Estes son os 21 concellos nos que apareceu a carracha que transmite o virus Crimea-Congo

A Coruña é a única provincia na que non se detectaron exemplares, segundo os datos recollidos entre 2019 e 2023

As carrachas do xénero Hyalomma son as transmisoras da febre hemorráxica de Crimea-Congo, unha enfermidade endémica en África, Asia e Os Balcáns que se está a propagar polo noroeste da península ibérica. Aínda que en Galicia non se rexistrou ningún caso, os informes periódicos da Rede Galega de Vixilancia de Vectores (ReGaViVec) demostran que a especie Hyalomma marginatum leva presente no territorio, polo menos, dende 2019. De feito, as mostraxes levadas a cabo polo equipo de ReGaViVec detectaron esta carracha —o principal vector do virus de Crimea Congo— en 21 concellos. A maior distribución rexístrase na provincia de Ourense, con 14 municipios afectados; séguea Lugo con 5; e finalmente Pontevedra, con 2. A Coruña é a única provincia libre de Hyalomma marginatum.

Segundo explican fontes da Consellería de Sanidade, organismo do que depende ReGaViVec, os número de concellos nos que está presente a carracha son un acumulado dos últimos cinco anos. É dicir, non significa que a especie aparecera todos os anos en todos os concellos, senón que dende o 2019 se detectou Hyalomma marginatum en 21 localidades galegas. Seguindo a listaxe proporcionada por Sanidade, as zonas afectadas en Ourense son Vilamartín de Valdeorras, O Barco de Valdeorras, A Rúa, Petín, Pobra de Trives, Manzaneda, Viana do Bolo, Vilariño de Conso, A Mezquita, Allariz, Verín, Bande, Muíños e Lobios. Na provincia de Lugo son o propio municipio homónimo, A Fonsagrada, Negueira de Muñiz, Triacastela e Quiroga. Finalmente, detectouse Hyalomma marginatum nos concellos pontevedreses de Gondomar e Oia.

Publicidade

A vixilancia desta especie de carracha, e o coñecer a súa distribución en territorio galego, é de especial importancia para evitar a propagación da febre hemorráxica de Crimea-Congo. Dende 2013, rexistráronse 13 casos en España, dos que 5 deles faleceron. O último, un home de avanzada idade de Salamanca que morreu hai unha semana pola picadura dunha carracha infectada. Tamén se produciron varios contaxios na zona do Bierzo, limítrofe con Galicia, un deles mortal en 2022. Con todo, dende Sanidade aseguran que ningún dos animais capturados en territorio galego deu positivo na infección e que, ata o momento, “non se ten constancia de ningún caso autóctono”.

“O aumento de temperatura, e cambios nos patróns de precipitación derivados do cambio climático que se veñen rexistrando en Galicia, permiten o desenvolvemento do ciclo de Hyalomma marginatum“, salienta o último informe de ReGaViVec, no que se fai balance do ano 2022. Ao parecer, foron os fluxos migratorios de aves os que expuxeron a España e, por tanto, a Galicia, ao virus da febre hemorráxica de Crimea-Congo, malia que aínda non se considere endémica. Así mesmo, este animal adáptase ao hábitat no que se atope, dado que soporta temperaturas e humidades variadas. Fundamentalmente parasita aves, animais silvestres e domésticos e tan só pica persoas de maneira accidental. En 2021, por exemplo, detectouse Hyalomma marginatum por primeira vez en cabalos salvaxes da Serra da Groba.

Como se detectan?

O coordinador do Grupo COPAR da Universidade de Santiago (USC), Adolfo Paz Silva, explica que este equipo da Facultade de Veterinaria de Lugo é un dos membros fundadores de ReGaViVec. Actualmente, os investigadores do Campus Terra son os encargados de identificar as carrachas que se recollen nos centros sanitarios, nas clínicas veterinarias, nos centros hípicos, nas granxas e nos Centros de Recuperación de Fauna Silvestre. É dicir, toda unha ampla rede de colaboración que permite facer un seguimento pormenorizado do vector de enfermidades endémicas en Galicia como Lyme e de virus potenciais como o de Crimea-Congo. Unha vez recollidas as carrachas, as doutoras María Sol Arias Vázquez e Rita Sánchez-Andrade Fernández identifícanas no laboratorio.

Para completar todo este procemento, tamén se fan mostraxes do solo e da vexetación e visítanse semanalmente localizacións de toda Galicia para dispoñer de información actualizada das carrachas e da súa distribución. Dende Sanidade tamén detallan que unha vez que se identifican os exemplares en Lugo, envíanse as mostras ao Centro Nacional de Microbioloxía, onde se determina se están infectados. No caso de Hyalomma marginatum, se portan o virus de Crimea-Congo. Ata o momento, todos os individuos capturados ao longo dos cinco anos deron negativo. Un equipo do Instituto de Investigación en Recursos Cinexéticos (IREC) demostrou hai dúas semanas a circulación do virus no Bierzo, mais ata o de agora non está demostrada a súa chegada a Galicia aínda que haxa expertas como Susana Remesar, tamén da USC, que crean que “probablemente xa estea aquí”.

Laura Filloy
Laura Filloy
Xornalista científica pola Universidade Carlos III de Madrid. Comezou a súa andaina profesional no Faro de Vigo. Con experiencia en comunicación institucional a través de Médicos sen Fronteiras e a Deputación de Pontevedra, meteuse de cheo na divulgación científica na Axencia EFE. Dende 2021 en Gciencia, onde segue a cultivar a súa paixón pola ciencia.

2 COMENTÁRIOS

    • Ola, son os concellos onde apareceu. Se pos o rato sobre eles vese o nome.
      Os nomes dos concellos é algo que botei a faltar eu no artigo de onte, hoxe aclárano.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Cales son as zonas de risco de carrachas no Camiño francés? Así o estudan na USC

A Cátedra das Peregrinacións financia tres proxectos sobre a ruta xacobea e destina 2.000 euros a cada unha das investigacións

▪️ Estes son os 129 concellos nos que se detectou a carracha que transmite Lyme

O xénero 'Ixodes' apareceu en 47 concellos de Lugo, posicionándoa como a provincia cun maior número de munipios afectados

A enfermidade de Lyme en Galicia: “Houbo un aumento exponencial nos últimos 15 anos”

Lugo é a provincia con maior incidencia dunha doenza que transmiten as carrachas do xénero 'Ixodes', moi abundantes en territorio galego

Móvese como unha araña e salta para picar: así é a carracha que transmite Crimea-Congo

O período de actividade da especie 'Hyalomma marginatum' en Galicia vai dende abril ata finais de agosto, cunha diminución da poboación nos meses de máis calor