Como chegou a velutina ao noso país? E o cangrexo vermello americano? Por que atopamos nos montes porcos vietnamitas? Por que as follas de pampa, a mimosa ou o eucalipto son parte da nosa paisaxe cotiá, a pesar de ter orixes tan distintas e distantes?
Todas estas especies comparten un denominador común: están cualificadas como especies exóticas invasoras. Unha definición —sobre a que existe discusión científica— que alude a aquelas especies que se introducen ou establecen nun ecosistema ou hábitat natural ou semi-natural e que son un axente de cambio e ameaza para a diversidade biolóxica nativa, xa sexa polo seu comportamento invasor ou polo risco de contaminación xenética.
As especies invasoras son a segunda causa de perda de biodiversidade no mundo segundo a ONU e en Europa, unha de cada tres especies está en perigo crítico de extinción por esta ameaza. O seu estudo ocupa unha das liñas de traballo da doutora en bioloxía e investigadora da Universidade da Coruña (UDC) María José Servia García. Convidada pola Cátedra Jorge Juan, a científica revisa a historia da chegada dalgunhas especies non nativas a Europa, as súas consecuencias e a aparición de nativas europeas noutros outros territorios xeográficos, na Fundación Exponav de Ferrol.
A mobilidade de mercadorías e persoas están detrás dos distintos procesos de chegada de especies que ameazan os ecosistemas locais. Aínda que o imaxinario colectivo cingue estes procesos de invasión á globalización —transporte e turismo— propia dos séculos XX-XXI, Servia García amplía o foco tamén cara atrás e lembra que “antes das viaxes transoceánicas do século XV, hai constancia de especies introducidas noutros territorios”.
Tampouco esquece a creación de grandes xardíns botánicos con plantas chegadas no século XVIII nin as melloras no transporte marítimo e terrestre e a construción de grandes infraestruturas no XIX, fenómenos ambos que supuxeron o traslado de especies dun lado a outro por unha cuestión de prestixio, interese comercial ou de maneira fortuíta.
Avespa asiática
Unha das especies obxecto de atención da investigadora coruñesa é a avespa asiática (Vespa velutina). Orixinaria de Asia e de recorrente actualidade en Galicia é un claro exemplo de chegada accidental ao noso continente. “A tese máis aceptada é que chegou a Europa como polisón, en concreto a Francia, a principios do século XXI nun transporte de mercadorías desde China, que traía material de xardinería” sinala María José Servia.
A presenza desta especie exótica invasora disparou todas as alarmas. “É unha especie que esperta moito interese porque non só causa danos ambientais, senón tamén económicos, na apicultura por exemplo, e sobre todo porque as súas picaduras xeran reaccións alérxicas nas persoas que poden chegar a ser mortais”.
Chegada a través do comercio legal
Se a velutina é un exemplo de entrada fortuíta dunha especie invasora, a chegada do cangrexo vermello americano (Procambarus clarkii), orixinario do noroeste de México e sur de Estados Unidos, foi totalmente deliberada. Introduciuse por primeira vez nas marismas do Guadalquivir (Sevilla) en 1974 con fins comerciais — para ampliar o stock de cangrexos para comer— e como especie cebo. Na actualidade atópase en todo o territorio español, mentres que o cangrexo autónomo desapareceu en gran parte da súa área de distribución.
“Os cangrexos vermellos teñen un impacto ambiental moi negativo polo seu modo de alimentación, como ovos e larvas de anfibios; porque escava e ao seu paso deixa noiros inestables que ameazan os ecosistemas acuáticos e é un reservorio transmisor de patóxenos” apunta María José Servia.
Outras especies invasoras aparecen na nosa contorna froito de modas pasaxeiras. É o caso, por exemplo, do porco vietnamita (Sus scrofa domestica) que se popularizou como animal de compañía a finais do século XX e principios do XXI e que foi incluído no Catálogo español de especies exóticas invasoras no ano 2020. “Inicialmente entrou nos fogares como mascota, pero ao crecer expulsáronse e o máis rechamante é a súa hibridación cos xabaríns” sinala esta bióloga.

Un caso semellante é o da cotorra arxentina (Myiopsitta monachus) que foi introducida en España no ano 1980 a través do comercio legal. Pasou de ser unha mascota exótica a especie invasora, cando moitos dos exemplares foron liberados das súas gaiolas debido ao ruído e as molestias que causaba no fogar. A súa capacidade de adaptación ao medio urbano, o seu éxito reprodutor, carácter social e a falta de depredadores naturais fixo o resto e hoxe hai crecentes colonias de cotorras en Cataluña, Madrid e Andalucía.
Nestes dous casos, e noutros, non se pensou en que tipo de animal estaba a adquirirse, nin os coidados que requiría e tampouco nas consecuencias para o medio ambiente e os ecosistemas que causaría o que quedasen en liberdade, fóra de control.
A globalización non ten marcha atrás e o transporte de mercadorías, os desprazamentos forzosos de poboación e o turismo seguirán sendo porta de entrada de novas especies nos distintos territorios. “É esperable que cheguen máis especies, o foco está posto nos himenópteros (avespas, formigas e abellas) que o teñen máis fácil para coarse nun transporte”, augura María José Servia.














