Moi activo, urbano e doméstico: radiografía do mosquito tigre que se asenta en Galicia

A subdirectora xeral de Información sobre Saúde e Epidemioloxía, Marta Piñeiro, subliña a importancia da cidadanía á hora de controlar a expansión do insecto

Hai dúas décadas chegaba ao levante peninsular unha especie de mosquito orixinaria do sueste asiático. Tratábase do Aedes albopictus, coñecido popularmente como mosquito tigre polas raias brancas que caracterizan a este insecto e que se asemellan ás do gran felino. Aínda que infinitamente máis pequeno, o mosquito tigre tamén ten o seu perigo, xa que é un potencial transmisor de virus como o zika, o dengue e o chikungunya. O Aedes albopictus non só foi quen de viaxar ata o continente europeo establecéndose en zonas como Andalucía ou Estremadura: dende o ano pasado xa se atopa en Galicia, e non semella que vaia ser erradicado das zonas onde está a repetir a súa presenza este verán. Ademais, este mosquito prefire as temperaturas moito máis tépedas do norte, onde a choiva e a humidade favorecen a súa reproducción e crecemento.

Dende a aparición do mosquito tigre en Galicia no 2023, cun caso que foi notificado por un usuario a través da aplicación de ciencia cidadá Mosquito alert, a Rede Galega de Vixilancia de Vectores (ReGaViVec) combina o poder das redes de trampas instaladas en todo o territorio galego coa maior sensibilización da poboación con respecto á importancia da prevención na saúde pública. Este ano o mosquito tigre chegou antes de tempo na parroquia de Moaña, e no que vai de verán xa se identificaron tres exemplares no barrio de Teis, en Vigo. Segundo a subdirectora xeral de Información sobre Saúde e Epidemioloxía, Marta Piñeiro, este feito deixa en evidencia a pegada da ciencia cidadá na saúde pública e que “a poboación ten moi presente que as mellores barreiras para protexer a saúde son o control e a prevención”.

Publicidade

A ciencia cidadá, unha achega imprescindible

Piñeiro explica que cada vez hai máis notificacións de casos que se fan directamente a través desta aplicación: “Calquera cidadán pode advertir sobre a presenza dun mosquito tigre, ou dunha picada, e incluso incluír imaxes”. Aínda así, son os entomólogos das Universidade de Vigo e Santiago que pertencen á rede de ReGaViVec os que verifican que se trata dun Aedes albopictus. A colaboración entre a poboación e os expertos exemplifícase á perfección no caso de mosquito tigre e axuda á rede a chegar ás contornas onde non é habitual que se atopen as trampas de mosquitos que se instalan para o seguimento das poboacións máis presentes en Galicia.

Aínda que ReGaViVec leva en funcionamiento dende o ano 2017 e ten trampas de todo tipo, principalmente a súa actuación céntrase no medio rural e nas zonas boscosas, preto dos focos de auga onde adoitan criar os mosquitos. “O Aedes albopictus é un pouco diferente, xa que prefire as zonas máis urbanas e, de feito, cría nos pequenos depósitos de auga que se atopan nos ambientes máis domésticos. Ademais, o seu comportamento tamén é distinto, xa que é moito máis activo e diúrno que os outros mosquitos, de xeito que moitas veces temos que ir a buscalo a estas contornas”, conta a subdirectora.

Publicidade

A contorna doméstica, principal foco

É aquí onde entra en xogo a colaboración de todos os axentes da vida pública, xa que o principal problema deste mosquito é que é moi doméstico: “Aínda que os concellos colaboran e a súa función é vital, é moi importante que a poboación coñeza como evitar ao mosquito tigre na contorna doméstica. Hai que baleirar a auga de lugares como os maceteiros, os depósitos ou os pneumáticos, xa que é aí onde se adoita atopar este espécime”.

Outra das maiores axudas de cara ao control da poboación de mosquito tigre en Galicia é, segundo Piñeiro, a experiencia previa doutras comunidades do Levante, onde o Aedes albopictus leva anos afincado: “O que fixemos foi falar coas autoridades sanitarias destes lugares para consultar cales foron os seus pasos e como xestionaron eles as medidas de prevención con cada concello”. A maiores, explica que a rede tiña unha colaboración co CSIC para o emprego da aplicación Mosquito alert, “a cal xurdiu un pouco antes da detección do primeiro espécime en Galicia. Cando a coñecemos pareceunos moi útil e dende entón o seu emprego non fixo máis que medrar”.

Capacidade para transmitir virus xa presentes en Europa

A perigosidade deste mosquito radica na súa capacidade para transmitir virus como o dengue, que aínda non se considera endémico no continente europeo malia os distintos gromos que se produciron en países como Italia, Francia e mesmo España. Agora que o Aedes albopictus está presente en Galicia, esta deixa de ser unha comunidade sen risco de que a poboación padeza enfermidades como o zika, o dengue e o chikungunya. Aínda así, explica Piñeiro, a prevalencia destas enfermidades en Galicia é moi anecdótica: “Nos últimos catro anos non tivemos ningún caso de virus zika, e do chikungunya a media é dun caso por ano. Temos máis dengue, e de feito en América Latina tiveron agora un gromo bastante importante, mais todos os casos que se detectaron en Galicia eran importados, o cal quere dicir que os pacientes contaxiáronse ao viaxar ao estranxeiro”.

A presenza do mosquito tigre obriga as autoridades sanitarias a levar unha serie de medidas especiais de control no caso da xente que padece ditas enfermidades, como evitar que o mosquito chegue a picar a unha persoa infectada: “Tamén entran en xogo os centros de atención aos viaxeiros, xa que os cidadáns que visiten países onde haxa unha alta incidencia de dengue deben recibir información sobre como protexerse e evitar a picada dos mosquitos”, explica Piñeiro. Unha vez voltan da súa viaxe, vixíanse os síntomas para que se poida identificar a enfermidade precozmente no caso dun contaxio.

Un futuro máis cálido

Factores como o cambio climático e a globalización inflúen na expansión deste mosquito e nunha maior presenza en países como España das que fai non moito eran consideradas enfermidades tropicais. No caso do Aedes albopictus, o quecemento global e unha menor diferencia térmica entre as tempadas do ano e as medias térmicas do día e da noite inflúen na súa actividade: “Se no pasado a súa etapa máis produtiva era entre os meses de agosto e setembro, agora semella que as primeiras aparicións deste mosquito danse en xuño e que o seu período de actividade vai ata outubro”.

O eixo entre natureza, biodiversidade e saúde global é un equilibrio complexo, onde o movemento dunha das pezas xera unha consecuencia nas outras sempre. Dende hai anos a OMS centra os seus esforzos nunha aposta polo enfoque One Health ou Unha soa saúde, facendo un chamamento a enfrontar os distintos retos do eixo dun xeito común, e non por separado. Segundo a OMS, as actividades humanas e os ecosistemas sometidos a estrés crearon as novas condicións propicias para a aparición e a propagación de enfermidades: “O comercio de animais, a agricultura, a gandería, a urbanización, as industrias extractivas, o cambio climático, a fragmentación dos hápitats e a invasión de zonas silvestres” son algúns dos factores que poñen en risco a saúde global ao estragar a saúde dalgunha destas tres pezas.

A nosa saúde depende hoxe da saúde do planeta. É por iso, segundo Piñeiro, que o mellor que se pode facer no caso do mosquito tigre é previr, estar atentos e controlar a expansión do Aedes albopictus no resto das provincias galegas. Temos da nosa parte á ciencia, o compromiso da cidadanía e o exemplo doutras comunidades para conseguilo.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Un novo estudo da USC, clave para comprender o comportamento das proteínas

Os achados do científico Julián Bergueiro poderían axudar ao deseño de novas terapias aplicadas ao ámbito da saúde

De la Fuente atopa nunha ave extinta de Nova Zelandia potenciais moléculas antibióticas

Un novo estudo do científico galego revela axentes antimicrobianos antigos no xenoma da Moa, dun papagaio e do rinoceronte negro occidental

Unha tecnoloxía feita por galegas producirá bioplásticos a partir de aceites usados

O proxecto Pretenacc, financiado polo programa Ignicia, procura a posta en marcha dun método pioneiro para fabricar plásticos de orixe vexetal

Investigadores galegos estudan cal é a dose efectiva e segura dos medicamentos

O obxectivo é mellorar a absorción de antifúnxicos orais para poder reducir a cantidade administrada