Un investigador da UVigo axuda a resolver un dos enigmas dos ciclos das idades de xeo

O achado, que emprega unha técnica analítica que permite datar rexistros paleoclimáticos ata hai 600.000 anos, axudará a prognosticar con maior precisión o clima futuro

Un equipo internacional de científicos, entre os que se atopa o investigador Gianluca Marino, do Centro de Investigación Mariña da Universidade de Vigo (CIM), acaba de descubrir que un período cálido prolongado no Atlántico norte provocou hai uns 400.000 anos o desxeo en Groenlandia, o que fixo que o nivel do mar subise máis de dez metros por riba do actual. O estudo, que foi publicado hoxe luns na revista Nature Communications, resolve así un dos enigmas dos ciclos das idades do xeo do último millón de anos.

O paradoxo da teoría de Milanković

Na primeira metade do século XX, o matemático serbio Milutin Milanković postulou unha teoría para explicar os ciclos das idades do xeo. Sostiña que estes se derivan de cambios a longo prazo na radiación recibida do Sol no verán. Así, unha radiación solar de verán máis forte derrete as grandes capas de xeo formadas en América do norte e Eurasia durante unha era glacial, causando climas cálidos similares ao presente, nos cales o xeo só se atopaba en Groenlandia e na Antártida. Pero hai 400.000 anos, a maior parte do xeo de Groenlandia desapareceu a pesar de que a radiación solar de verán era débil, o que desconcertou a comunidade científica e aparentemente refutou a teoría de Milanković.

Publicidade

Para Gianluca Marino “comprender as causas do intervalo cálido que ocorreu hai 400.000 anos, coñecido como o estadio isotópico mariño 11, é clave para entender os ciclos das eras glaciais”. A teoría de Milanković, “na súa formulación máis estrita, non logra explicar por que o clima se quentou tanto e o xeo de Groenlandia desapareceu case por completo, cando a radiación solar era tan débil”.

Unha colaboración internacional

O equipo científico que buscou unha explicación a este fenómeno estivo formado por institucións académicas punteiras de Asia, Europa e Australia e liderado polo doutor Hsun-Ming Hu, investigador no grupo do profesor River Shen, na Universidade Nacional de Taiwán, onde dominan unha técnica analítica que permite datar rexistros paleoclimáticos cunha precisión sen igual ata hai 600.000 anos. 

Publicidade

Gianluca Marino explica que colaboración comezou cando o autor principal, o doutor Hsun-Ming Hu, daquela estudante predoutoral no Departamento de Ciencias da Terra da Universidade Nacional de Taiwán baixo a dirección do profesor Chuan-Chou Shen, contactou co científico porque coñecía o seu traballo e quería empregar algúns métodos estatísticos e interpretativos que se empregan no Palaeoclimatology Lab do CIM no seu proxecto centrado nos espeleotemas da cova de Bàsura en Liguria, no noroeste de Italia.

A cova da que se recolleron as mostras, en Italia. Foto: DUVI.

O equipo aplicou esta técnica aos espeleotemas e determinaron que as latitudes medias se quentaron, aínda que moderadamente, moito antes de hai 400.000 anos e levaron calor cara Groenlandia durante 15.000 anos a través dun sistema de correntes oceánicas coñecido como “circulación de retorno meridional do Atlántico”, AMOC, polas súas siglas en inglés. Este sistema de correntes inclúe un fluxo de auga cálida que transfire calor cara as altas latitudes no Atlántico norte e opera hoxe en día mantendo o oeste de Iberia máis cálidas do esperado para as súas latitudes.

A importancia da AMOC

Como detalla o investigador do CIM: “Achamos que o transporte de calor cara as altas latitudes do Atlántico norte polas correntes oceánicas mantivo as temperaturas cálidas, desestabilizando lentamente a capa de xeo de Groenlandia ata case desaparecer. Este mecanismo fora pasado por alto ata o de agora”.

No que se refire ao seu papel neste proxecto, Marino explica que achegou o seu coñecemento sobre o papel do océano no cambio (paleo)climático e traballando en colaboración con Hsun-Ming Hu. “Principalmente contribuín cunha análise cuantitativa dos datos e compartín o coñecemento adquirido sobre os ciclos das idades do xeo durante proxectos anteriores. A análise cuantitativa dos datos, xunto coas técnicas analíticas de vangarda, son aspectos clave do traballo”. 

Un avance para predicir o clima futuro

“O clima hai aproximadamente 400.000 anos era bastante similar ao noso clima preindustrial”, detalla Marino, polo tanto, o derretemento case completo da capa de xeo de Groenlandia que ocorreu entón podería definitivamente repetirse. Por este motivo, segundo o científico do CIM, “este intervalo é crucial para a comunidade climática”. Con todo, tamén recoñece que hai un aspecto que considera aínda máis relevante e que debería interesar á comunidade de modelado climático: “Se logran simular o derretemento total de Groenlandia, incluíndo todas as condicións e procesos que destacamos no noso estudo, entón poderemos ter unha maior confianza en como eses mesmos modelos predín o clima futuro”.

Gianluca Marino quere continuar co traballo realizado. “A idea é examinar detidamente estes destacados episodios de cambio climático co mesmo nivel de detalle, ou mesmo mellor, que o logrado neste estudo. Isto permitiranos descifrar os procesos que controlan os ciclos das idades de xeo, así como o papel da radiación solar, a circulación oceánica e o ciclo do carbono”.

Referencia: Sustained North Atlantic warming drove anomalously intense MIS 11c interglacial (Publicado en Nature Communitacions)


Podes ler o artigo completo do DUVI na seguinte ligazón.


DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Un estudo galego constata que o despoboamento rural e o envellecemento favorecen os grandes incendios

Un informe elaborado por Juan Picos e o Eixo Atlántico analiza os lumes producidos na última década en preto de 5.000 entidades locais de España, Portugal e Francia

Unha dina ao oeste da península impulsa aire atlántico e provoca unha semana de inestabilidade en Galicia

A previsión apunta ceos nubrados, chuvias febles na fachada atlántica e temperaturas suaves. A influencia anticiclónica recuperarase de cara á fin de semana

Canto creceron as cidades galegas nos últimos 10 anos? Descúbreo neste mapa interactivo

A plataforma World Settlement Footprint Tracker sinala que tan só o 1,56% da superficie galega está ocupada por urbes ou contornas urbanas

O tesouro micolóxico da illa de Cortegada: é o lugar do mundo con máis densidade de fungos

O micólogo Saúl de la Peña atopou no enclave das Illas Atlánticas 1.500 tipos de cogomelos, cando se estima que hai uns 2.000 en toda Galicia