Ata 29.500 niños de Vespa velutina foron retirados o ano pasado en Galicia. Trátase dunha cifra que impresiona, máis se temos en conta que cando esta avespa asiática chegou á comunidade, no ano 2012, retiráronse só dous niños. En pouco máis dunha década, a especie invasora foi quen de establecerse no territorio, especialmente nas zonas costeiras onde as temperaturas son máis tépedas. Porén, a súa presenza non sempre é a mesma: entre xaneiro e xullo deste 2024 a Xunta rexistrou máis de 8.000 avisos en toda Galicia, dos que só a metade corresponderon finalmente a niños retirados. A Coruña é a provincia con máis avisos, mais este ano semella que as cifras non chegarán ás do 2023.
Segundo María José Servia, profesora da área de Zooloxía da UDC e investigadora, as especies invasoras compórtanse de xeitos diferentes cando chegan a un novo territorio. A miúdo experimentan un pico de actividade inicial para establecerse dun xeito máis calmo despois: “No caso da velutina parece claro que a súa actividade é cíclica. Hai anos nos que hai máis e outros nos que menos, pero xa está completamente asentada en Galicia”.
A globalización marca a tendencia
A velutina é unha especie invasora orixinaria do sueste asiático. Que sexa invasora quere dicir, segundo a definición máis amplamente aceptada pola Academia, que foi introducida pola acción do ser humano e non por dispersión natural, tal e como ocorre noutros casos como a chegada de novas especies que as aves transportan a outros territorios a causa das súas rutas migratorias: “A actividade do modelo económico, a globalización, o comercio e os novos comportamentos do ser humano en canto á súa capacidade para viaxar fan que a introdución de especies invasoras noutros hábitats sexa un fenómeno que afecta a nivel mundial”, explica a investigadora.
No caso de Galicia, a existencia de grandes portos marítimos e as súas condicións xeográficas e actividades económicas poden facilitar a chegada destas especies foráneas, “mais a un nivel comparable a outras moitas rexións do mundo”.
Unha vez que a especie chega, hai unha serie de casuísticas que van marcar o seu establecemento neste novo escenario, comenta Servia: “Poderíamos intuír que nun ecosistema resiliente e forte esta invasora non pode atopar o seu nicho, mais temos observado como en hábitats aparentemente sans a nova especie era capaz de establecerse e atopar o seu lugar”.
As claves do éxito para unha invasora
Segundo o CREAF (Centre de Recerca Ecològica i Aplicacions Forestals do CSIC), as claves do éxito para unha especie invasora dependen directamente das condicións climáticas, de atopar recursos que non estean monopolizados polas especies nativas e de ter unha presión de inimigos (depredadores, parasitos e patóxenos) que non esquilme a poboación: “Para un invasor, a ausencia dun nicho ecolóxico apropiado é, se cadra, a ruta máis obvia cara á extinción”.
Ás problemáticas asociadas á globalización e á perda da biodiversidade e de espazos salvaxes súmase o factor do cambio climático, o cal fai que especies transmisoras de virus como o dengue ou o zika, antes asociadas ás coñecidas como enfermidades tropicais historicamente desatendidas polo continente europeo, prefiran as temperaturas e condicións climáticas das rexións cara ao norte da liña do ecuador. É o caso de insectos como o mosquito tigre ou a carracha Hyalomma marginatum, xa presentes en Galicia e posibles vectores de virus como o dengue e a febre hemorráxica de Crimea-Congo, respectivamente.
Non só existe o impacto económico e na saúde humana
A preocupación pola velutina non está vencellada á transmisión de virus ou patóxenos: “Principalmente no que máis se pon o foco é na saúde humana, xa que as picadas ademais de ser dolorosísimas poden causar alerxias e ata a morte nos casos máis graves”, comenta a investigadora da UDC. Ademais, é coñecido que a invasora se alimenta das abellas, o cal causa importantes danos económicos no sector da apicultura.
Galicia é unha das rexións da península con máis presenza da vespa asiática, de aí que a poboación coñeza moito máis a esta invasora con respecto a outras que tamén ocasionan danos materiais e na contorna. Ademais, das 78 mortes por picada de avespa e abella que que se produciron en España entre os anos 1999 e 2018, máis dun terzo dos falecementos déronse en Galicia. Sobre as causas que poderían explicar esta maior mortalidade na comunidade, a experta subliña: “Estamos a falar dunha rexión onde a vexetación medra moito, e as actividades de roza fanse na época onde os niños son grandes e a velutina está máis presente”. Ademais, Galicia é un territorio onde parte da poboación segue a vivir en aldeas ou núcleos rurais moito máis en contacto coa natureza.
Un consumo de recursos infinito
As perdas económicas ocasionadas pola velutina non se poden desdeñar: “Falamos de que esta invasora é unha das que máis recursos económicos consomen en España, a meirande parte deles vencellados á perda da actividade dos apicultores, mais tamén debido aos gastos ocasionados polo seu control e seguimento”. Ademais, tal como conta Servia, os exemplares adultos de velutina adoitan alimentarse de froita, e un dos produtos emblemáticos de Galicia que máis se produce na época do ano onde a invasora está máis presente é a uva, que tamén se traduce en perdas no caso dos viñedos.
Con todo, o impacto da velutina non só se limita aos ámbitos económico e sanitario, xa que a avespa asiática tamén é predadora doutros insectos: “Hai estudos que amosan como, cando hai presenza de velutinas en determinados espazos con flores, diminúe a aparición doutros insectos nativos. Isto pode chegar a causar interferencias entre a flora e a fauna dun lugar, afectando a procesos tan necesarios como a polinización ou a produción de sementes”, conclúe a científica da UDC.
Dun xeito contrario ao que se pensa, a velutina si ten predadores: é o caso do abelleiro europeo (Pernis apivorus), unha rapaz que nos últimos anos está aumentando a presenza dos seus niños en Galicia. Segundo un estudo levado a cabo por investigadores da Universidade de Alcalá de Henares, a ave podería ser un apoio natural e un recurso complementario aos métodos químicos á hora de limitar a poboación de velutinas: “Isto quere dicir que lle vai facer fronte á invasora? Polo de agora, semella que aínda non foi capaz”, conta Servia.
O futuro das especies invasoras
Segundo un informe elaborado polo MITECO (Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico), ata hai pouco as especies exóticas e invasoras non recibiran demasiada consideración no contexto do cambio climático. Ponse moito máis énfase no perigo de extinción das especies autóctonas, mentras que non se fala daquelas que as poderían substituír: “Cun gran nivel de certeza pódese afirmar que o cambio climático poderá alterar a estrutura e composición das comunidades nativas e, como consecuencia, o funcionamento dos ecosistemas, actuando como un réxime de perturbación que acrecentará o risco de invasións biolóxicas”.
E que vai pasar coas especies invasoras que xa temos? Non é doado predicir o futuro da velutina. Sabemos que está asentada en Galicia, sabemos que a súa poboación poderá aumentar o diminuír dependendo dos anos. Iso si, explica a investigadora: “Unha vez se establece nun ecosistema, a invasora comeza a estar exposta ás mesmas ameazas que as nativas, co cal terá que enfrontarse a posibles depredadores ou patóxenos e adaptarse ao cambios na contorna”.