A ría de Arousa-Corrubedo é unha das zonas con máis residuos de España

O Proxecto Libera, de SEO Bird/Life e Ecoembes, analiza 17 espazos naturais de todo o Estado e contabiliza, só en Galicia, 4.783 refugallos

A natureza non adoita ser sinónimo de sucidade. Para decatármonos de todos os residuos que se esconden realmente nos nosos montes ou praias, temos que mirar de xeito moi consciente o noso medio. Ese é o obxectivo dun proxecto levado ao cabo pola ONG SEO/Birdlife en alianza con Ecoembes, o Proxecto Libera, unha iniciativa que vén de estudar 17 espazos naturais en España para analizar ata que punto están contaminados por residuos xerados polo ser humano e abandonados na natureza. A ría de Arousa-Corrubedo, o único espazo galego analizado, é un dos máis contaminados.

“O abandono de residuos por parte das persoas é un problema medioambiental moito máis grave do que se adoita pensar”, explica Alberto Remacha, traballador da área social de SEO/Birdlife. “Decidimos poñerlle nome e chamámolo basuraleza, e é algo do que vimos falando xa desde o ano 2019, cando lanzamos Ciencia Libera, un proxecto que xa amosara no seu momento que o problema no medio ambiente non é só a macrobasuraleza —aquela que é visible e se atopa flotando nos ríos e á beira do mar— senón tamén a microbasuraleza ou microcontaminación —aquela que non se pode ver a simple vista”, apunta.

Publicidade

En Galicia, á area escollida foi a de ría de Arousa-Corrubedo, un espazo que, segundo as análises, é dos que ten un maior grao de contaminación difusa dentro de España: en total, 4.783 elementos e cero lugares onde non houbese presenza de basuraleza.  

Gustavo Ferreiro Martínez foi o coordinador da mostraxe de campo para o proxecto Libera en Galicia. “Gustaríame aclarar que, aínda que se chame ría de Arousa-Corrubedo, a área escollida en Galicia é máis grande”, conta. “É unha IBA (Área Importante para a conservación das Aves, polas súas siglas en inglés) que colle desde a ría de Arousa ata a ría de Pontevedra pasando por Corrubedo. Máis especificamente os concellos de Cambados, Sanxenxo e O Grove”, indica.

Publicidade

Unha metodoloxía de caracterización de residuos

A contaminación difusa, explican desde o Proxecto Libera, é aquela que non ten unha orixe concreta, senón que se atopa en áreas moi amplas, o que hai fai moi difícil de controlar ao estar espallada por todo o ecosistema. Esta dispersión e falta de control foi a que fixo que se decidira poñer en marcha esta análise mediante unha metodoloxía de caracterización de residuos entre os anos 2021 e 2023.

“A través da aplicación de ciencia cidadá eLitter e coa axuda de técnicos e técnicas, foron facéndose transectos nos que se contabilizaron cada un dos residuos presentes durante tres anos para ver como ía evolucionando o lixo que se atopaba”, comenta Remacha. “Deste xeito puidemos ver se ía a máis e onde estaban os focos de contaminación”, indica. Desde Libera explican que esta metodoloxía é importante porque, para poder atallar un problema, é fundamental saber de onde vén. Por esa mesma razón, dende o proxecto decidiron seleccionar dentro de cada espazo natural tres zonas en distintos tipos de ambientes: leito, monte e áreas recreativas.

“A intención con esta división era saber cales son as áreas máis afectadas e, por regra xeral, son as zonas que se usan máis, é dicir, as áreas recreativas”, di Remacha. “Isto é así porque son as zonas onde se concentra un maior número de persoas facendo actividades”, continúa. Aínda que hai excepcións, porque os espazos naturais que están preto de cidades teñen contaminantes que chegan desde alí arrastrados polo río como son os panos húmidos que chegan desde os váteres. E hai lugares, como as áreas recreativas estudadas en Galicia, onde os concellos fan un gran labor de limpeza e hai menos presenza de basuraleza que noutras zonas.

En total, durante os tres anos que durou a investigación, recolléronse 60.055 elementos que pesaron 4.408 quilos. Dentro destes, os panos húmidos son, de feito, un dos residuos de basuraleza máis atopados (un 5% do total), con todo non é o que gaña en cantidade. A basuraleza máis abundante son as cabichas (un 28% dos residuos recollidos), un resultado que non foi demasiado sorprendente para as persoas encargadas do proxecto xa que é o tipo de residuo que máis se atopa polo xeral en ambientes naturais, sobre todo en áreas recreativas e zonas de uso público intenso. As cabichas están seguidas por elementos de plástico, como envoltorios de caramelos; panos húmidos, papel hixiénico, madeira traballada e vidro ou metal. Entre moitos outros.

“Destacamos o tema das cabichas porque estamos agora no medio dunha campaña na que facemos fincapé no feito de que, a pesar de ser un elemento moi pequeno, ten unha gran cantidade de contaminantes”, resalta Remacha. “Ten metais pesados como cadmio, arsénico… E ese era un dos puntos fortes deste informe”, indica.

Ferreiro apunta que aínda que a nivel nacional, e tamén galego, as cabichas si son o residuo máis abundante, hai puntos nos que Galicia se diferenza doutras zonas. “Na nosa zona costeira atopamos moitos residuos relacionados coa actividade pesqueira e acuícola”, explica Ferreiro. “Este é un dato importante para nós xa que permite entender por onde e de que xeito chegan os residuos ata a nosa natureza. Por exemplo, nunha das zonas estudadas, no río Umia, cando hai mareas potentes ou hai temporais, chegan residuos arrastrados polo mar. Plásticos, cordas, anacos de redes, caixas onde se gardan os peixes…”, engade.

Xunto co tipo de basuraleza atopada, o proxecto destaca tamén o feito de que son os meses de verán, entre xuño e setembro, os que maior presenza de residuos teñen; que cada ano, a pesar de ter eliminado o lixo do períoso anterior, a basuraleza volve aumentar case na mesma proporción, e o feito de que nas zonas cerca da costa é onde se atopa un maior número de residuos.

“É verdade que son tres anos de informe e requírese máis tempo para poder sacar conclusións máis fiables, sobre todo en relación a se a basuraleza está aumentando ou diminuíndo, pero aínda así, con estas conclusións xa se pode xerar conciencia”, reflexiona Remacha.

Sensibilizando desde o Proxecto Libera

Desde Ciencia Libera explican que todo o traballo que levan ao cabo para acabar coa basuraleza é a través da sensibilización. “Queremos coñecer os datos para poder sensibilizar e para saber exactamente sobre que puntos temos que xerar máis consciencia”, conta Remacha. “Agora queda claro que as cabichas son un dos problemas máis graves e que temos que seguir facendo fincapé na campaña que xa temos en marcha sobre estes elementos, explicando, por exemplo, que unha soa cabicha contamina 50 litros de auga”, sostén.

Desde o proxecto insisten en que a base do problema reside no descoñecemento das persoas sobre os efectos que teñen os seus residuos na contorna, e a solución, polo tanto, pasa por explicar ben o que pasa na natureza cando deixamos os noso lixo atrás. “Acontece tamén cos panos húmidos. A xente os tira ao váter porque nalgúns casos non saben que non se pode”, engade Remacha.

Xunto con isto, outra das patas para o Proxecto Libera é a de facer pedagoxía coas empresas e meter presión aos gobernos para que prohiban certos elementos que conteñen plástico. Tamén, seguir insistindo na mensaxe da redución, unha das máximas do proxecto, e optar por alternativas moito máis ecolóxicas.

“O que está claro é que atallar este problema é multifactorial. Por unha banda hai que sensibilizar á sociedade para que entendan como e onde tirar os seus residuos; despois hai que falar coas administracións para que busquen unha solución a este problema, xa sexa prohibindo ou mellorando as infraestruturas de depuración e canalización de residuos”, remata Remacha. E, por suposto, engaden desde o proxecto, outras das chaves é acostumar ás persoas a limpar os mesmos espazos que utilizan, porque quizais cando vexan de preto o efecto que ten o seu lixo na contorna, sensibilizaranse.  

Elena Martín
Elena Martín
Realizadora audiovisual, xornalista e tradutora. Licenciada en comunicación audiovisual por la USC, máster en documental creativo pola UAB e máster en tradución audiovisual pola UOC. Forma parte da cooperativa de comunicación social Xarda e colabora en varios medios de comunicación como O Salto Galiza, GCiencia, Traveler ou Pikara Magazine

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Denuncian que o poste dun pantalán leva máis dun mes na praia de Carril

Limpiarousa e Noia Limpa advirten que está composto por "materiais contaminantes" e acusan falta de compromiso ás administracións

De Estados Unidos a Cangas: unha marca de nasa pasa 14 anos dando voltas no mar

O plástico, que se usou en 2010 para capturar lumbrigantes americanos en Maine, evidencia o impacto da 'basuraleza' nos ecosistemas mariños