O verán agasalla as mellores imaxes astronómicas grazas as superlúas e ás perseidas. Este mes concentrará un dos fenómenos máis fermosos que podemos ver no ceo: é a superlúa de agosto, a segunda do ano despois da do Cervo. É a lúa de Esturión e será visible o 1 de agosto ás 19:30 horas, momento no que se poderá contemplar con máis claridade e preto da Terra. Por que é unha superlúa? Pois porque será un 7,1% máis grande e un 15,6% máis brillante do habitual. Con todo, esta non será a única lúa de agosto, pois o 31 haberá a lúa Azul, que adoita ocorrer aproximadamente cada dous anos e medio.
Cada lúa recibe un nome distinto e responde a tradicións históricas e culturais. A Lúa de Esturión, por exemplo, remóntase ás tradicións dos nativos norteamericanos. Nesta época tiña lugar a pesca de esturións, unha especie que vive en auga doce e que pode chegar a medir ata 3,5 metros e pesar 90 quilogramos. Ademais, a lúa facilitaba a súa captura nos ríos e lagos. Con todo, noutras culturas recibe outras denominacións, como a lúa de Moras, ao coincidir coa época de colleita desta froita.
Para poder ver a superlúa de agosto dende Galicia, os ceos deberán estar despexados. Recoméndase saír das cidades e buscar un sitio con pouca contaminación lumínica, moito mellor se estamos nun terreo elevado ou incluso preto dun mar ou un río para que a lúa reflicta a súa luz na auga. Para os espectadores con telescopio, este será un dos mellores momentos astronómicos do verán, antes da chegada das Lágrimas de San Lorenzo as vindeiras semanas.
O próximo 31 e 29 de setembro o ceo estará alumeado tamén por superlúas. Co cal, quen non poida ver a Lúa de Esturión este martes, poderá intentalo nas próximas datas.














