Vigo lidera unha investigación que permitirá fabricar con biocomposites no sector náutico

A empresa viguesa Amura pon en marcha o primeiro Centro privado de Investigación e Desenvolvemento no que se construirá un prototipo de embarcación integramente en liño

A empresa viguesa Amura puxo en marcha o primeiro Centro de Investigación e Desenvolvemento do sector náutico en España, de iniciativa privada, situando a Vigo como un referente da industria náutica a nivel internacional. Un dos principais proxectos nos que traballa o centro de investigación de Amura é o proxecto Biostruct, financiado polo programa Horizonte Europa cunha dotación de oito millóns de euros. Biostruct arrincou este 2024 e proponse desenvolver tecnoloxías avanzadas para a fabricación de pezas en composites a partir de biomateriais.

O seu obxectivo principal é resolver os desafíos técnicos asociados ao actual uso de biocomposites en aplicacións estruturais, un avance que promete revolucionar a construción industrial de embarcacións xa que permitirá que “calquera enxeñeiro do mundo, coa axuda dun software, poida facer os seus cálculos estruturais para a construción industrial de embarcacións con materiais sostibles“, explica o director de Operacións de Amura, Enrique J. Rodríguez.

Publicidade

Para obter os datos necesarios para a fabricación de estruturas con biomateriais, o proxecto Biostruct desenvolverá unha pa de rotor para plantas de enerxía eólica e un barco completamente fabricado en Vigo por Amura, utilizando fibras naturais e bioresinas. Este prototipo, de seis metros de eslora e construído integramente en liño, estará equipado con sensores para recompilar información sobre o comportamento da estrutura en condicións reais de navegación na ría de Vigo, que logo serán utilizados para validar os resultados de simulación.

Equipo de Amura: Cándido Da Silva, director executivo; Ángeles Rosales, directora financeira; Rebeca P. Cid, directora administrativa e Enrique J. Rodríguez, director de Operacións. Foto: Binomio Comunicación

Ata a data, a simulación do comportamento destas estruturas foi un obstáculo debido aos numerosos problemas técnicos e a falta de datos para garantir a súa viabilidade.

Publicidade

O proxecto Biostruct fomentará o uso de biocomposites en aplicacións estruturais de forma que se reduciría notablemente o emprego de fibra de carbono e de vidro, materiais dos que Europa teñen unha gran dependencia xa que o 80 por cento procede de terceiros países e a metade do 20 por cento restante constrúese baixo licenzas estranxeiras.

Segundo Enrique J. Rodríguez, “a participación dunha empresa viguesa nun proxecto desta magnitude subliña a importancia e necesidade de liderar a construción de embarcacións con biocompostos, unha meta aliñada cos obxectivos da Axenda 2030“.

10 organizacións europeas

O consorcio BioStruct, composto por dez organizacións europeas, foi lanzado nun evento inaugural celebrado na cidade austríaca de Steyr. Esta asociación público-privada europea está integrada por: Profactor (Austria), Abele Ingenieure (Alemaña), Amura (España), Bladeworks (Italia), cidetec (España), Enginsoft (Italia), Ideko (España), Lumosbribe (Chipre), NOMA Resins (Polonia) e Techtera (Francia).

Co crecemento proxectado do mercado de biocompostos, o consorcio prevé un mercado potencial de arredor de 100 millóns de euros para 2030, o que contribuirá significativamente a unha redución estimada das emisións de gases de efecto invernadoiro de entre 2,5 a 4,3 millóns de toneladas de CO2 por ano.

BioStruct, cofinanciado pola Unión Europea a través do programa Horizonte Europa, ten prevista a súa finalización para decembro de 2026. Este ambicioso proxecto non só impulsa a innovación na industria náutica, senón que tamén demostra o compromiso de Europa coa sustentabilidade ambiental e o desenvolvemento tecnolóxico de vangarda.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Cidades nas que vivir

Un estudo analiza os patróns de xentrificación en Vigo, Santiago e A Coruña

Os mapas da xentrificación en Galicia: estes son os barrios máis afectados

Un novo estudo identifica as áreas máis vulnerables en Vigo, A Coruña e Santiago e describe a reconfiguración das tres urbes nun período de seis anos

Vigo, entre as 20 cidades europeas con máis alertas de po sahariano de 2026

Un novo informe de Copernicus contabiliza nove xornadas con avisos no enclave galego, na súa maioría de intensidade moderada-alta

Volven as G-Night: máis de 150 actividades científicas nas rúas das sete cidades galegas

Máis de 500 investigadores achegar experimentos, obradoiros e demostracións a públicos de todas as idades o 25 de setembro