Estradas cortadas e autobuses de reforzo: así se prepara Galicia para a eclipse do 12 de agosto

Os tramos do Eixo Atlántico, Lugo e A Mariña terán servizos de bus adicionais, mentres Renfe reforzará os trens entre Vigo-Urzaiz e A Coruña

A conta atrás está cada vez máis preto: mañá terá lugar a eclipse total que sumirá na escuridade a metade norte de Galicia e, por uns segundos, semellará traer a noite de xeito prematuro. Este evento está rodeado nos calendarios dos afeccionados á observación astronómica e os profesionais da astrofísica, non só da comunidade galega, senón internacional. A Coruña será o primeiro lugar de Europa que experimente a totalidade da eclipse e, como tal, agarda unha importante afluencia de visitantes, acorde á magnitude do fenómeno.

Así e todo, as recentes predicións meteorolóxicas apuntan que a costa norte podería non se o lugar idóneo para presenciar a eclipse debido á posibilidade de que se formen nubes baixas cara ao oeste antes do solpor (é dicir, no momento no que a Lúa ocultará o Sol). Ademais, non toda a comunidade galega está na franxa de totalidade. Por isto, agárdase que se produzan movementos nas estradas a fin de atopar o mellor punto de observación. Isto, sumado, especialmente, a que persoas de todo o mundo teñen marcado o territorio galego como o destino predilecto do turismo astronómico de 2026, require unha coordinación importante de medios (sobre todo, terrestres) para garantir o tráfico seguro de persoas e vehículos. Así, Galicia contará cun dispositivo especial no que haberá cortes de tráfico, aparcadoiros disuasorios, reforzo de servizos de mobilidade e un operativo de seguridade que tratará de paliar os efectos da eclipse nas rúas.

Publicidade

Estradas cortadas co gallo da eclipse

O concello da Coruña emitiu un comunicado no que detalla os avisos de tráfico previstos. Realizaranse cortes a partir das 16:00 horas do mércores nas seguintes estradas: Monte de San Pedro, Portiño e Paseo Marítimo. Así, non será posible circular polo interior dos núcleos do Portiño e do Campanario. Dende as 19:00 horas estará prohibido circular polo Paseo Marítimo (inclúe os tramos das Lagoas, Matadoiro, Riazor e Orzán) e a Avenida da Habana e a rúa Manuel Murguía, na contora do estadio de Riazor.

Cada municipio terá unhas ou outras restriccións en función da afluencia agardada e a capacidade das súas vías e espazos de obserevación. Por iso, quen teña xa decidido o seu punto de observación para a eclipse é recomendable que consulte as fontes de información oficial do concello escollido para manterse ao tanto das novidades en canto ao tráfico. Moitas localidades están optando polas redes sociais como vía para manter actualizada á poboación; é o caso de Monforte de Lemos, Vilalba, Oleiros ou Arteixo.

Publicidade

Autobuses adicionais no Eixo Atlántico

A Xunta de Galicia anuncia que as empresas concesionarias Monbus e Arriva reforzarán os seus servizos durante a xornada de mañá para facilitar os desprazamentos dentro da comunidade galega cara aos concellos nos que se prevé desfrutar da totalidade do fenómeno. Os esforzos loxísticos concentraranse nas provincias da Coruña e Lugo.

Ademais dos servizos regulares (que tamén permiten chegar a tempo á eclipse), incorpóranse novas saídas dende a estación intermodal de Vigo. Ás 12:35 horas partirá un autobús cara a Ferrol que fará paradas nas estacións de autobuses de Pontevedra e Santiago de Compostela, en Pontedeume, Fene e, xa en Ferrol, na avenida das Pías e no barrio do Pilar. Agárdase que a chegada sexa ás 15:30 horas.

Entre Vigo e A Coruña tamén haberá un servizo adicional aos habituais: sairá ás 14:00 horas e terá paradas na estación de autobuses de Pontevedra, na estación intermodal de Santiago e, finalmente, na avenida de Alfonso Molina da Coruña. Tanto para este traxecto como para o que chega a Ferrol haberá un autobús de regreso ás 23:00 horas.

Autobuses adicionais na provincia de Lugo

No itinerario de Lugo a Ribadeo, con paradas en Castro de Rei, Pol, A Pastoriza, Meira, Riotorto, A Pontenova, San Tirso de Abres, Trabada e Vegadeo, incorpórase un servizo ás 17:00 horas, que se suma aos autobuses habituais. Haberá un servizo de regreso dende Ribadeo ás 22:30 horas.

Tamén se reforzará a conexión entre Ribadeo e as paias de Foz cunha nova saída ás 18:00, ademais dos servizos regulares. Neste caso, haberá dúas opcións para a volta: un autobús sairá ás 21:30 horas e outro ás 22:00.

A Xunta de Galicia advirte nun comunicado que será necesario conseguir os boletos con antelación: “Os billetes poden adquirirse xa nas páxinas web de Monbus e Arriva. Ademais, o propio día da eclipse tamén será posible mercalos nas estacións de autobuses, ata dúas horas antes da saída no caso dos servizos do Eixo Atlántico, e nos propios vehículos nas liñas de Lugo e da Mariña, en ambos os dous casos ata completar a capacidade dispoñible”.

A opción sobre raís: refórzanse os trens en Galicia

Para quen prefira o transporte ferroviario, Renfe reforzará os trens das conexións entre entre Vigo e A Coruña con 1.400 prazas adicionais para asumir a afluencia de viaxantes movidos polo fenómeno astronómico. Os servios afectados serán os de Media Distancia entre Vigo (Urzaiz) e A Coruña ás 6:34, 10:40 e 17:40 horas. No sentido inverso, tamén se ampliará a capacidade das saídas da Coruña a Vigo (Urzaiz) ás 15:00 e as 21:40 horas.

Na estación de A Coruña e nas liñas de Cercanías de Galicia Renfe ampliará o persoal operativo, tanto en taquillas como en puntos de información.

Transporte marítimo

Hai quen optará por ver a eclipse dende o océano. Para as persoas que saian aos barcos, a Dirección Xeral da Mariña Mercante emitiu un comunicado no que dá indicacións e normas de seguridade. Primeiro, o organismo recomenda a planificación da ruta e os horarios (tendo presente a información meteorolóxica actualizada) e a comunicación do itinerario escollido a persoas de contacto.

O documento incide na importancia de cumprir o Regramento Intrnacional para Previr as Abordaxes no Mar (RIPA) e indica medidas como a necesidade de facer a embarcación visible durante os momentos de escuridade, manter distancia en canto a outros navíos, verificar que o equipamento de comunicacións e navegación estea en estado óptimo e, por suposto, observar a eclipse tan só con lentes homologadas.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Sete segundos de escuridade

Unha experiencia máis sobre a eclipse total do 12 de agosto, escrita por unha xornalista de GCiencia. Por Andrea Veiga

Dende Doniños ata Francia: así viviron as grandes científicas e científicos galegos a eclipse total de Sol

O fenómeno do 12 de agosto reuniu a referentes da ciencia en distintos puntos do mapa, que o viron en praias e xardíns

A eclipse solar vista dende o espazo: así é a sombra que se proxectou sobre a Terra

As imaxes do Meteosat de terceira xeración, tomadas a 36.000 quilómetros de altitude, amosan o camiño da Lúa xusto antes da chegada da noite

Unha noite máxica: estas son as imaxes da eclipse do 12 de agosto en Galicia

O evento congregou grandes grupos de persoas tanto dentro da franxa de totalidade como na de parcialidade