Domingo 19 Maio 2024

Sanidade detecta en 21 concellos a carracha que transmite o perigoso virus Crimea-Congo

A Xunta reforza a vixilancia pola aparición de casos no Bierzo pero sen constancia de que o patóxeno chegase a Galicia

A febre hemorráxica de Crimea-Congo é un virus que transmiten as carrachas e que pode acadar unha taxa de letalidade de ata o 40%. De feito, hai tan só uns días falecía un home de avanzada idade en Salamanca a causa desta enfermidade. O principal vector do virus son as carrachas do xénero Hyalomma que, ata o momento, son as únicas con capacidade demostrada para transmitir a enfermidade. Dende a Consellería de Sanidade confirman que estes arácnidos xa están presentes en 21 concellos, segundo as investigacións que desenvolve dende o 2018 a Rede Galega de Vixilancia de Vectores (ReGaViVec). Con todo, a presenza da carracha non implica que tamén estea o virus e, de feito, ningún dos animais identificados en Galicia estaba infectado coa febre de Crimea-Congo. “Ata o momento non se ten constancia de ningún caso autóctono”, sinalan dende a consellería.

En Galicia detectouse Hyalomma marginatum, unha das especies do xénero Hyalomma máis abundantes da península ibérica. Despois da súa identificación en máis dunha vintena de concellos —dos que a Consellería de Sanidade non facilitou a listaxe—, o equipo de ReGaViVec enviou os exemplares capturados ao Centro Nacional de Microbioloxía para determinar se estaban infectados co virus de Crimea-Congo. “Todas resultaron negativas”, sinalan fontes do departamento.

Publicidade

Con todo, dende a Xunta recoñecen que tras a detección de dous casos no Bierzo en 2022, dos cales un faleceu, reforzouse a vixilancia do vector en Galicia. Entre as medidas postas en marcha está a actualización dos protocolos para o manexo dos casos da febre hemorráxica de Crimea-Congo, a difusión e formación de profesionais sanitarios en distintos ámbitos —medicina, enfermaría e persoal de saúde pública— e a participación en estudos de seroprevalencia do virus en animais, coa colaboración da Consellería de Medio Rural e de clínicas veterinarias.

Hai preto dunha semana que un equipo do Instituto de Investigación en Recursos Cinexéticos (IREC) publicou un estudo no que corroboraba a circulación do virus de Crimea-Congo na comarca do Bierzo, na fronteira con Galicia. O equipo analizou 95 carrachas, das que 10 deron positivo. Con todo, o resultado máis rechamante da investigación é que ningún dos animais infectados pertencía ao xénero Hyalomma, malia que é o único que ten probada cientificamente a transmisión do virus. Dende a Consellería de Sanidade cren que este achado non é concluínte e non proba “a competencia vectorial destes outros xéneros de carrachas para transmitir a enfermidade”. Porén, instan a continuar investigando nesta liña.

Un protocolo contra o virus

Aínda que non se ten constancia da presenza do patóxeno en Galicia, a investigadora Susana Remesar, experta en Sanidade Animal da Universidade de Santiago (USC), declaraba nunha reportaxe publicada en Gciencia que o virus “probablemente estea en Galicia”. Os animais e os patóxenos non entenden de fronteiras e o cambio climático, segundo o decano da Facultade de Veterinaria da USC, Gonzalo Fernández, non fai máis que favorecer a aparición de novas especies e, por tanto, novas enfermidades en contornas nas que non eran habituais. Para facerlle fronte á nova ameaza que supón o virus de Crimea-Congo, a Consellería de Sanidade segue o Prococolo de Vixilancia da febre hemorráxica Crimea-Congo elaborado pola Rede Nacional de Vixilancia Epidemiolóxica e que está, segundo aparece no propio documento, “en revisión permanente”.

O informe advirte que máis alá da picadura de carracha, que é a forma de transmisión máis común, o virus tamén se pode contaxiar por contacto co sangue ou tecidos de gando infectado, ou ben de persoa a persoa a través de fluídos. Os primeiros síntomas, que durarían entre catro e cinco días, adoitan ser a febre brusca, a dor de cabeza e os mareos, así como a diarrea, as náuseas ou vómitos e a conxuntivite. Nos dous ou tres días seguintes, o paciente pode presentar manifestacións hemorráxicas no nariz, nas enxivas, no sistema gastrointestinal, no tracto respiratorio e no urinario, así como no propio cerebro. Hai doentes que incluso evolucionan a hepatite. Entre os pacientes que se recuperan, a melloría comeza a manifestarse a partir do noveno ou décimo día, aínda que a convalecencia pode durar uns 20 días.

A súa orixe

O virus da febre hemorráxica Crimea-Congo describiuse por primeira vez a mediados do século XX. Foi na península de Crimea en 1944, en plena Segunda Guerra Mundial, cando soldados soviéticos comezaron a presentar síntomas dunha enfermidade non identificada despois de ser picados por carrachas da especie Hyalomma marginatum, a mesma que está presente en 21 concellos galegos. En 1967 conseguiuse illar o virus e dous anos despois demostrouse que se trataba do mesmo patóxeno que se detectara en 1956 no sangue de persoas do antigo Congo belga. Por iso agora se empregan os nomes de Crimea e do Congo para designar a enfermidade.

A enfermidade é endémica en África, nos Balcáns, en Oriente Medio e en Asia pero en España non se detectou ata o ano 2011, cando se identificou en carrachas da especie Hyalomma lusitanicum capturadas en 2010 en cervos de Estremadura. Segundo o protocolo, pénsase que o virus chegou á península a través das aves migratorias, dado que as cepas que circulan en España son idénticas ás do norte de África. A información recollida polo Sergas contabiliza 12 casos en total, que deberían ascender a 13 co falecemento dun home en Salamanca hai tan só uns días e que aumenta a 5 o número de mortes causadas polo virus de Crimea-Congo. A maior incidencia rexístrase en Castela e León, que concentra todos os casos agás un, que se detectou en 2018 en Badaxoz.

Laura Filloy
Laura Filloy
Xornalista científica pola Universidade Carlos III de Madrid. Comezou a súa andaina profesional no Faro de Vigo. Con experiencia en comunicación institucional a través de Médicos sen Fronteiras e a Deputación de Pontevedra, meteuse de cheo na divulgación científica na Axencia EFE. Dende 2021 en Gciencia, onde segue a cultivar a súa paixón pola ciencia.

2 COMENTÁRIOS

  1. Moi ben polo artigo. Pero, non sería mellor dicir cales son os 21 concellos na que está presente para que podamos poñer máis precaucións?
    Ah, non, agrademos a que morra a xente para tomar as mesuras con retraso…

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Estes son os 129 concellos nos que se detectou a carracha que transmite Lyme

O xénero 'Ixodes' apareceu en 47 concellos de Lugo, posicionándoa como a provincia cun maior número de munipios afectados

▪️ O Lyme en Galicia: “Houbo un aumento exponencial nos últimos 15 anos"

Lugo é a provincia con maior incidencia dunha doenza que transmiten as carrachas do xénero 'Ixodes', moi abundantes en territorio galego

Móvese como unha araña e salta para picar: así é a carracha que transmite Crimea-Congo

O período de actividade da especie 'Hyalomma marginatum' en Galicia vai dende abril ata finais de agosto, cunha diminución da poboación nos meses de máis calor

Estes son os 21 concellos nos que apareceu a carracha que transmite o virus Crimea-Congo

A Coruña é a única provincia na que non se detectaron exemplares, segundo os datos recollidos entre 2019 e 2022