As carrachas do xénero Ixodes son o principal vector de transmisión da enfermidade de Lyme, unha infección bacteriana que causa unha ampla variedade de síntomas, sendo o primeiro —e o máis característico— a aparición dunha lesión cutánea denominada eritema migrans. Esta doenza, que tamén cursa con dor de cabeza, fatiga e, nos casos máis graves, con manifestacións neurolóxicas, transmítese a través da picadura das ninfas de Ixodes, que son de moi pequeno tamaño e difíciles de detectar. Segundo o Boletín Epidemiolóxico de Galicia, publicado en decembro de 2023, este xénero de carrachas detectouse en 129 concellos entre os anos 2014 e 2021, os últimos dos que se ten información. Por provincias, Lugo é a máis afectada, con 47 municipios; seguida da Coruña con 30; Ourense con 27 e Pontevedra con 25.
Os datos que ofrece o Boletín Epidemiolóxico de Galicia revelan que nun 66,8% do territorio galego analizado se atopou este xénero de carracha, que transmite as bacterias Borrealia, causantes da enfermidade e Lyme. Con todo, hai 120 concellos sobre os que non se fixo ningunha mostraxe. É dicir, non se ten constancia de se a carracha Ixodes está presente ou non. Seguindo os datos recollidos do boletín, as maiores concentracións de concellos dos que non se ten información están na Costa da Morte e no centro e sur da provincia de Ourense. No que respecta aos 64 concellos restantes, a información recollida pola Rede Galega de Vixilancia de Vectores (ReGaViVec), que depende da Consellería de Sanidade, contastata a ausencia deste tipo de carracha.
No documento elaborado por Sanidade tamén se indica cales son as comarcas con maior incidencia da enfermidade de Lyme, da que se notificaron 464 casos en Galicia entre 2014 e 2021. As que presentan unha maior taxa de persoas afectadas están en Lugo: A Fonsagrada, Meira, Os Ancares, Terra Cha, A Mariña Central, A Mariña Oriental e A Mariña Occidental. Tamén hai unha comarca con elevada incidencia de Lyme na provincia da Coruña, que linda coa última mencionada: Ortegal. No caso contrario, é dicir, onde non se detectaron casos desta enfermidade transmitida por carrachas, faise mención a oito comarcas: Verín, O Ribeiro, O Carballiño, Terra de Trives, Noira, Muros, Xallas e Terra de Soneira.
Como identificar a enfermidade
O síntoma máis característico da enfermidade de Lyme é o eritema migrans; unha lesión cutánea formada por dous aros, sendo o do centro de cor branca. Adoita ser a primeira manifestación da enfermidade, e tamén a máis habitual, dado que preto do 80% das persoas infectadas presentan esta marca na pel. Con todo, este non é o único síntoma e Lyme pode cursar cunha amplia variedade de manifestacións, que van dende a febre ata a fatiga, pasando polos glanglios linfáticos inflamados e dores de cabeza e articulares. Se a doenza se agrava, os pacientes poden presentar o que se denomina como neuroborreliose, cando a bacteria infecta o sistema nervioso e provoca, entre outros, fatiga debilitante, parálise facial e incluso trastornos sensoriais. O certo é que para tratar a enfermidade de Lyme non existe, aínda, tratamento nin vacina efectivos.
De feito, e sempre segundo os datos recollidos no Boletín Epidemiolóxico de Galicia, o 69% dos pacientes con Lyme entre 2014 e 2021 presentaron eritema migrans. Ademias, un 86% deles foron diagnosticados precozmente, algo indispensable para evitar que a enfermidade derive en neuroborreliose. O certo é que, segundo a investigadora da USC Rita Sánchez-Andrade, membro de ReGaViVec e profesora de Zoonoses e Saúde Pública na Facultade de Veterinaria de Lugo, nos últimos 15 anos experimentouse un “crecemento exponencial” da enfermidade de Lyme en Galicia. As conclusións recollidas no boletín indican expresamente que as taxas de incidencia atopadas “son moi superiores á media española” e, pola contra, semellantes ás doutros países europeos onde Lyme é unha doenza endémica.
“Precísase coñecer mellor a distribución das carrachas do xénero Ixodes, a súa densidade e grao de infestación por Borrelia para coñecer a dinámica da enfermidade en Galicia”, recolle o documento. Un paso esencial para achar as claves dunha doenza que está a aumentar no territorio, e que ten unha incidencia especialmente alta en determinadas comarcas, onde sería preciso aplicar estratexias de saúde pública destinadas á prevención da enfermidade. No boletín tamén se insta á realización de estudos de seroprevalencia, tanto en animais como en persoas, que acheguen máis información sobre como de estendida está Lyme en Galicia. E, por suposto, faise mención expresa á visión Unha soa saúde (One Health, en inglés), onde se debe ter en conta a saúde humana, animal e ambiental como un todo, máis aínda nun contexto de cambio climático.