Unha das correntes oceánicas máis importantes do planeta podería entrar en “colapso inminente”. Así o estipula un novo estudo publicado na revista Science Advances, que alerta da desaparición da Circulación de Retorno Meridional do Atlántico (AMOC, polas súas siglas en inglés) moito antes do previsto pola comunidade científica. A AMOC é unha gran cinta transportadora mundial que move arredor de 15 millóns de metros cúbicos de auga por segundo e xoga un papel crucial no clima de Europa. O aumento gradual de auga doce procedente do desxeo de Groenlandia baixa a salinidade e debilita as correntes, creando unha sorte de tapón e freando o sistema da tamén denominada circulación termohalina. A comunidade científica coincidía en que o cambio climático afectaba ás correntes oceánicas, pero este novo traballo, baseado nun modelo informático moi complexo, apunta que “nos diriximos cara a un punto de inflexión”.
É unha “calamidade climática global”. Así o apuntou René van Westen, climatólogo e oceanógrafo da Universidade de Utrech —o centro de investigación que simulou con éxito o colapso— nos Países Baixos sobre a “pregunta do millón”: “Lamentablemente non podemos responder neste momento cando pode ocorrer”, sostén. Engade tamén que as posibilidades de que suceda a mediados ou a fin de século “dependerán do ritmo de cambio climático que estemos provocando como humanidade”. A AMOC, da que forma parte a Corrente do Golfo, transporta auga quente dos trópicos cara ao extremo norte do Atlántico onde se volve máis fría e salada e afunde nas profundidades do océano antes de regresar cara ao sur. É dicir, redistribúe a calor a través do océano e regula os climais globais e rexionais.
Forza de auga dulce
O equipo de investigación formado por Henk Dijkstra, Michael Kliphuis e René van Westen deseñou unha representación na que puideron medir un debilitamento desta circulación. “Na simulación introduciron unha forza de auga doce no océano Atlántico. Como resultado, a forza de circulación diminuíu gradualmente ata que acadou un punto de inflexión crítico e se derrubou”, explica a Universidade de Utrech nun comunicado. Segundo este modelo, o clima europeo arrefriaríase arredor de 1 grao por década e algunhas rexións como Galicia poden experimentar incluso unha baixada de máis de 3 graos. Así o revela o mapa publicado na revista científica, na que se apunta que as tendencias son máis notables cando se consideran meses concretos. “As temperaturas máis frías en Europa poden parecer positivas, pero as repercusións son de gran alcance, e outras rexións experimentan un quecemento acelerado e patróns de precipitación alterados. Ademais, prevese un aumento de 100 centímetros no nivel do mar en Europa debido a un abrupto colapso da circulación oceánica”, explica Van Westen.
Os científicos alegaron que unha vez que a circulación do océano Atlántico colapse, os impactos climáticos resultantes son casi “irreversibles” nas escalas de tempo humanas. “Manterse afastado deste punto de inflexión é imperativo para evitar consecuencias devastadoras no clima, a sociedade e o medio ambiente”, alega Henk Dijkstra, profesor de Oceanografía Dinámica e coautor do estudo. Con todo, outro traballo publicado o ano pasado si que era máis preciso sobre os tempos do colapso das correntes do Atlántico. O informe fíxose público en xullo de 2023 na revista Nature e apunta que é probable un colapso entre 2025 e 2095 cun intervalo de confianza do 95%. De feito, neste traballo realizado pola Universidade de Copenhague sinalábase o ano 2057 como o “tempo crítico” para que a catástrofe medioambiental se fixese efectiva. Outros científicos consideran que a AMOC ralentizarase co cambio climático e que incluso podería deterse, pero segue existindo unha gran incerteza sobre isto, ademais, a AMOC só ten un seguimento continuo dende 2004.
“O colapso da Circulación do Retorno Meridional do Atlántico pode ser ‘inminente’, e podería cambiar radicalmente o clima que coñecemos”, apunta o metereólogo Francisco Martín León en Meteored ao respecto desta investigación. “O Grupo Intergubernamental sobre Cambio Climático das Nacións Unidas (IPCC) dixo que hai unha confianza media en que non haberá un colapso antes de 2100 e, en xeral, diminuíron os escenarios de desastre. Mais Van Westen, varios científicos externos e un estudo do ano pasado di que iso non pode ser correcto”, continúa. Alega ademais que o colapso da AMOC “cambiaría o clima en todo o mundo porque significa o peche dunha das forzas climáticas e oceánicas clave do planeta”: estenderíase o xeo do Ártico moito máis ao sur, aumentaría máis a calor tamén neste hemisferio, cambiarían os patróns globais do clima e alteraríase o Amazonas, onde as estacións poderían invertirse.
Investigadores como o oceanógrafo físico da Universidade de Potsdam (Alemaña) Stefan Rahmstorf, consideran que este traballo supón un “gran avance na ciencia da estabilidade da AMOC”. Esta investigación súmase a outras que, dende 2004 e a pesar da magnitude e complexidade do fenómeno, intentan desentrañar as consecuencias das alteracións provocadas polo cambio climático. Neste último publicado en Science Advances alertan de que a AMOC pode estar chegando ao seu punto de inflexión que se entende como un “limiar crítico” que, se se traspasa, producirá grandes cambios irreversibles no sistema climático da Terra. En 2021 unha investigación apuntou que a AMOC era máis débil que en calquera outro momento dos últimos 1.000 anos. Os investigadores de Utrech alegan que, aínda que desenvolveran un sinal de alerta temperá observable, non se coñecerá o momento exacto no que colapse a AMOC ata que pase.
Referencias:
- Physics-based early warning signal shows that AMOC is on tipping course (publicado en Science Advances)
- Potential collapse of the Atlantic Ocean Circulation strongly affects European climate (Universidade de Utrech)














