No verán chegan os baños refrescantes, pero tamén aparecen unhas pequenas compañeiras xelatinosas ás costas galegas. A presenza de medusas semella ser a tónica do verán en toda España, incluída toda a costa galega. Unha das máis populares e habituais é a carabela portuguesa (Physalia physalis), mais non se trata dunha medusa, senón dunha colonia de organismos denominados hidrozoos. Os bañistas poden sufrir lesións se entran en contacto con elas —de igual modo que pode acontecer con outras especies semellantes—, polo que é importante saber se hai medusas nas praias que frecuentas. Esta é a tarefa de MedusApp, un mapa interactivo deseñado deseñado pola Universidade de Alicante que contabiliza en tempo real as diferentes especies de medusas —e doutros organismos mariños— que aparecen nas costas españolas.
A través desta aplicación móbil, os usuarios informan da aparición de medusas na costa. Entre os seus servizos inclúe un mapa qno que pode apreciarse un maior número de casos nas costas mediterráneas. Como afirma a investigadora Lucrecia Souviron, membro do grupo de Bioxeografía, Diversidade e Conservación da Universidade de Málaga, esta diferenza podería deberse á preamar e aos ventos de levante, que aumentan a temperatura superficial da auga atraendo ás medusas á costa.
Con todo, en Galicia, as augas frías que caracterizan ao Atlántico parecen atraer tamén a estes seres viscosos. Segundo MedusApp, os avistamentos son máis frecuentes na metade norte do territorio, aínda que poden atoparse en distintas zonas costeiras.
O norte de Galicia, fogar das medusas
A pesar de que hai máis medusas no litoral do norte, sur non se libra delas. Con todo, segundo os datos da aplicación da Universidade de Alicante consultados este mércores, a praia da Ladeira (Baiona) é a única que conta con estes organismos mariños na parte sur de Galicia. O 18 de agosto puidéronse atopar tres especies diferentes. Aínda que na súa maioría estaban mortas na ribeira da praia, un usuario puido distinguir exemplares de augamar azul (Rhizostoma pulmo). Na mesma localización tamén se atoparon xureleiras (Pelagia noctiluca), e a máis temida, a carabela portuguesa.
Xa na metade norte, foron diversos os usuarios en diferentes localizacións os que aseguraron ver á Physalia physalis nas costas. Localizouse nas praias da cidade da Coruña e nos areais de Doniños (Ferrol) e Basteira (Cariño). Con todo, Lugo parece atraer máis a estes animais mariños: avistáronse na praia da Abrela (O Vicedo), na praia de Esteiro (Xove), en San Cibrao e na entrada do porto de Foz. Na praia de Lóngara (Barreiros) víronse pequenas carabelas ao subir a marea, e tamén nas súas veciñas, a praia da Pasada e a de Arealonga. O 18 de agosto, seis exemplares de Physalia physalis foron retirados polo equipo de Salvamento de Castropol.
Con todo, polo norte tamén surcan os mares outras especies, como as salpas (Salpidae). Estas non son nin medusas, nin peixes, senón invertebrados xelatinosos e transparentes que navegan polo mar en colonias. Non pican e aliméntanse de fitoplancton, e na actualidade están aumentando a súa presenza no litoral galego. Nas nosas costas, atopáronse na praia de Pantín e na de Basteira.
Non son cousa só do verán
Segundo explica Souviron en declaracións recollidas polo Science Media Center España (SMC), hai exemplares de medusa que se poden ver todo o ano, como a Pelagia noctiluca. Con todo, nas augas españolas adoita haber máis medusas en primavera e verán porque a maioría das especies son estacionais, é dicir, permanecen en forma de pólipo ou de ovos de resistencia durante o resto do ano. Por exemplo, “a medusa ovo frito (Cotylorhiza tuberculata) adoita ser máis abundante a finais de verán e principios de outono”, explica a investigadora.
Co cambio climático hai máis augamares?
Aínda que non está claro, a oceanógrafa Laura Prieto asegura que “non hai máis medusas agora que antes”. Con todo, un dos efectos do cambio climático, o aumento da temperatura do mar, podería ser unha explicación coherente sobre o seu traslado á costa atlántica.
Mark Ohman, oceanógrafo na Universidade de California en San Diego, asegura nun artigo que “as augas máis cálidas adoitan favorecer o crecementos das medudas, pero só se teñen suficiente alimetno”. Non obstante, segundo un estudo de 2021, tendo en conta que algúns tipos de medusas toleran condicións de moi baixo osíxeno, algunhas especies poderían adaptarse ás presións do cambio climático.
Métodos para alertar
Para saber se hai medusas nunha zona, existe unha bandeira branca cunha medusa debuxada, polo que, se a incidencia de medusas é media-alta, os socorristas deberían izala. Moitas veces, adoita ir acompañada dunha bandeira amarela ou vermella en función da cantidade e perigosidade das especies.
Outra forma de que os bañistas coñezan os perigos son apps como MedusApp, ou Infomedusa, da fundación Aula do Mar Mediterráneo. Ambas inclúen mapas actualizados coa presenza destes animais mariños nas costas, onde os usuarios poden informar en tempo real e ofrecer datos sobre os exemplares avistados.
As medusas non pican
“As medusas non pican”, desmente Mar Fernández Nieto a SMC, como membro do Comité de Asma da Sociedade Española de Alergoloxía e Inmunoloxía Clínica (SEAIC). “Producen reaccións de urticaria“, engade. As medusas contan cun sistema para defenderse, cunhas células (cnidocistos) que producen proído e erupción na pel das súas presas. Estas células conteñen un veleno que se inocula a través dun filamento con espiñas. Cando os tentáculos das medusas entran en contacto cun animal, os cnidocistos dispáranse e cravan o seu arpón na pel, vaciando o veleno.
Lesións leves na maioría dos casos
Segundo o Ministerio de Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico, nun primeiro momento, adoitáse sentir unha dor intensa e punzante (semellante á dunha picadura de abella ou queimadura) na zona de contacto coa medusa. Pero a dor e a intensidade poden variar segundo diferentes factores: a perigosidade da especie, a cantidade de “picaduras” producidas ou a superficie afectada (en nenos e nenas pequenos é maior).
O habitual é que a lesión desapareza nuns días, pero as molestias pódense manter semanas ou meses en casos máis graves. Algúns exemplos serían as persoas con problemas cardíacos, renais ou enfermidades respiratorias como a asma, xa que a sensibilidade pode variar.
Non bañarse, entre as solucións
Nuria Navarro, profesora titular na Universidad Rey Juan Carlos, asegura que existen tres recomendacións para evitar problemas coas medusas: “Non bañarse, evitar as zonas onde rompen as olas, xa que alí adoitan acumularse, e protexer a pel de calquera contacto coas medusas, con bañadores, camisetas ou outras prendas”.
Recoméndase tamén o uso de crema solar, xa que ten certa capacidade para protexer dos tentáculos das medusas. E, como é obvio, en ningún caso hai que tocalas, aínda que parezan mortas, xa que a picadura pode provocar reacción na nosa pel, vivas ou non.
E se temos unha reacción?
A recomendación de Sanidade é avisar ao socorrista canto antes, ademais doutras accións que poden ser beneficiosas para evitar lesións graves. Lavar a zona con auga salgada, retirar con pinzas os posibles restos de tentáculos na pel, aplicar frío durante 15 minutos na zona afectada, e desinfectar a ferida con alcol iodado poden ser algunhas medidas. Con todo, as persoas con alerxias, os maiores e os menores poderían precisar atención especial.
Ademais, como é habitual, para todo existen remedios caseiros. Quen non escoitara que os ouriños son útiles nestes casos? A Sociedade Americana de Química asegura que non é axeitada. É un líquido que contén poucas sales e pode activar a célula urticante, empeorando a reacción. Mentres, o vinagre, máis ácido, si podería ser unha opción, cun efecto limitado e dependendo da toxina que produza cada medusa.
A carabela portuguesa: o terror dos bañistas
Ás costas galegas chega un gran número de carabelas portuguesas (Physalia physalis), que provocan a picadura máis dolorosa. Esta especie deixa unha marca no lugar do contacto coas células do organismo que producen a urticaria. A gran cantidade de células urticantes que ten e o seu veneno, con propiedades nurotóxicas, citotóxicas y cardiotóxicas, produce unha dor tan intensa na persoa que podería entrar en shock neuroxénico e acabar afogándose.
Con todo, non todas son igual de nocivas. Nuria Navarro asegura a SMC España que a Cotylorhiza tuberculata (medusa ovo frito), Aequorea forskalea (medusa Aequorea), o Aurelia aurita (medusa común) teñen nula ou moi baixa capacidade urticante, con pouco ou ningún efecto sobre a saúde humana.
A importancia das medusas
Estes animais mariños serven de alimento para algúns animais, e ao morrer, liberan nutrientes esenciais que axudan a manter a cadea alimentaria do océano. De aí a súa importancia dentro do ecosistema mariño. Por exemplo, a tartaruga de coiro (Dermochelys coriacea) ten unha dieta baseada casi ao 100% en medusas. Souviron engade, para SMC España, que “poden proporcionar información valiosa sobre a saúde do ecosistema mariño e os impactos no cambio climático”.
Non só serían vitais para a saúde do seu hábitat, senón para a saúde da poboación humana. Como fonte de substancias bioactivas, un estudo de 2011 describe máis de 3.000 substancias activas derivadas do grupo Phylum cnidaria, que inclúe máis de 11.000 especies mariñas, coa fin de desenolver novos productos e tratamentos. Así, os bañistas galegos terán un motivo para manter a estas amigas mariñas baixo a auga, coa fin de que o ecosistema continúe o seu curso.
Podes ler o artigo do Science Media Center España na seguinte ligazón.