Fluvoxamina. Esa é a palabra clave dun novo ensaio clínico, cuxos resultados acaban de ser publicados na revista The Lancet Global Health. Segundo as conclusións recollidas polos investigadores, o uso de fluvoxamina —un medicamento antidepresivo— reduce o risco de hospitalización prolongada en pacientes con coronavirus, en comparación con aqueles que recibiron un placebo. Este estudo inclúense dentro do Proxecto TOGETHER, que trata de investigar cal é a eficacia de tratamentos reutilizados para combater a Covid-19.
Máis polo miúdo, ao abeiro deste ensaio, foron 741 as persoas tratadas con fluvoxamina. Eran pacientes brasileiros de alto risco. Segundo os equipos que lideraron esta investigación, vinculada a universidades de Canadá, Estados Unidos e Brasil, os resultados son un paso importante na comprensión dos beneficios da fluvoxamina en pacientes ambulatorios coa Covid-19 diagnosticada de maneira temperá e sintomática.
Terapias baratas
Tal e como recolle a Axencia Sinc, un dos coautores do estudo, Edward Mills, tamén investigador da Universidade de McMaster, di que as campañas de vacinación foron eficaces para reducir os casos sintomáticos, as hospitalizacións e a morte. Malia iso, considera que a enfermidade segue a supor un desafío nos países con poucos recursos. “Por iso é moi importante identificar terapias baratas, dispoñibles e eficaces contra a Covid-19. Creo que a readaptación de medicamentos existentes que son ampliamente aproveitables e seguros é de particular interese”, subliña o investigador.
No que respecta ao medicamento utilizado, a fluvoxamina úsase actualmente para tratar enfermidades como a depresión e os trastornos obsesivo-compulsivos (TOC). Trátase, tamén, dun inhibidor selectivo de recaptación de serotonina (ISRS) e elixiuse para este ensaio clínico pola súas propiedades antiinflamatorias. Segundo explica outra das coautoras do traballo, Angela Reiersen, este medicamento “é capaz de reducir a produción dunhas moléculas inflamatorias denominadas citoquinas” que se poden desecadear pola infección.
Limitacións do estudo
Así é que aos 741 pacientes que recibiron o tratamento tamén se lle administraron 100 miligramos de fluvoxamina dúas veces ao día durante dez días. Outros 756 só recibiron placebo. Durante os 28 días seguintes, fíxose unha observación. Segundo os datos do estudo, que tamén recolle a Axencia SINC, só o 10,6% das persoas que recibiron fluvoxamina precisaron unha estancia de máis de seis horas en contornas de emerxencia ou hospitalización, fronte ao 15,7% dos que recibiron o placebo. En canto ao risco de morte, só se produciu unha no grupo que tomou o antidepresivo e 12 entre o de placebo.
Malia estes resultados, os autores indican que hai certas limitacións no seu estudo. Por exemplo, que a fluvoxamina non está na listaxe de medicamentos esenciais da Organización Mundial da Saúde (OMS), pese a que é un tratamento ampliamente dispoñible. Ademais disto, os investigadores apuntan que o uso de fármacos para previr a progresión da enfermidade e da hospitalización tamén depende da identificación fiable dos individuos con maior risco de deterioro nas primeiras fases da infección.
Máis estudos
“A resposta definitiva sobre os efectos deste fármaco en resultados individuais como a mortalidade e as hospitalizacións aínda debe ser abordada. Queda por determinar se a fluvoxamina ten un efecto aditivo a outras terapias como os anticorpos monoclonais e a budesonida, e cal é o esquema terapéutico óptimo da fluvoxamina”; asegura Otavio Berwanger, da Organización de Investigación Académica do Hospital Israelita Albert Einstein de Sao Paulo (Brasil).
Por outra banda, a profesora do King’s College de Londres, Penny Ward, declarou ao Science Media Center UK que “aínda que [o ensaio] é prometedor —sobre todo porque este produto é barato e podería estar amplamente dispoñible—, o impacto nos casos máis graves segue a ser incerto“. Tamén apuntou que “non reflicte necesariamente unha poboación cun risco moi alto de hospitalización ou morte por Covid-19”. Tamén manifesta que en futuros ensaios sería conveniente a inclusión de pacientes con infección, pese a que estean vacinados.
Referencia: Effect of early treatment with fluvoxamine on risk of emergency care and hospitalisation among patients with COVID-19: the TOGETHER randomised, platform clinical trial. (The Lancet Global Health).