O Pacto pola Ciencia e Innovación firmado por organizacións representativas da ciencia, universidade, entidades sindicais, cidadanía e empresas reflicte os acordos entre a sociedade civil sobre o papel da ciencia e innovación. Nun comunicado, explican que España necesita establecer un novo pacto pola ciencia. Nel, contémplanse acordos no referente ao estatuto do persoal de investigación, simplicación e eficiencia burocrática, ciencia responsable e inversión do 3% do PIB en I+D+I.
Estatuto do persoal de investigación
Os investigadores sosteñen que o inicio da transformación social dende a ciencia e a investigación debe situarse sobre as condicións laborais e os dereitos de todos os traballadores. Apuntan a que se necesita o Estatuto de Persoal de Investigación (EPI) que inclúa a todo o personal investigador, técnico e de xestión en ciencia. Débense garantir dereitos mínimos en canto a retribucións, progresión na carreira científica e estabilización, entre outras cuestións. Esta garantía debe ir acompañada por mudanzas que afecten a todo o persoal da Administración Xeral do Estado (AXE) como a creación dun grupo profesional M4 (correspondente ao nivel 4 do Marco Español de Cualificacións para a Educación Superior) no convenio colectivo único para o personal laboral da AXE e a actualización das indemnizacións por razón de servizo (dietas), apuntan.
Simplificación e eficiencia burocrática
“Resulta imperativo elaborarmos políticas activas de desconxestionamento, como, por outra parte, de simplificación e desaceleración de trámites administrativos e satisfacción de ránkings e métricas de produtividade”, alegan no comunicado. Neste senso, apuntan á elaboración dun rexistro único para convocatorias de prazas de persoal docente e investigador en Universidades Públicas (artigo 86.1, Lei Orgánica do Sistema Universitario) e Organismos Públicos de Investigación, ou o uso xeneralizado dun formato único de CV nas distintas convocatorias de contratos. “Non hai excusa para non levalo a cabo”, alegan. Do mesmo xeito, sosteñen que debe existir un calendario fixo para as convocatorias competitivas de proxectos e recursos humanos, dotando ás axencias e demais organismos dos recursos necesarios para iso.
Ciencia responsable: transparencia, integridade, diversidade e coimplicación
A crecente alarma mediática pola fraude científica amosa a urxencia de acometer políticas que sancionen estas conductas e acaben coa impunidade actual. Os investigadores apuntan á necesidade da dotación de normas e protocolos contra o acoso sexual. Cren que é necesario un compromiso para tamén reducir o teito de cristal, especialmente nas áreas do ámbito STEM e nos postos de maior nivel, onde se produce unha maior desigualdade de xénero.
Da mesma maneira, sosteñen que son necesarias convocatorias baseadas en accións/problemas, que integren o coñecemento local xunto ao académico, impulsando a colaboración interdisciplinar e a formación de ecosistemas de coñecementos (laboratorios de innovación pública e cidadá,
ONGs, redes de persoas expertas). “Resulta imperativo descentralizar as políticas de transferencia científica, estreitar as relacións entre as distintas áreas de investigación (STEM to STEAMS) e activar protocolos e alternativas de ciencia aberta.”
Inversión do 3% do PIB en I+D+I
No comunicado, as organizacións alegan que esta lexislatura “debe ser a que acade o 3% do PIB e unha taxa de execución do 90%, tanto en gasto non financeiro coma gasto financeiro”, para construír un SECTI capaz de dignificar o traballo do persoal de investigación e beneficiar a toda a sociedade no seu conxunto.