O virus hemorráxico Crimea-Congo salta por primeira vez a 13 animais de granxa en Galicia

A carracha 'Hyalomma marginatum' quintuplica a súa presencia no territorio galego e transmite o patóxeno a outras especies en ata oito concellos distintos

A Rede Galega de Vixilancia de Vectores (ReGaViVec) acaba de facer público o seu derradeiro informe sobre a presenza de carrachas no territorio galego e os datos recollidos confirman o que moitos expertos agardaban: o virus causante da febre hemorráxica Crimea-Congo, transmitido pola especie Hyalomma marginatum, xa está circulando por distintas rexións de Galicia: “Mediante probas serolóxicas atopáronse animais seropositivos (con anticorpos fronte ó virus) practicamente en moitas das zonas nas que recolléronse exemplares adultos de hospedeiros, o que confirma que este patóxeno está a circular polo territorio”. Das 445 mostras analizadas durante todo o ano pasado, 13 animais deron positivo na proba para Crimea-Congo (denominados IgG), o que implica que estiveron expostos ao virus en algún momento e, como defensa, o seu organismo produciu anticorpos para loitar contra a infección.

A viaxe da ‘Hyalomma marginatum’

Nas décadas dos anos 80 e 90 a H. marginatum podía atoparse xa nas zonas do centro e do sueste peninsular, mais o primeiro caso dunha morte ocasionada por Crimea-Congo en humanos non chegaría ata 2010. 

Publicidade

Co paso do tempo, as condicións climáticas foron mudando e a carracha desprazouse ata rexións máis ao norte. No 2018, a morte dun home de 72 anos na provincia de Ávila a causa do Crimea-Congo fixo saltar a alarma das autoridades sanitarias da comunidade castelá, que puxeron en marcha un plan de vixilancia e observación que afectou a un centenar de persoas, a meirande parte delas persoal sanitario. A primeiros de maio, o vicepresidente e portavoz da Sociedade Española de Enfermidades Infecciosas e Microbioloxía Clínica Francisco Javier Membrillo, anunciou que a enfermidade xa era endémica no territorio Español en zonas como Extremadura, Madrid e O Bierzo. Un mes despois un home de avanzada idade falecía en Salamanca a causa da febre hemorráxica de Crimea-Congo. 

Segundo o informe de ReGaViVec, feito polos investigadores do grupo COPAR (USC), os achados recentemente reportados nos medios de comunicación da Comunidade de Castela e León sobre a presenza de carrachas capaces de transmitir o virus e o aumento de pacientes coa enfermidade confirmarían tamén a hipótese para o caso de Galicia. E os datos así o transmiten. En tan só un ano, esta carracha transmisora de Crimea-Congo quintuplicou a súa presencia no territorio galego: mentras que no 2022 só se capturaron tres exemplares, no ano pasado Galicia xa rexistraba ata 15 carrachas da especie Hyalomma marginatum. 

Publicidade

Probas de sangue en animais de granxa

Os fluxos migratorios das aves converteron a España nun país exposto á Febre Hemorráxica Crimea-Congo, segundo a principal teoría sobre a súa aparición na península

Porén, segundo sinalan dende a Rede de Vixilancia, o simple feito de atopar a presencia do virus nunha carracha non a converte nun vector de transmisión da enfermidade real: “Para coñecer a circulación dos patóxenos é preciso ter coñecemento da distribución e períodos de actividade das carrachas que actúan como vectores, e en caso de zoonoses, realízanse estudos de presenza de antíxenos ou anticorpos en animais que compartan a mesma enfermidade, aínda que en moitos casos non desenvolvan un cadro clínico”.

E iso foi o que fixeron: grazas á axuda de centos de colaboradores, os investigadoras analizaron un total de 445 mostras de sangue de distintas especies animais ubicadas en zonas onde se atopara a presenza da Hyalomma marginatum. 

Táboa que amosan os resultados positivos ou negativos das seroloxías.

Ourense, punto quente para as carrachas

Os resultados amosaron casos de anticorpos en vacas e cabalos en varios concellos de Ourense, como Vilamarín (un cabalo), Verín (dúas vacas), Paderne de Allariz (un cabalo), A Veiga (dúas vacas) e Viana do Boló (una vaca), sendo San Xoán de Río o lugar onde máis positivos se deron, con catro vacas que amosaron anticoropos para Crimea-Congo. Nas provincias de Lugo e Pontevedra só se atoparon dous resultados positivos, unha vaca en Folgoso do Courel (Lugo) e outra no Porriño (Pontevedra). 

O informe tamén recolle a relación entre as distintas especies de carrachas que se atopan no territorio Galego e a súa presenza nos diferentes climas que se establecen na comunidade, amasando a preferencia da H. marginatum polas zonas do sur e o sueste caracterizadas como climas mediterráneos ou mediterráneos de verán fresco. Outro dato relevante é que esta especie de carracha só está activa, polo menos en Galicia, durante os meses da primaveira e do verán.

Perigosidade e factores de risco

A febre hemorráxica de Crimea-Congo é unha enfermidade ocasionada por un virus da familia Bunyaviridae e transmitido principalmente por carrachas. Endémica nos territorios que se atopan por debaixo dos 50º de latitude norte como África, Oriente Medio e Asia, a súa presenza comeza a ser máis común en Europa a causa do aumento nas temperaturas. O informe de ReGaViVec explica: “As alteracións antropoxénicas, os cambios socioeconómicos e o movemento de persoas e transporte de animais domésticos traen con eles unha maior dispersión xeográfica das carrachas, favorecendo a emerxencia e reemerxencia das enfermidades transmitidas por estas”.

Ademais as novas rutas migratorias das aves, unido á perdida de hábitats como consecuencia do cambio climático tamén contribuíu enormemente a este feito.

A sintomatoloxía é moi variada, mais a maior parte dos pacientes adoitan ter febre, dor muscular, rixidez no pescozo e hipersensibilidade á luz. Nos casos graves chegan aos fenómenos hemorráxicos. 

A transmisión do virus non só se da pola picadura dunha carracha infectado, senón que tamén existe a posibilidade de contaxiarse a través do contacto coa sangue ou outros tecidos de animais infectados. É por iso que, un dos factores de risco para esta enfermidade está vencellado ao traballo no medio rural e no campo cando este inclúe o contacto con animais de granxa. 

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Un estudo arqueolóxico revela o papel esencial das mulleres na construción histórica do rural galego

A investigación pon de manifesto a importancia do traballo produtivo, doméstico e de coidados, así como o papel na transmisión de saberes

Unha investigación galega afonda no dó dos arroaces: que fan as nais cando morre unha cría?

Unha análise da CEMMA documenta os comportamentos das femias e identifica nos cachorros falecidos marcas asociadas ao seu acompañamento

Setembro pecha con sete mortes por afogamento en Galicia

É a cuarta comunidade autónoma con máis falecementos, só superada por Canarias, Cataluña e Andalucía

Galicia, a segunda comunidade con maior taxa de mortes atribuíbles ao consumo de alcol

O último informe do ISCIII rexistra 40 casos por cada 100.000 habitantes entre 2010 e 2021, nun podio que lidera xunto a Asturias e Ceuta e Melilla