Venres 17 Maio 2024

Morre un home en Salamanca pola febre de Crimea-Congo tras a picada dunha carracha

Expertos galegos cren que o virus xa podería estar presente en Galicia aínda que, de momento, non se rexistrasen casos en humanos

Un home de avanzada idade faleceu esta semana en Salamanca a causa da febre hemorráxica de Crimea-Congo, unha doenza que transmiten as carrachas e que ten unha taxa de letalidade que pode acadar o 40%. Trátase da quinta morte notificada en España dende 2013, segundo os últimos datos do Ministerio de Sanidade. Esta noticia súmase á recente publicación dun estudo que confirmaba a presenza do virus de Crimea-Congo na comarca do Bierzo, onde se rexistraron dous casos en 2022 e un deles faleceu. A investigadora Susana Remesar, experta en Sanidade Animal da Universidade de Santiago (USC), declaraba nun artigo publicado recentemente en Gciencia que é probable que a febre hemorráxica de Crimea-Congo xa estea en Galicia, aínda que non se detectaran, polo momento, casos en humanos.

Segundo explican no xornal La Gaceta de Salamanca, o home falecido estaba hospitalizado dende a semana pasada, cando sufriu unha caída despois de saír a camiñar polos arredores da cidade. O doente presentaba o síntoma máis representativo desta doenza: a hemorraxia. Despois de enviar mostras aos laboratorios do Instituto de Saúde Carlos III de Madrid, as análises corroboraron que o home tiña a febre de Crimea-Congo. Tras uns días “estable dentro da gravidade” o home faleceu como consecuencia dunha picadura de carracha, o vector que transmite esta doenza potencialmente mortal.

Publicidade

“En España, onde os primeiros casos identificados de pacientes con febre hemorráxica de Crimea-Congo datan de algo máis dunha década, a taxa de mortalidade chegou ao 30%”, explica o catedrático de Microbioloxía da Universidade de Salamanca Raúl Rivas nun artigo publicado en The Conversation. Segundo continúa explicando, a poboación española “está exposta ao patóxeno” porque xa se demostrou que circulan, en animais salvaxes, tres xenotipos diferentes do virus. O microbiólogo tamén sinala o cambio climático “como un dos factores que impulsan” a súa circulación. E malia que en Galicia aínda non se detectaron nin casos de Crimea-Congo nin carrachas infectadas, a enfermidade de Lyme —que tamén transmiten estes arácnidos— é endémica.

“O espectro de manifestacións clínicas da enfermidade varía dende doenzas subclínicas, que inclúen febre, dor de cabeza, malestar xeral, dor de gorxa, mareos, dor abdominal, náuseas, vómitos, conxuntivite, fotofobia e ata infeccións agudas con hemorraxia, insuficiencia multiorgánica e morte”, enumera Rivas. Un aspecto clave á coñecer como se transmite esta enfermidade potencialmente mortal, cuxo principal factor de risco é a picadura dunha carracha infectada. Con todo, é posible que se contaxie entre persoas se se entra en contacto con fluídos corporais infectados, así como a través da manipulación ou sacrificio de animais enfermos.

Segundo continúa explicando Rivas, actualmente non hai un medicamento nin unha vacina para o tratamento ou cura desta febre hemorráxica. De feito, os fármacos que se probaron ata o de agora non mostraron resultados o suficientemente concluíntes, como é o aso de ribavirina. De momento, os únicos tratamentos dispoñibles para a fase aguda da enfermidade son precisamente a reposición do sangue perdido a causa das frecuentes hemorraxias, así como a inxestión de líquidos. “Son fundamentais para aumentar a superviviencia”, sinala Rivas.

A Organización Mundial da Saúde (OMS) leva anos poñendo o foco nunha doenza endémica en África, da que é orixinaria, Oriente Medio, Asia e o suroeste de Europa, e que pode desencadear unha sintomatoloxía similar á do ébola. Polo de agora, máis que o tratamento, os expertos buscan concienciar sobre a prevención. Por iso é recomendable que as persoas que vaian a lugares onde pode haber carrachas, como pode ser o monte, empreguen pantalóns e camisas de manga longa. Tamén se deberían usar repelentes e roupa clara que permita identificar facilmente as carrachas. Unha vez que se chegue á casa, debería inspeccionarse o corpo pormenorizadamente para descartar picaduras. No caso de ter mascotas, é conveniente que estean desparasitadas.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Estes son os 129 concellos nos que se detectou a carracha que transmite Lyme

O xénero 'Ixodes' apareceu en 47 concellos de Lugo, posicionándoa como a provincia cun maior número de munipios afectados

▪️ O Lyme en Galicia: “Houbo un aumento exponencial nos últimos 15 anos"

Lugo é a provincia con maior incidencia dunha doenza que transmiten as carrachas do xénero 'Ixodes', moi abundantes en territorio galego

Móvese como unha araña e salta para picar: así é a carracha que transmite Crimea-Congo

O período de actividade da especie 'Hyalomma marginatum' en Galicia vai dende abril ata finais de agosto, cunha diminución da poboación nos meses de máis calor

Estes son os 21 concellos nos que apareceu a carracha que transmite o virus Crimea-Congo

A Coruña é a única provincia na que non se detectaron exemplares, segundo os datos recollidos entre 2019 e 2022