A eclipse do mércores 12 de agosto, para a que quedan tan só dous días, promete coroarse como o evento astronómico do ano, non só polo seu reclamo visual senón, tamén, polo seu valor científico. A Coruña será a porta de entrada deste fenómeno e, por isto, a Universiadade da Coruña (UDC) organiza dous congresos que converten a cidade no epicentro da astrofísica a nivel mundial. Un deles é o Congreso Internacional Solar MHD (Solar Magnetohydrodynamics), que celebra a súa terceira edición no Centro de Investigación en Tecnoloxías da Información e as Comunicacións da UDC.
Entre os seus organizadores atópase o investigador de física solar do Instituto de Astrofísica de Canarias Martín Gómez Miguez, que explica que a importancia das eclipses (en concreto, as totais) variou co paso do tempo debido aos cambios na tecnoloxía empregada para a observación solar.
A eclipse como espectáculo, non experimento
Martín Gómez Miguez sinala que os asistentes ao congreso priorizarán a observación da eclipse sobre a realización dalgún tipo de experimento. “Antigamente, as eclipses tiñan máis atractivo científico. Hoxe xa hai dispositivos que simulan as mesmas condicións de xeito artificial, polo que é posible facer observacións en calquera momento”, explica o astrofísico, que recoñece que os estudos en torno ás eclipses son cada vez máis anecdóticos.
“No pasado, non era posible ver as partes máis externas do Sol, como é a coroa solar, porque quedaban ocultas polas elevadas emisións de luz das capas baixas da atmosfera. Para ver os detalles da contorna, había que tapar a fonte de iluminación. Ese era o papel fundamental dunha eclipse“, indica Gómez Miguez. O participante do congreso subliña, pois, como a eclipse é, no presente, máis un momento romántico, cun misticismo tradicionalmente asociado, que un grande evento científico de obtención de datos de alta claridade.
As impulsoras da astrofísica do pasado
Así e todo, nun punto da historia as eclipses foron imprescindibles para acceder dende a Terra á coroa solar. “Un dos fitos máis interesantes tivo lugar en 1868, cando se descubriu o helio“, conta Miguel Gómez. Como indica o astrofísico, cada átomo da táboa periódica emite luz nunha rexión específica do espectro electromagnético. “Isto vén dado pola estrutura interna de cada partícula, que é unica a cada especie atómica. Se ves as liñas que produce, podes identificalo correctamente”, apunta o investigador. Deste xeito, no século XIX descubríronse unha serie de liñas na coroa solar que non coincidían con elementos coñecidos na Terra e que pasaron a denominarse ‘helio’. “Logo puido atoparse no noso planeta, pero aquí está en moita menor proporción que no Sol”, engade Gómez Miguez.
Outra marca histórica derivada da observación da coroa solar foi o descubrimento, e posterior retracción científica, do Coronio. “Había unha liña de cor verde que non sabían explicar. Propuxeron un elemento novo, o Coronio, pero co paso do tempo perdeuse a posibilidade de que fora unha novidade na táboa periódica, xa que era unha luz relativamente intensa, pero non se correspondía coas características dos elementos máis lixeiros”, explica Miguel Gómez. O astrofísico sinala que, posteriormente, os estudos levaron á conclusión de que se trataba dunha formación de ferro 14, é dicir, aquel átomo de ferro que perdeu 13 electróns. “Esa liña de investigación permitiu estimar a temperatura da coroa solar“, indica.
O astrofísico apunta que a observación do Sol durante unha eclipse tamén permitiu realizar unha das primeiras probas da relatividade xeral de Einstein, cando se tomaron medicións sobre a posición de estrelas próximas ao astro.
Un campo con moitas incógnitas
O estudo da física solar deu grandes pasos dende os seus inicios, pero aínda abundan as incógnitas sobre o campo. Unha destas é a predición dos eventos máis enerxéticos do Sol: “A actividade solar pode danar sistemas XPS, o que afecta as telecomunicacións, os tendidos eléctros e a vida cotiá”, afirma. O investigador engade: “O mellor que podemos facer é refinar os nosos estudos para poder adiantarnos e tomar mediades adecuadas”.
Outros retos que enfronta a astrofísica son comprender o funcionamento e física interna do Sol ou resolver a cuestión da inversión térmica que sofre a atmosfera solar. “É unha bóla xigante luminosa cun peso. Se nos afastamos da superficie, debería baixar a temperatura, pero observamos o contrario. A partir da cromosfera solar pasamos duns 4.000 graos a entre 8.000 e 9.000. E na capa superior chegamos a un millón“, conta Miguel Gómez.
Algunhas das teorías que se propoñen para explicar este funcionamento son, como indica o astrofísico, os eventos de reconexión magnética ou a disipación de ondas. Porén, aínda non hai unha resposta a estas dúbidas.














