En Galicia hai preto de 200 tesouros xeolóxicos. Ou dito doutra maneira: lugares de gran importancia segundo o Instituto Xeolóxico e Mineiro de España (IGME). Identificalos é ben doado grazas a unha ferramenta desenvolvida pola entidade vinculada ao Ministerio de Ciencia. A través do seu mapa interactivo pódese obter información detallada de cada un dos lugares de interese xeolóxico (LIG) catalogados polo IGME ou dos Geosites inventariados por un proxecto internacional do mesmo nome. En Galicia hai unha longa lista de espazos destacados, dende fontes termais ata fallas, pasando por importantes xacementos de minerais.
Máis en detalle, un dos puntos que salienta o IGME na súa ferramenta é o curso baixo e a desembocadura do río Xallas, que remata na espectacular e única fervenza do Ézaro. No mapa aparece sinalado cun perímetro de cor morada. Se clicas nel, poderás acceder a unha ficha onde se indica cal é o interese principal do LIG, así como o seu contexto xeolóxico. Xusto debaixo do seu nome, tes a opción de ampliar coñecementos sobre este punto a través do apartado “Ampliar detalles”. “Este fenómeno parece ser único non só en España, senón en Europa”. Así o indican nunha longa descrición sobre o interese xeolóxico principal do conxunto. Tamén se pode consultar información adicional como, por exemplo, de que tipo de equipamento dispón a zona, cal é a duración do itinerario e se é accesible para persoas con diversidade funcional.
Outros puntos destacados entre os case 200 que aparecen no mapa de Galicia son os mananciais do río Támega, que teñen un importante interese hidroxeolóxico. Segundo explica o IGME na ficha detallada deste LIG, este punto aprovéitase para a obtención de auga mineral. Os mananciais sinalados están rodeados de relevos que superan os 1.000 metros, amparados ao norte polo Parque do Invernadoiro. Este LIG aparece sinalado no mapa cun punto morado, malia que tamén hai identificadores verdes, como o da praia de cantos fósiles de Fradiño, na illa de Cortegada. A lenda indica que son espazos de interese local. Neste caso concreto, a súa importancia reside nas características sedimentolóxicas desta zona.
Anímaste a apadriñar un LIG?
O mapa está elaborado a partir dos datos contidos no Inventario Español de Lugares de INterese Xeolóxica (IELIG) cuxos principais obxectivos son a identificación e valoración dos enclaves de valor científico, educativo e turístico que pertencen aos dominios xeolóxicos de España. Co obxectivo de fomentar a súa conservación, o IGME impulsou unha iniciativa de apadriñamento destes LIG. É dicir, un proxecto de voluntariado no que adquires un compromiso para velar polo bo estado da área de interese. Malia que non supón ningún desembolso económico, precísase que o padriño ou madriña visite con certa periodicidade o LIG. Tamén, que informe ao IGME no caso de detectar algunha agresión. Unha iniciativa sen máis pretensión que a de garantir a conservación dos tesouros xeolóxicos repartidos por todo o territorio.
O IGME tamén promove inciativas menos constructivas e interesantes ca esta, coma a prospección que está a facer no noso país,ademáis de Estremadura, de enclaves xeolóxicos de minerais e terras ‘raras’ pra uso mineiro e así facilitarlle a labor ó lobby mineiro e depredación do noso territorio. E que en Galicia somos ricos, temos de todo…