Pedra da Campá, o mar modelando a paisaxe

A continua acción erosiva do mar e o vento sobre as rochas graníticas vai creando fendas, que nos casos máis extremos dan lugar a estruturas xeolóxicas

Chegamos á pedra da Campá, logo de percorrer a parte máis protexida das illas Cíes, e atopámonos aquí cunha paisaxe moi diferente. Os impoñentes cantís, de máis de 150 metros, resisten impasibles fronte ao océano Atlántico. As forzas do mar e do vento modelaron esta paisaxe xeolóxica, de gran beleza, na que as rochas graníticas semellan querer agocharse no mar.

A continua acción erosiva do mar e o vento sobre as rochas graníticas vai creando fendas, que nos casos máis extremos dan lugar a estruturas xeolóxicas, coma a pedra da Campá, un dos puntos máis visitados e fotografados das illas.

Publicidade

Estas formacións erosivas teñen carácter máis químico (por transformación dos seus minerais ou formación de cristais de sal) que mecánico (polo vento) ou biolóxico (debido á acción de musgos e liques). Nestas illas, a auga de chuvia está cargada de sal mariña, afectando ás zonas das rochas graníticas máis débiles á erosión, o que da lugar a estas singulares cavidades.

Liques

Cubrindo os cantís, atopamos algúns dos liques máis representativos deste ecosistema. De cores alaranxadas e verdosas proporcionan ás illas algunhas das súas coloracións máis representativas. Nas rochas expostas ás salpicaduras destacan os liques laranxas e verdosos dos xéneros Caloplaca (Caloplaca littorea, C. marina) e Ramalina (Ramalina cuspidata, R. siliquosa). No entanto, nas zonas sombreadas e protexidas dos ventos, os liques predominantes son de cor branca-grisácea, pertencentes ás especies Diploicia canescens e Dirina massiliensis. Estes organismos, formados pola asociación dunha alga e dun fungo, conseguen sobrevivir nunha superficie rochosa, superando con éxito a acción das néboas e as pulverizacións mariñas. Ao longo dos tempos tiveron diversos usos como antibióticos, colorantes naturais ou, mesmo a día de hoxe, como bioindicadores de contaminación.

Publicidade

As perseidas en agosto

A cara oeste das illas Cíes, afastada da contaminación luminosa cun horizonte libre de obstáculos, constitúe o lugar perfecto para gozar das perseidas nas noites de xullo e agosto. Tamén chamadas “bágoas de San Lourenzo”, as perseidas son unha choiva de estrelas fugaces, ou meteoros, visibles entre o 16 de xullo e o 24 de agosto. Este fenómeno prodúcese como resultado da entrada de corpos celestes de tamaño aproximado ao dos grans de area, deixados polo cometa Swift-Tuttle, na atmosfera da Terra, dando lugar a esos característicos destellos de luz.

Fondos de Maërl

Os fondos de Maërl están formados por depósitos de algas coralináceas máis ou menos libres, ramificadas e fortemente calcificadas. A súa acumulación vertical en niveis sedimentarios, onde unicamente están vivas as algas das capas superficiais, e a súa particular estrutura, ofrecen unha intrincada rede de refuxios que albergan unha gran biodiversidade mariña. Estes fondos están considerados hábitats de alto valor ecolóxico, aínda que moi vulnerables, polo que o mergullo nesas zonas está moi restrinxido.

Descarga aquí a sétima entrega da guía.


DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Do Café Moderno de Pontevedra aos ‘Seis poemas galegos’: esta é a Galicia de Lorca

O poeta granadino visitou dúas veces a cidade, mantivo vínculos con destacados intelectuais e deixou unha fonda pegada na cultura, a paisaxe e a lingua

Campaneiro, coroceiro e muiñeira: unha exposición retrata profesións galegas tradicionais en desaparición

A mostra foi elaborada por máis de 30 estudantes e poderá visitarse no Museo Etnolóxico de Ribadavia ata abril de 2027

A UDC mide por primeira vez como cristalizan en décimas de segundo os polímeros semicondutores

O traballo desenvolve unha metodoloxía que permite calcular nun único experimento un proceso clave para fabricar materiais destinados á electrónica orgánica e ás células solares

Un estudo arqueolóxico revela o papel esencial das mulleres na construción histórica do rural galego

A investigación pon de manifesto a importancia do traballo produtivo, doméstico e de coidados, así como o papel na transmisión de saberes