Sábado 7 Marzo 2026

Máis alá de Lyme: as 10 enfermidades que transmiten as carrachas de Galicia

As febres de Crimea-Congo e a botonosa mediterránea son algunhas das doenzas que poden contaxiarse a través de picadas

Camiña polas zonas centrais dos sendeiros, usa roupa longa e bota repelente antes de ir pasear ao monte. Esas son tres das principais recomendacións se queres facer unha excursión por zonas boscosas ou con moita maleza, sobre todo durante o verán. Entre as follas poden agocharse diferentes especies de carrachas. Poden picarte na perna, ou incluso na cabeza, sen que te deas conta. Poden transmitir enfermidades, como a de Lyme, que producen unha ampla nómina de síntomas graves se non se tratan a tempo. Pero esta doenza, aínda sendo a máis coñecida, non é a única.

Aquí tes unha guía de todas as patoloxías que poden contaxiar as carrachas. Con todo, a mensaxe central e transversal é a precaución: ollo coa túa mascota, revísaa ben. E iso de sentarte na herba a mirar as nubes… mellor evitalo.

Publicidade

Febre hemorráxica de Crimea-Congo

No verán de 2024 confirmouse que o virus de Crimea-Congo xa circulaba en animais de granxa en Galicia, malia que o seu risco en humanos aínda se considera moi baixo. Transmíteno as carrachas da especie Hyalomma marginatum, detectadas en 21 concellos galegos, sobre todo das provincias de Lugo e Ourense. Segundo indica a investigadora da Universidade de Santiago (USC) Rita Sánchez-Andrade, o tempo chuvioso da primavera non foi o máis propicio para a especie e empezaron a detectar exemplares a finais de maio en Ourense.

O virus identificouse por primeira vez en carrachas en España en 2010, en Cáceres. Os primeiros casos en humanos rexistráronse en Ávila: dous contaxios en 2016. Segundo os últimos datos do ISCIII, producíronse 16 infeccións nos últimos nove anos e todas elas requiriron hospitalización. Seis faleceron, todos homes de entre 51 e 80 anos que manifestaran síntomas hemorráxicos.

Publicidade

A enfermidade pode cursar de forma moi grave e a súa taxa de letalidade oscila entre o 5% e 40%. Non hai vacina dispoñible para esta doenza, malia que un equipo de Santiago está a traballar nunha.

Enfermidade de Lyme

De entre todas as enfermidades transmitidas polas carrachas presentes en Galicia, a de Lyme é a que ten unha maior incidencia. Contáxiaa a especie Ixodes ricinus e este ano, en palabras de Sánchez-Andrade, atoparon “moitas ninfas” e tamén exemplares adultos, sobre todo na provincia de Lugo.

En canto ás manifestacións clínicas, o seu trazo máis característico é o eritema migrans; unha lesión cutánea que aparece entre o 70% e o 80% dos casos. Ten forma anular, de cor vermella no seu bordo exterior e branca no interior. Non obstante, Lyme pode manifestarse cunha longa nómina de síntomas. Máis alá do dermatolóxico, tamén ten afectacións neurolóxicas, reumatolóxicas e cardíacas. De feito, é primordial tratar a enfermidade a tempo para evitar consecuencias máis graves a longo prazo.

Segundo a última actualización do Sergas, nun documento que analiza a evolución da enfermidade de 2014 a 2021, rexistráronse 464 casos de Lyme en Galicia; unha enfermidade que está a aumentar “de maneira progresiva” no territorio. Lugo presenta as maiores incidencias.

Anaplasmose

Febre, calafríos, dor de cabeza severa, dor muscular, náuseas, vómitos, diarrea, perda de apetito e un longo etcétera. Estes son os síntomas iniciais que pode provocar a anaplasmose, unha enfermidade provocada pola bacteria Anaplasma phagocytophilum que transmiten as especies de carrachas Ixodes ricinus, Ixodes hexagunus e Rhipicephalus bursa. Contáxiase a través da picadura dun vector infectado e se non se trata a tempo pode causar enfermidade grave, con síntomas que derivan en insuficiencia respiratoria, hemorraxias e incluso o falecemento do paciente.

Esta enfermidade describiuse por primeira vez en 1994 en Estados Unidos. En Galicia producíronse, cando menos, dous casos: un deles sospeitoso e outro confirmado. Así o recolle unha carta enviada ao editor da revista Infectious Diseases and Clinical Microbiology en xaneiro de 2015. Os contaxios notificáronse nun home e nunha muller que vivían en zonas rurais de Galicia e que, ou ben tiñan cans, ou ben estaban en contacto con eles. Os dous superaron a enfermidade. Atribúen a baixa incidencia de casos ao infradiagnóstico ou ben á circulación de cepas non patóxenas.

Babesiose

“É unha enfermidade emerxente, especialmente en áreas onde as carrachas do xénero Ixodes están amplamente distribuídas”, segundo expón a Clínica Universidad de Navarra. E precisamente a especie Ixodes ricinus xa se detectou en 129 concellos galegos.

A babesiose é unha doenza provocada por parasitos que infectan os glóbulos vermellos. Pero non só dos humanos, tamén de cans, gando bovino e outros mamíferos que poden desenvolver a enfermidade. Os síntomas que se adoitan producir en persoas son a febre, os calafríos, a fatiga intensa e as dores musculares, así como anemia debido á destrución dos glóbulos vermellos que provoca o parasito. En casos graves, sobre todo se teñen un sistema inmune comprometido, a doenza pode derivar en fallo multorgánico.

Ademais de Ixodes ricinus, tamén poden transmitir a babesiose as especies Dermacentor reticulatus, Rhipicephalus sanguineus e Rhipicephalus bursa.

Febre botonosa mediterránea

Rickettsiose. Este nome, nin sinxelo nin demasiado coñecido, fai referencia ás enfermidades provocadas por bacterias da familia Ricketsiaceae, de aí o seu nome. Entre as doenzas salienta a febre botonosa mediterránea, que provocou catro casos en Galicia entre 2022 e 2023, segundo os últimos datos dispoñibles no ISCIII. De maneira similar ao que acontece con Lyme, cuxo síntoma máis característico é o eritema migrans, a picadura dunha carracha infectada con este tipo de bacterias provoca unha “lesión ulcerosa con centro necrótico” que se denomina comunmente “mancha negra”.

En canto aos síntomas, produce vasculite, febre, afectación nos glanglios e exantema. Adoita cursar de forma leve e o seu tratamento específico son os antibióticos. No que respecta ás especies transmisoras, son Ixodes ricinus e Dermacentor reticulatus.

Tibola

A diferenza do que acontece coa meirande parte de enfermidades transmitidas por carracha, os casos da linfoadenopatía transmitida por carrachas (Tibola) rexístranse sobre todo nos meses máis fríos do ano. Tamén considerada unha rickettiose, igual que a febre botonosa mediterránea, está provocada pola bacteria Rickettsia slovaca e transmítea a especie Dermacentor marginatus. É unha doenza frecuente en nenos.

O seu síntoma máis común é unha lesión, igual que acontece en Lyme e na febre botonosa mediterránea. No 90% dos casos atópase no coiro cabeludo, provoca dor e acaba evolucionando de forma necrótica. Arredor pode producirse alopecia durante meses, incluso cando a lesión xa desapareceu. Os síntomas tamén inclúen febre, decaemento e dores de cabeza.

Turalemia

Máis de 1.000 casos de turalemia en dous grandes gromos epidémicos rexistrados en 1997 e en 2007 en Castela e León. A gran cantidade de contaxios levou a pensar noutros mecanismos de transmisión, como a inhalación e o contacto con animais infectados, e non só a través da picada dunha carracha. Os síntomas son habitualmente a aparición brusca de febre alta, malestar xeral, lesións e afectación dos ganglios. En xeral adoita ser leve e os pacientes non requiren de ingreso hospitalario. Non obstante, no gromo de 2007 o 27% dos afectados si o precisaron.

A diferenza con outras das enfermidades transmitidas por carrachas, a turalemia ten vías de transmisión moi distintas. De feito, a forma máis frecuente é o contacto co animal enfermo. Tamén se pode producir o contaxio a través de auga contaminada ou pola inxestión de carne crúa, así como pola inhalación de aerorois infectados.

Ehrlichiose

Igual que a febre botonosa mediterránea e a tibola, a ehrilichiose é unha enfermidade causada por bacterias da familia Ricketsiaceae, que tamén son as causantes do tifus. Esta doenza transmitida por carrachas foi descrita por primeira vez en Estados Unidos en 1990 e os síntomas son moi similares aos da gripe: febre, calafríos, dor de cabeza, dor muscular e náuseas. Os menos habituais son a diarrea, erupcións e malestar xeral. Non adoita ser unha enfermidade grave e pódese curar con antibióticos específicos.

Encefalite transmitida por carrachas

A carracha Ixodes ricinus, moi abundante en Galicia, non só transmite a enfermidade de Lyme, tamén a encefalite transmitida por carrachas, unha enfermidade aguda do sistema nervioso central que se pode contaxiar a través doutra especie, a Dermacentor marginatus. Non obstante, a encefalite non se considera endémica en España e non se detectou ningún caso autóctono en todo o Estado, segundo os datos do Instituto de Saúde Carlos III (ISCIII).

O reservorio máis frecuente da encefalite son os pequenos roedores e a súa forma de transmisión máis habitual é a través dunha picadura dunha carracha infectada. Con todo, tamén se pode contaxiar a través da inxestión de leite cru non pasteurizado de cabras, vacas e ovellas co virus. “Os gromos familiares son frecuentes por esta vía”, sinalan dende o ISCIII, que tamén aclara que non se describiu ata o de agora a transmisión de persoa a persoa deste tipo de encefalite.

En canto aos síntomas, a primeira fase da enfermidade —de entre dous a oito días— inclúe febre, cansazo, dor de cabeza, dor muscular e náuseas. Entre as dúas e as catro semanas poden aparecer afectacións ao sistema nervioso como meninxite e encefalite. Con todo, as infeccións asintomáticas son bastante comúns. A taxa de mortalidade do subtipo europeo oscila entre o 0,5% e o 2% e ata un 10% das persoas infectadas sofren problemas neurolóxicos crónicos ou prolongados.

Theireriose

De todas as enfermidades mencionadas, a theireriose non infecta humanos, senón a ruminantes tanto salvaxes como domésticos. Adoitan provocar febre, anorexia e unha deterioración clara do estado xeral de saúde. Algúns animais poden presentar secreción nasal e diarrea. Esta doenza transmítea a especie Hyalomma marginatum, a mesma que contaxia a febre hemorráxica de Crimea-Congo.

Laura Filloy
Laura Filloy
Xornalista científica pola Universidade Carlos III de Madrid. Comezou a súa andaina profesional no Faro de Vigo. Con experiencia en comunicación institucional a través de Médicos sen Fronteiras e a Deputación de Pontevedra, meteuse de cheo na divulgación científica na Axencia EFE. Dende 2021 en Gciencia, onde segue a cultivar a súa paixón pola ciencia.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

De hórreos a torres medievais: 18 bens patrimoniais galegos entraron na Lista Vermella no último ano

Dez monumentos están en Lugo, catro na Coruña, dous en Ourense e dous en Pontevedra, segundo o catálogo da asociación Hispania Nostra

Galicia rexistrou o inverno meteorolóxico máis húmido do último cuarto de século

A precipitación media alcanzou 800 litros por metro cadrado entre decembro e febreiro, cun incremento do 81% respecto á media climática

Vivenda, traballo e lecer: cal é a provincia máis feliz de Galicia?

Ourense e Lugo sitúanse á cabeza do benestar segundo datos do IGE, mentres Pontevedra rexistra as valoracións máis baixas

Unha masa de aire africana empeora a calidade do aire en Galicia

Os modelos de Copernicus prevén un aumento das partículas en suspensión e unha posible deposición húmida durante as próximas horas