O cambio climático duplica a probabilidade de eventos tan extremos como a DINA

O primeiro estudo científico sobre a catástrofe de Valencia estima que estes fenómenos son un 12% máis intensos polo quecemento global

O 29 de outubro un fenómeno meteorolóxico excepcional asolagou Valencia. Unha semana despois o balance é desolador: máis de 200 falecidos, un número indeterminado de desaparecidos e unha longa lista de danos materiais. Máis alá das consecuencias, a ciencia trata de buscar as causas dunha DINA tan devastadora. Aínda que sete días é un prazo de tempo moi curto para a ciencia, xa se publicaron dous estudos científicos que vinculan directamente este fenómeno extremo co cambio climático. O primeiro é contundente nos seus resultados: nos últimos 75 anos, os episodios de precipitacións extremas como o de Valencia duplicáronse a causa do quecemento global. E non só iso: son un 12% máis intensos.

Así o conclúe un estudo preliminar impulsado por World Weather Attribution (WWA), un equipo de climatólogos internacionais que trata de entender os eventos climáticos extremos do presente. A esta primeira investigación sumouse outro artigo de ClimaMeter, unha entidade de características semellantes á anterior. Neste segundo estudo participaron, de feito, dúas investigadoras españolas: Carmen Álvarez-Castro da Universidade Pablo de Olavide e Mireia Ginesta do Institut Pierre-Simon Laplace (Francia). Neste artigo, asinado xunto a outros tres científicos, as voces expertas son contundentes: “A intensificación das precipitacións desta DINA atribúense principalmente ao cambio climático provocado polo home”.

Publicidade

A elevada temperatura do Mediterráneo

Os estudos de WWA e ClimaMeter son preliminares dado que, tal e como eles recoñecen, os datos científicos sobre o fenómeno son aínda escasos e os seus resultados baséanse na comparación da catastrófica DINA de Valencia con outros eventos climáticos extremos sucedidos noutro tempo e noutros espazos. Con todo, os artigos dan algunhas das claves necesarias para entender a catástrofe. Entre elas, a elevada temperatura superficial do Mediterráneo, que favorece a humidade e impulsa a intensidade das precipitacións. “Na localidade de Turís, as precipitacións acadaron os 630 mm en 24 horas e en Chivas, 491 en tan só oito horas, ademais de fortes saraibadas e tornados”, subliñan os autores no artigo de ClimaMeter.

En concreto, este último estudo apunta que, no futuro —baseándose en simulacións climáticas pero sen achegar unha data concreta—, as precipitacións extremas como as producidas en Valencia “poderían aumentar ata un 88% no noreste de España e un 61% no Mediterráneo”. Así mesmo, conclúen que as chuvias aumentaron na costa valenciana en 13 mm/día. En canto á frecuencia, antes estaban concentradas no mes de outubro, pero este período xa abrangue os meses de setembro e novembro. Máis alá de Valencia, cidades como Albacete e Málaga experimentarán no futuro un “aumento significativo” destes eventos extremos de precipitación.

Publicidade

Limitacións, pero tamén evidencias

Ante a publicación destes dous estudos científicos, alzáronse voces independentes doutros expertos para valorar os resultados. O climátologo alemán afincado en Galicia Dominic Royé concorda con estas investigacións: “Non hai dúbida de que eventos extremos deste tipo son máis probables agora co cambio climático antropoxénico que se non o houbera”. Así o recolle o Science Media Centre (SMC) España, onde o experto incide no seguinte: “A seca e as precipitacións extremas son as caras da mesma moeda. As temperaturas máis cálidas aumentan a evaporación, o que reduce a auga superficial e seca os solos e a vexetación”.

Outras voces, como a de Pilar Brufau, profesora no departamento de Ciencia e Tecnoloxía de Materiais e Fluídos da Universidade de Zaragoza, considera que estudos como o de ClimaMeter “son cruciais” para anticipar os eventos extremos do futuro, sobre todo naquelas rexións que xa están expostas a sufrilos na actualidade. Con todo, sinala que hai poucos datos sobre a DINA de Valencia dado que aconteceu moi recentemente e, ademais, tratouse dun fenómeno completamente excepcional. “Esta limitación na dispoñibilidade de datos históricos específicos reduce a precisión coa que se pode atribuír o evento exclusivamente ao cambio climático antropoxénico”, declara no SMC España.

Finalmente, máis alá da pertinencia do estudo, o colíder do grupo de Variabilidade e Cambio Climático do Barcelona Supercomputing Center, Markus Donat, resume tallante non só o que está comezando a acontecer, senón o que se intensificará a causa do cambio climático: “Unha atmosfera máis cálida pode conter máis vapor de auga, e un Atlántico e un Mediterráneo máis cálidos poden fornecer máis humidade á atmosfera a través da evaporación. Más auga na atmosfera significa choivas máis fortes asociadas con sistemas de tormentas como a DANA que afectou a numerosas zonas de España a semana pasada”.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Galicia rexistra 18 mortes en maio asociadas á calor extrema

A provincia da Coruña foi a máis golpeada ao sumar 15 dos falecementos totais do mes, mentres que Ourense non rexistrou ningún

Regresa El Niño, o fenómeno que incrementa (aínda máis) as temperaturas a nivel global

O evento meteorolóxico causa episodios atmosféricos extremos e podería deixar un outono máis chuvioso en Galicia

Congro, ostra e vieira: máis de 60 especies están afectadas polo cambio climático nas Rías Baixas

Unha investigación do Centro de Investigación Mariña analiza o impacto presente e futuro dos episodios meteorolóxicos extremos sobre a fauna mariña galega

A crise da sardiña en Galicia: cae un 90% en 30 anos

O "stock" do Atlántico sufriu un pronunciado descenso na cantidade da súa biomasa debido ao cambio climático e o consecuente quentamento das augas, entre outros factores