Detectadas larvas de mosquito tigre por primeira vez no Porriño

A Consellería de Sanidade cre que a poboación do insecto xa está introducida no municipio, xunto aos de Moaña, Vigo, Redondela, Vilaboa e Cangas

A Xunta, a través da Rede Galega de Vixilancia de Vectores (ReGaViVec), da que tamén forman parte as universidades de Vigo e de Santiago, detectou a presenza de larvas de mosquito tigre (Aedes albopictus) por primeira vez no concello do Porriño. A identificación levouse á cabo nos labores de seguimento en municipios circundantes á area de distribución coñecida do mosquito tigre na comunidade galega. En concreto, detectouse na zona da Relva do concello porriñés.

Ao ser detectada en estadio larvario, todo parece indicar que a súa poboación está introducida. Desde a ReGaViVec, e en colaboración co Concello, farase vixilancia deste vector, e avaliarase a necesidade de ampliar a observación colocando novas trampas. O Concello do Porriño sumarase agora aos de Moaña, Vigo, Cangas, Vilaboa e Redondela como integrante do comité técnico do mosquito tigre, que previsiblemente se volverá reunir na segunda quincena de novembro.

Publicidade

Evitar a proliferación

Desde a Consellería de Sanidade agradécese a participación veciñal seguindo os consellos para evitar a proliferación deste insecto, que é vector de enfermidades como os virus do dengue, chikungunya ou Zika, aínda que os exemplares localizados ata o de agora en Galicia non son portadores.

A Consellería de Sanidade lembra que a maneira máis efectiva de evitar esta proliferación é impedir a posta de ovos e o crecemento das larvas con pautas sinxelas como eliminar puntos de auga estancada en bebedeiros, pratos baixo macetas, caldeiros á intemperie ou embarcacións co seu simple baleirado ou coa renovación da auga cada 4 ou 5 días.

Publicidade

Lembrar que o departamento sanitario galego ten un acordo de colaboración co CSIC na promoción da descarga da aplicación móbil Mosquito Alert coa que a cidadanía pode achegar fotografías para o seu estudo por parte dos especialistas en entomoloxía, quen confirmarán se se trata ou non de mosquito tigre ou doutra especie.

En canto á picadura, para evitala aconséllase o uso de repelentes específicos que se poden atopar nos listados de produtos autorizados polo Ministerio de Sanidade e pola Axencia Española do Medicamento, ademais de recomendar vestir con manga e pantalóns longos e calzado pechado ou colocar mosquiteiros en portas e ventás. As picaduras poden ser molestas e poden producir reaccións alérxicas de certa gravidade.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Que é o Virus do Nilo, a enfermidade que activa as alarmas en España e suma máis de 50 mortes en Italia

A maioría dos pacientes son asintomáticos, pero existe unha variante neuroinvasiva que inflama o cerebro e causa encefalite ou meninxite

Galicia activa un programa para mellorar a vixilancia da infección pulmonar causada pola lexionela

A Consellería de Sanidade, a USC e a Fundación Pública Galega de Investigación Biomédica analizarán as cepas da bacteria para facilitar a detección de posibles gromos

A Consellería de Sanidade activa o protocolo de actuación tras detectar un caso de sarampelo

A investigacion apunta a un paciente importado, sen contactos detectados ata o momento e cun risco moi baixo para a poboación xeral

A Xunta clausura a planta soto do centro de saúde de Ponteareas pola elevada concentración de radon

O gas está catalogado como canceríxeno e está vinculado causalmente ao cancro de pulmón