O sistema de correntes do océano Atlántico podería colapsar a mediados de século

A orde climática da Terra pode verse alterada co enfraquecemento dos fluxos mariños que transportan auga quente cara o norte

A orde climática da Terra pode verse alterada co enfraquecemento dos fluxos mariños que transportan auga quente cara o norte. Aínda que o Grupo Intergobernamental de Expertos sobre Cambio Climático considera improbable un declive completo para este século, un estudo de investigadores daneses atopou sinais de alerta temperá dunha transición crítica.

A circulación de envorco meridional do Atlántico (AMOC, polas súas siglas en inglés) é un complexo sistema de correntes oceánicas que transportan auga quente desde os trópicos cara ao norte. Un novo estudo da Universidade de Copenhague (Dinamarca), publicado hoxe en Nature Communications, estima que o seu colapso podería suceder a mediados de século, ou potencialmente en calquera momento a partir de 2025.

Publicidade

Aínda que non existen causas confirmadas, os autores identifican as emisións de gases de efecto invernadoiro como un factor posiblemente implicado.

O AMOC é un subsistema capaz de cambiar a un estado irreversible, polo que conforma un dos elementos de inflexión máis importantes no clima da Terra. O seu posible colapso é motivo de gran preocupación, xa que tería graves repercusións no ecosistema do Atlántico norte e, por extensión, en todo o planeta.

O posible colapso do AMOC é un motivo de gran preocupación científica

O declive deste sistema de fluxos “podería alterar o clima de Europa occidental ata parecerse ao de Alaska”, destaca a SINC Susanne Ditlevsen, da universidade danesa e coautora do estudo. “A calor transportada cara o norte polo AMOC quedará nos trópicos, quentándoos aínda máis. A maior diferenza de temperatura entre os subtrópicos e as latitudes medias aumentará a forza da corrente e podería intensificar as tormentas”, engade.

Este tipo de cambio climático abrupto experimentouse por última vez durante os eventos de Dansgaard-Oeschger no último período glacial, causados polo colapso e a restauración do AMOC. Isto provocou fluctuacións da temperatura media do hemisferio norte de 10-15 graos centígrados nunha década, moito maiores que os cambios actuais de 1,5 graos nun século.

“O problema é que non vimos un colapso do AMOC nos últimos 12.000 anos”, sinala Ditlevsen. “Os declives e reinicios observados no rexistro paleoclimático do último período glaciar foron extremadamente bruscos”, engade.

A forza deste sistema de fluxos só se monitorizou de forma continua desde 2004 e estas observacións mostraron que se está debilitando. Con todo, necesítanse rexistros máis longos para avaliar a magnitude. As recentes avaliacións do Grupo Intergobernamental de Expertos sobre Cambio Climático (IPCC) suxiren que é pouco probable que se produza un colapso total deste sistema de correntes no século XXI.

Temperatura do mar

Os autores da investigación analizaron as temperaturas da superficie do mar no Atlántico norte entre 1870 e 2020 como un indicador indirecto do AMOC. Estes rexistros remóntanse moito máis atrás que as medicións directas das correntes oceánicas e poden ofrecer información máis sólida sobre as tendencias da temperatura.

Os resultados da investigación mostraron sinais de alerta temperá dunha transición crítica do AMOC e suxiren que podería apagarse xa en 2025 e non máis tarde de 2095. “Non se sabe de certo a que velocidade se producirá o cambio cando se alcance o colapso. Os modelos climáticos dan diferentes estimacións, desde décadas ata séculos”, subliña Ditlevsen.

Con todo, hai expertos que se mostran en desacordo con este estudo. Este é o caso de Niklas Boers, catedrático de Modelización do Sistema Terrestre na Universidade Técnica de Múnic. Segundo declarou SMC España, “aínda que é certo que o AMOC foi perdendo estabilidade no transcurso do último século, as incertezas son demasiado elevadas para estimar con fiabilidade o momento da inflexión”, critica Boers.

Factores implicados no colapso

Pola súa banda, o investigadores non fan suposicións sobre as causas do cambio deste sistema, pero sinalan que o logaritmo das concentracións atmosféricas de CO2 aumentou case linealmente no período estudado. Con todo, non poden excluírse outros mecanismos en xogo e non pode descartarse que o colapso sexa parcial, sinalan.

“O CO2 conduce ao quecemento global e este ao derretemento da capa de xeo en Groenlandia, o que deriva nunha maior afluencia de auga doce no Atlántico norte. Isto impide a creación de augas profundas, encargadas de impulsar o AMOC”, explica Ditlevsen.

Ademais do desxeo en Groenlandia, tamén están implicados outros factores, como a auga doce que chega desde o Ártico polos ríos canadenses e rusos, polos que desembocan directamente no Atlántico norte, así como polos cambios nas precipitacións sobre o océano . “Todos estes factores súmanse, pero non están ben delimitados polas observacións. Por iso evitamos facer suposicións sobre o factor determinante”, conclúe a científica.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Como afectan as chuvias extremas á contaminación na ría de Arousa?

Un modelo da UDC simula a viaxe dos refugallos ata o mar e estuda como as precipitacións intensas axudan no proceso

Cantos días con máis de 35ºC haberá en Galicia a finais de século? Consúltao neste mapa

A provincia de Ourense, Monforte e os vales do Sil e do Miño, serán os que experimenten un ascenso máis acusado

Cambio climático e incendios: as principais ameazas das bolboretas en Galicia

As especies comúns están a salvo a curto prazo, mais os factores antrópicos supoñen un perigo para a preservación destes artrópodos

A UVigo deseña un modelo para predicir os efectos do cambio climático na biodiversidade

Un equipo da Escola de Enxeñaría Forestal de Pontevedra desenvolve un sistema capaz de propoñer melloras que reduzan o risco de incendios e inundacións