Por que as mulleres tardan 14 anos máis que os homes en conseguir unha cátedra?

Malia que a súa representación no comezo dos estudos universitarios é maior que a dos homes, a cifra de catedráticas é só dun 22% en Galicia

Os catedráticos da Politécnica de Cartaxena Mariluz Matei e Manuel Ruiz, xunto ao investigador da Universidade de Durham Richard Harris, publican na revista Applied Economics un estudo sobre a desigualdade de xénero nas universidades que revela como a discriminación e certo rumbo de comportamento conducen a unha menor probabilidade de promoción e a unha maior probabilidade de abandonar a academia prematuramente para as mulleres. Segundo a Unidade de Muller e Ciencia de Galicia, nas Universidades galegas só o 22,4% das catedráticas son mulleres. Porén, a porcentaxe de alumnas matriculadas en estudos superiores é dun 55%, superior ao 45% de homes en Galicia. Agás no caso da carreira de arquitectura, hai máis mulleres que homes na ensinanza superior universitaria na totalidade das disciplinas vencelladas á ciencia e á tecnoloxía (STEM). Por que desaparecen as mulleres nos postos de responsabilidade?

Empregando a base de datos das 24 universidades británicas, o estudo de Matei e Ruiz confirma que as mulleres están considerablemente menos representadas que os homes nos graos académicos superiores. De feito, os resultados amosan que, de media, as mulleres tardan 8,5 anos máis que os homes en acadar o posto de Profesora Titular e deben empregar outros 6,1 anos adicionais da súa vida para conseguir un posto como Catedrática: en total, 14 anos.

Publicidade

Maiores obstáculos e carga persoal

Estes resultados son de aplicabilidade directa nas universidades españolas, sendo crucial que as institucións educativas en España revisen e adapten os seus procedementos de contratación e promoción para asegurar que se mitigue calquera forma de prexuízo e discriminación”, afirman Matei e Ruiz.

As publicacións científicas de mulleres a miúdo enfróntanse a maiores obstáculos debido a un nesgo cultural presente no sistema que asume unha menor produtividade feminina por responsabilidades externas, historicamente asociadas aos coidados e á maternidade.

Publicidade

Isto resulta en que non partan das mesmas condicións en termos de tempo nin recursos para investir nas súas carreiras, segundo os autores da investigación.

“As mulleres teñen que realizar un esforzo adicional para romper as barreiras culturais aínda existentes e poñerse ao nivel dos homes”, sinala o investigador principal do artigo, Richard Harris, quen subliña que “nas políticas de Igualdade hai que ter en conta que o sistema é nesgado e discriminatorio dende o comezo“.

Para mellorar a paridade de xénero, o documento recomenda recoñecer as diferenzas de xénero nas taxas de publicación e éxito das bolsas de investigación, que prexudican ás mulleres nas solicitudes de promoción.

A segregación, en datos

O sector educativo amosa unha segregación por sexos inmensa que, ademais, adopta dúas vertientes: a segregación horizontal e a vertical. Nas garderías, por exemplo, a práctica totalidade das profesoras son mulleres (97%). A medida que o nivel educativo avanza, a porcentaxe de mulleres diminúe: na Educación Primaria representan o 82%, na Secundaria o 64% e na Universidade baixan ata o 44%.

A segregación horizontal existe dende o comezo da nosa toma de decisións: as mulleres e os homes elixen condicionados pola contorna cal será a súa profesión no futuro. No 2022, o informe PISA analizou os nesgos dos propios mestres á hora de avaliar as competencias dos seus alumnos. Os resultados amosaron que tenden a asociar dun xeito subxectivo unha mellor capacidade para materias como as matemáticas no caso dos nenos, e no caso das nenas, as materias onde máis destacan son ás vencelladas á lectura.

A segregación vertical implica que, canto máis ascendemos na pirámide laboral, menos mulleres atopamos. Este cambio de representación non é aleatorio. Curiosamente, conforme o nivel educativo sobe tamén o fan os ingresos, o status e o prestixio social: “Custa moito rachar co binomio de intelectualidade-home e coidados-muller”, explica a politóloga e analista de datos Júlia Salander.

O gráfico da tesoira

No eido da investigación científica a desaparición das mulleres nos postos de responsabilidade e prestixio é notoria. Un exemplo moi claro é o gráfico da tesoira nos centros de investigación do Consello Superior de Investigacións Científicas (CSIC). Cada ano, a Comisión de Mulleres e Ciencia do CSIC elabora un informe sobre a discriminación por sexo no eido da investigación. Segundo o último informe, publicado o 31 de decembro do 2023, as mulleres ocupan menos do 38% dos postos fixos no Consello.

Segundo explica a presidenta do CSIC, Eloísa del Pino: “Aínda que o 44% dos Científicos titulares son mulleres, a porcentaxe de Profesoras de Investigación (o posto de maior importancia) non chega ao 27%”. O gráfico da tesoira amosa como diminúe a proporción de mulleres a medida que ascende na xerarquía do mundo académico.

A gráfica da tesoira do CSIC amosa como as mulleres e os homes parte dun mesmo punto ao inicio da carreira científica e, conforme van acadando postos de maior responsabilidade, a porcentaxe de investigadoras diminúe dun xeito notable. Fonte: Informe da Comisión de Mulleres e Ciencia do CSIC, 2024.

Evitar os nesgos de xénero non é doado, mais si posible. Trátase dun exercicio de empatía que debe comezar dende o propio ámbito onde xorde esta ausencia de representación. Iniciativas como a Guía para incorporar a perspectiva de xénero no ámbito tecnolóxico e industrial, impulsada pola Cátedra de Feminismos 4.0 da Universidade de Vigo e o Cintecx, amosan unha serie de recomendacións que os propios investigadores deben ter en conta e aplicar no seu día a día para dar un espazo lexítimo ás mulleres.


Referencia: Gender disparities in promotions and exiting in UK Russell Group universities (Publicado en Applied Economics)

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Un novo estudo da USC, clave para comprender o comportamento das proteínas

Os achados do científico Julián Bergueiro poderían axudar ao deseño de novas terapias aplicadas ao ámbito da saúde

De la Fuente atopa nunha ave extinta de Nova Zelandia potenciais moléculas antibióticas

Un novo estudo do científico galego revela axentes antimicrobianos antigos no xenoma da Moa, dun papagaio e do rinoceronte negro occidental

Unha tecnoloxía feita por galegas producirá bioplásticos a partir de aceites usados

O proxecto Pretenacc, financiado polo programa Ignicia, procura a posta en marcha dun método pioneiro para fabricar plásticos de orixe vexetal

Investigadores galegos estudan cal é a dose efectiva e segura dos medicamentos

O obxectivo é mellorar a absorción de antifúnxicos orais para poder reducir a cantidade administrada