para capturalas, técnicas que non están moi distribuídas, polo que o traballo dos científicos vese, en moitas ocasións, ligado a que estas ferramentas se coloquen nos lugares onde están os tipos de mosquito que se están a buscar.
Os biólogos subliñan a importancia de afondar no coñecemento sobre os mosquitos porque permite medir riscos epidemiolóxicos, establecer medidas de protección e definir os recursos que se destinan para vixiar máis polo miúdo unha ou outra especie. “Por exemplo, no caso das dúas novas especies identificadas, están en moi baixas poboacións, polo que non hai necesidade de controlalas ao tampouco existir os virus que transmiten. Polo tanto, non tería sentido dedicar recursos a tratar estas especies. Pero é moi importante coñecer a distribución e saber onde enfocar as necesidades de control”, resume Martínez Barciela.
Deste xeito, alén de continuar co traballo para ampliar o catálogo de especies de mosquito existentes na xeografía galega, os esforzos están, na actualidade, enfocados ao control do mosquito tigre, que, como recoñece Martínez Barciela, resulta “imposible” de erradicar xa debido á súa expansión. Malia todo, a evolución da súa presenza é moderada en Galicia en comparación con outras zonas. Unha tarefa, a de control, na que a colaboración cidadá xoga un papel especial porque, a través de aplicacións como Mosquito Alert, permite aos científicos contar con máis información para desenvolver o seu traballo.















