Móvese como unha araña e salta para picar: así é a carracha que transmite Crimea-Congo

O período de actividade da especie 'Hyalomma marginatum' en Galicia vai dende abril ata finais de agosto, cunha diminución da poboación nos meses de máis calor

A especie Hyalomma marginatum, transmisora da febre hemorráxica de Crimea-Congo, é coñecida como “carracha cazadora” pola súa forma de atacar: “Ela espérate, salta e morde”. Así describe o seu comportamento Elvira Íñiguez, técnica da Dirección Xeral de Saúde Pública e membro da Rede Galega de Vixilancia de Vectores (ReGaViVec). Outro elemento característico desta especie —detectada en 21 concellos galegos— é o seu movemento, similar ao dunha araña. De feito, pode chegar a confundirse un animal con outro. “É moi fácil identificala polo seu gran tamaño e polas súas patas con franxas amarelas”, indica Rita Sánchez-Andrade, investigadora na Universidade de Santiago (USC) e tamén integrante de ReGaViVec. Ante a recente morte dun home en Salamanca por Crimea-Congo e a publicación dun estudo que constata a presenza do virus no Bierzo, ambas expertas instan á calma e atribúen ao cambio climático a chegada de novas especies e patóxenos a Galicia cos que a poboación non estaba acostumada a vivir: “Temos que afacernos”.

O período de actividade de Hyalomma marginatum no territorio galego vai dende abril ata finais de agosto, segundo as pescudas do grupo COPAR da USC, ao que pertence Sánchez-Andrade, e un dos membros fundadores de ReGaViVec. “Cando empece a calor máis forte vai diminuír a súa poboación. Máis tarde de setembro é raro que apareza”, di a profesora de Zoonoses e Saúde Pública. A primeira vez que detectaron a carracha transmisora de Crimea-Congo, sen constancia aínda de que o patóxeno circule en Galicia, foi en agosto de 2019. Dende aquela, foron aparecendo cada vez máis exemplares, aínda que dende ReGaViVec recoñecen que dende o 2022 —cando se detectaron dous casos do virus no Bierzo— se intensificou a vixilancia deste vector e se ampliou a rede de colaboración con clínicas veterinarias, centros de saúde e Centros de Recuperación de Fauna Silvestre.

Publicidade

“Ao longo destes anos vimos que a carracha está ampliando a súa zona. A principal explicación é o cambio climático, que favorece a súa expansión e por iso a estamos detectando en zonas con diferente climatoloxía”, engade Íñiguez. Antes de 2019 non se ten constancia de que Hyalomma marginatum estivese presente en Galicia, pero os primeiros lugares nos que apareceu foi no sur de Ourense, en concellos como Viana do Bolo e Quiroga. Porén, dende ReGaViVec están a detectar que a carracha amplía a súa área de distribución cara á provincia de Lugo, onde xa se detectou en concellos como A Fonsagrada e Negueira de Muñiz. “Sorpréndeme que chegue a Lugo porque ten unha climatoloxía diferente que o sur de Ourense, onde hai temperaturas máis secas e cálidas e, por tanto, máis propicias para o desenvolvemento da especie”, engade.

Risco baixo de circulación do virus

Aínda que en Galicia está presente o vector e o virus xa se detectou na zona limítrofe do Bierzo, Íñiguez asegura que a probabilidade de circulación do patóxeno que provoca a febre hemorráxica de Crimea-Congo “é baixo”. De feito, di que é o mesmo nivel no que se atopa Castela e León, a comunidade autónoma na que se rexistraron a meirande parte dos casos: 12 infeccións das 13 que se notificaron en España dende 2013. A mensaxe de calma que trata de transmitir Íñiguez non só se basea na ausencia de datos que corroboren, polo momento, a chegada do virus a Galicia, senón no proceso que precisa a carracha para transmitir a enfermidade despois dunha picadura. “Se a retiras antes das 24 ou 36 horas dende que te mordeu, non vas ter problema”, indica. Así, a experta de ReGaViVec explica que a carracha precisa engancharse e, despois, poñer en marcha os mecanismos de transmisión da infección, que levan o seu tempo. Por iso pon énfase que o máis importante para evitar este tipo de enfermidades son as medidas de prevención.

Con todo, a técnica da Dirección Xeral de Saúde Pública recoñece que as carrachas, igual que os mosquitos, senten predilección por unhas persoas en detrimento doutras. Segundo describe, estes arácnidos teñen uns sensores nas patas dianteiras que captan os hospedadodes a través do olor, da temperatura e do CO2, entre outros parámetros. “Non todas as persoas son iguais. A unhas vanas picar máis que a outras”, di Íñiguez. E ante iso, pouco máis que facer que, se vas ao campo, uses roupa clara, leves os calcetíns por enriba dos pantalóns e cando chegues á casa revises ben cada unha das partes do teu corpo. “Pídello a outra persoa. Que mire ben nas zonas con pelo e con dobreces. Se ves que tes unha carracha prendida, podes sacala ti mesmo coas pinzas pero o máis recomendable é que te achegues a un centro de saúde”, expón a experta. Alí extraerana e mandarana a analizar segundo os protocolos.

Todas as medidas de prevención son poucas, pero é a única maneira de evitar a picadura dunha carracha e, tamén, a posibilidade de que che transmita enfermidades como Crimea-Congo ou Lyme, que presenta unha alta incidencia nalgunhas zonas de Galicia. “Non hai ningunha forma de evitar a presenza das carrachas. Están en animais silvestres para os que non existe ningún control veterinario”, di Sánchez-Andrade. A investigadora da Facultade de Veterinaria do Campus Terra, en Lugo, tamén recomenda que, se vas ao campo, te movas polas zonas de menos vexetación. É dicir, no canto de ir nos bordes do camiño, vai polo centro. De igual modo, é recomendable usar repelente e non tombarse na herba. “Son consellos obvios pero moitas veces descoidámolos”, sostén.

Chegará a Galicia?

Aínda que non hai constancia de que o virus estea presente en Galicia, os animais que transportan Hyalomma marginatum, como os ungulados, non entenden de fronteiras. É imposible controlar o cruce de animais infectados dunha comunidade a outra. A diferenza dos humanos, eles non enferman cando unha carracha lle transmite o virus de Crimea-Congo: “Convértense en reservorios e desencadean unha resposta inmunitaria”. Segundo apunta Sánchez-Andrade, a clave para entender mellor a circulación do virus está, precisamente, na elaboración de estudos de seroprevalencia. Este tipo de investigacións sinalarán se un animal presenta anticorpos contra Crimea-Congo porque, de ser así, significa que estivo en contacto co virus. “As carrachas transmiten moitas enfermidades e os animais son verdadeiros centinelas para coñecer como están circulando os patóxenos”, indica.

“Non se pode falar dun risco alto en Galicia”, di Íñiguez. E xa non só porque a nivel estatal se considere que o territorio galego ten unha baixa probabilidade de que circule o virus de Crimea-Congo, senón pola densidade de carrachas Hyalomma marginatum que se atoparon ata o de agora. Aínda que apareceron en 21 concellos, dende ReGaViVec poñen o énfase de que a maior concentración está no sur de Ourense, onde xa están a tomar medidas de formación e de prevención. “Para ter circulación do virus ten que haber unha densidade de carrachas axeitadas para que se transmita. O número de Hyalomma marginatum en Galicia con respecto a outras especies é mínimo”, indica a técnica da Dirección Xeral de Saúde Pública. “Se non tes carracha, non tes enfermidade”, insiste, tratando de lanzar unha mensaxe tranquilizadora sobre a posible chegada do virus a Galicia.

Amais disto, dende ReGaViVec estase a intensificar o control e vixilancia das carrachas a raíz dos casos no Bierzo. Ademais de ampliar o número de clínicas e centros de saúde colaboradores, tamén se actualizaron os protocolos para o manexo de casos. Segundo explica Íñiguez, enviouse unha carta a todos os centros de saúde, especialmente da zona de Ourense onde hai unha maior presenza e distribución de Hyalomma marginatum, para que estean atentos ante a aparición dalgún caso sospeitoso. Tamén se están impartindo formacións ao persoal sanitario non só sobre o virus de Crimea-Congo, senón sobre todas aquelas enfermidades que poden transmitir os vectores. Nomeadamente, os mosquitos e as carrachas.

Integrante do grupo COPAR no laboratorio da USC.

Como se detectan?

O máis importante para detectar o virus a tempo, ou a presenza da carracha en novos territorios, é levar a cabo unha vixilancia intensa e pormenorizada que coordina ReGaViVec, que depende da Consellería de Sanidade. No que respecta ás carrachas, é o grupo COPAR da USC o que realiza as mostraxes, recolle os exemplares e os envía a analizar ao Centro Nacional de Microbioloxía para determinar se teñen ou non o virus. “Buscamos as carrachas no medio usando unhas sabas que arrastramos suavemente. Ímolas pasando e cada pouco tempo miramos se apareceron”, explica Sánchez-Andrade. Con todo, este non é un método co que se poida identificar Hyalomma marginatum, que non é doado detectar no medio ambiente.

A carracha transmisora do virus de Crimea-Congo, cando está na fase de larva e de ninfa, hospédase normalmente en paxaros, outros animais silvestres ou incluso pequenos mamíferos. “Só as detectamos en fases adultas en animais grandes como cabalos e vacas”, explica Sánchez-Andrade. Por tanto, a colaboración coas clínicas é clave, porque son as fontes a través das que chega Hyalomma marginatum ao laboratorio de COPAR en Lugo. Unha vez alí, o equipo identifica a especie cunha lupa e fai unha caracterización morfolóxica para, a continuación, enviala a analizar. E isto non só acontece co arácnido que transmite Crimea-Congo, senón con outras especies que contaxian, entre outras, e enfermidade de Lyme. Un traballo de intensa colaboración, que responde ao concepto de One Health, e que permite controlar e vixiar as novas ameazas á saúde pública. Como di Sánchez-Andrade, só nos queda afacernos a un escenario no que nin virus nin animais entenden de fronteiras.

Laura Filloy
Laura Filloy
Xornalista científica pola Universidade Carlos III de Madrid. Comezou a súa andaina profesional no Faro de Vigo. Con experiencia en comunicación institucional a través de Médicos sen Fronteiras e a Deputación de Pontevedra, meteuse de cheo na divulgación científica na Axencia EFE. Dende 2021 en Gciencia, onde segue a cultivar a súa paixón pola ciencia.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Cales son as zonas de risco de carrachas no Camiño francés? Así o estudan na USC

A Cátedra das Peregrinacións financia tres proxectos sobre a ruta xacobea e destina 2.000 euros a cada unha das investigacións

▪️ Estes son os 129 concellos nos que se detectou a carracha que transmite Lyme

O xénero 'Ixodes' apareceu en 47 concellos de Lugo, posicionándoa como a provincia cun maior número de munipios afectados

A enfermidade de Lyme en Galicia: “Houbo un aumento exponencial nos últimos 15 anos”

Lugo é a provincia con maior incidencia dunha doenza que transmiten as carrachas do xénero 'Ixodes', moi abundantes en territorio galego

Estes son os 21 concellos nos que apareceu a carracha que transmite o virus Crimea-Congo

A Coruña é a única provincia na que non se detectaron exemplares, segundo os datos recollidos entre 2019 e 2022