A lúa chea de xullo ten nome propio: superlúa do Cervo, que esta noite iluminará o ceo galego. Todos aqueles que queiran observala decataranse de que se ve máis grande e brillante do habitual e, por iso, recibe o alcume de “superlúa”. É dicir, está no punto máis próximo á Terra, tamén coñecido como o seu perixeo. Ademais de percibir un maior tamaño, as superlúas poden ser un 16% máis brillantes que a lúa chea media. E hai boas noticias: quen non a poida ver esta noite, poderá intentalode novo este martes.
Ademais de estar máis preto da Terra que a media, a lúa do Cervo tamén é unha das lúas cheas máis baixas do ano, vista desde o hemisferio norte. Isto débese a que a lúa reflicte a posición do sol. É dicir, cando está máis alto durante o día, como ocorre preto do solsticio de verán no hemisferio norte, a lúa chea estará máis baixa. O contrario ocorre en decembro, cando a lúa sae moi alta pola noite vista desde encima do ecuador.
A lúa chea de xullo é a primeira e a máis pequena das catro superlúas que se agardan en 2023. As seguintes serán o 1 e o 30 de agosto e o 29 de setembro, destinadas a ser lixeiramente máis grandes e brillantes. Por exemplo, a lúa do Cervo encherase a 361.934 quilómetros da Terra, pero a superlúa máis grande e brillante de 2023 será a Lúa Azul do 30 de agosto, a 357.344 quilómetros da Terra.
Por que se chama así?
O nome máis popular da lúa chea de xullo é lúa de Cervo porque é nesta época cando medra a cornamenta dos cervos machos. A orixe dos curiosos nomes das lúas débese aos nativos americanos, que xa na década de 1930 nomeaban o satélite terrestre de diversas formas. A tribo algonquina que vivía no que agora é o nordés dos Estados Unidos alcumou a lúa chea de xullo como lúa do Cervo debido a que a xente que traballaba no campo adoitaba ver nesta época do ano como o animal botaba as súas primeiras hastas. Dende entón, as culturas modernas adoptaron este nome tan orixinal. Segundo a NASA, a lúa chea de xullo tamén se coñece como a lúa do Trono, debido ás frecuentes tormentas eléctricas que azoutan a principios do verán, sobre todo, en ambientes húmidos debido ao aire quente que ascende cara ás capas frías da atmosfera.














