Sábado 20 Abril 2024

Operación Cenicienta: ciencia cidadá para coñecer mellor o volcán

O IGME e o Cabildo de La Palma colaboran nunha iniciativa que insta a participar activamente na análise da distribución das cinzas pola illa

O conto da Cincenta, en moitas das súas variacións, ten como protagonista a unha moza que, baixo as mofas das súas irmás, é obrigada a ocuparse das tarefas do fogar e por iso loce sempre cuberta de borralla e cinza. Dalgún xeito, La Palma é tamén unha fermosa dona que, por mor da erupción de Cumbre Vieja, loce cuberta de cinza. Boa parte da illa está afectada por un manto de espesor variable: desde os varios metros de grosor da zona de exclusión ata capas visibles na vertente leste da illa, a decenas de quilómetros do volcán. A meirande parte das veces cae silenciosa, pero algunhas ocasións, como aconteceu na mañá deste mércores, a cinza cae empurrada polas correntes como Saraiba fina, facéndose notar e coándose entre a roupa e o cabelo.

Unha das visións máis impactantes ao moverse pola illa nestes días de erupción é o esforzo diario, unha mañá detrás de outra, de centos de persoas limpando as portas das vivendas, os locais comerciais ou os espazos públicos. Camións que percorren as rúas cargando sacos e sacos cheos da cinza. Nestes días, nos que ademais houbo choivas puntuais, era aínda máis urxente a recollida para evitar que se obstruísen as canalizacións de auga. Tal é a presenza e o impacto da cinza que o símil coa Cincenta foi utilizado polo Instituto Geológico y Minero de España (IGME), coa colaboración do Cabildo de La Palma e outros organismos involucrados na resposta científica e de emerxencias fronte ao volcán, para impulsar unha iniciativa de ciencia cidadá coa que pretenden coñecer mellor a evolución desta capa de cinzas e estudar os materiais emitidos polo volcán: é a chamada Operación Cenicienta.

Publicidade

Calquera persoa pode colaborar nesta iniciativa, que xa recolleu mostras en varios puntos da illa. Desta maneira, segundo explican desde o IGME, “poderemos chegar a máis recunchos para caracterizar ben a distribución das cinzas e achegar máis datos que axuden a tomar as decisións do comité científico”. As cinzas en suspensión, xunto aos gases como o dióxido de xofre que emite o volcán, poden empeorar a calidade do aire e causar problemas respiratorios.

Os pasos da Operación Cenicienta

Tal e como amosa nun vídeo explicativo a científica do IGME Juana Vegas, o primeiro que debe facer a cidadanía é elixir unha superficie “o máis cha posible, de xeito que garanticemos que a chuvia sexa vertical e haxa un espesor representativo da caída de cinzas”.

Unha vez localizada a zona, recoméndase, coa axuda dunha espátula, debuxar un cadrado de 30×30 centímetros. Tamén é preciso anotar as coordenadas da recollida e facer unha descrición breve da aparencia da mostra (se están repartidas de forma homoxénea, dispersas ou amontoadas…) así como o espesor da capa de cinzas. Unha vez anotados os datos, e coa axuda da espátula e unha brocha ou pincel, hai que introducir a mostra nunha bolsa de peche hermético.

Para sistematizar a análise, cómpre igualmente identificar o material. O código que se está a usar é LP-21 (que é a parte fixa), seguido do número de mostra (C-001, C-002…). E hai que engadir tamén a data de recollida e o nome da persoa que o fai. Por exemplo, nunhas mostras recollidas o 26 de outubro polo autor deste texto, habería que identificalas así:

A mostra pode entregarse ao persoal do Cabildo de La Palma ou a persoal do IGME nos espazos habilitados por mor da emerxencia volcánica. Desde o IGME destacan que “é importante coller cinza tanto na propia illa de La Palma como no resto das Illas Canarias ás que esté chegando material expulsado polo volcán de Cumbre Vieja”.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

As novas ‘fronteiras’ de Galicia: este é o mapa que estuda a ONU para ampliar o límite submarino

O atlas forma parte da documentación técnica e científica necesaria para conseguir a soberanía de 20.000 quilómetros de fondo oceánico

Así soa a erupción dun volcán dende o espazo

A ESA publica unha sonificación da erupción máis grande do século XXI, a do volcán Hunga Tonga-Hunga Ha'apai hai agora un ano

Que nos ensinou a erupción de La Palma un ano despois

Faise un ano dende que o volcán de Cumbre Vieja comezou a expulsar lava cara ao exterior e non rematou ata varios meses despois

Un proxecto con participación galega estuda os efectos na saúde da erupción da Palma

O profesor da USC Alberto Ruano liderado o estudo, que se centra no impacto que o suceso está a ter en 2.000 persoas e durante os próximos cinco anos