A Coruña será o centro de Galicia durante a xornada do 12 de agosto de 2026, cando a Lúa cubra por completo ao Sol nunha eclipse total histórica. A pesar da emoción, con menos de dous meses para que ocorra o fenómeno astronómico do ano, o foco tamén debe estar na seguridade durante a observación. A sociedade coruñesa —e a que viaxará á cidade herculina con motivo da eclipse— será a primeira en observar a eclipse pola súa disposición de oeste a leste e, por tanto, ten preguntas: Por que debo empregar lentes para observar o fenómeno? Que lentes debo empregar? Hai máis formas de velo?
A NASA indica que non é seguro mirar directamente ao Sol sen protección especializada, agás durante a breve fase total dunha eclipse total e aparece a coroa solar. O óptico optometrista galego Alexander Dubra explica que a perigosidade vén dada pola cantidade de enerxía que emite o Sol, que se concentra na retina do mesmo xeito que o fai unha lupa. “Pode producir queimaduras permanentes na retina do ollo, co risco engadido de que non doe porque o cerebro o considera un estímulo luminoso”, engade. Se se produce unha queimadura na retina, aparecerían manchas de cores —machas cegas— que duran toda a vida. “Non se cura nin hai forma de rexeneralo”, advirte Dubra.
A maior preocupación debe recaer sobre os nenos pequenos e as persoas maiores, quen son os máis curiosos e menos conscientes do que pode ocorrer cando se mira directamente ao Sol. Ademais, engade que si que se pode observar a eclipse cando o Sol estea completamente tapado, pero advirte que “dura tan pouco que cando chegue o momento de risco non nos imos dar conta”, polo que só recomenda esta dinámica para os observadores expertos.
Que lentes se deben empregar?
Segundo Alenxander Dubra, a forma máis práctica para ver a eclipse é con lentes certificadas coa norma ISO 12312-2, que bloquean a radiación ultravioleta, infravermella e luz visible intensa. Deben ter o selo da Comunidade Europea, ademais dos datos do fabricante, o ano de fabricación e a data de caducidade. “Son útiles durante varios anos se non están danadas nin perforadas, o que é relevante a causa do trío de eclipses dos próximos anos”, sinala o óptico optometrista. Ademais, sinala que a mellor opción é adquiridas en establecementos especializados, onde os prezos rondan os 2,50 e 3 euros. “Non paga a pena correr o risco”, engade.
Entre as recomendacións durante a observación, advirte de que non se debe mirar a través das lentes de eclipse directamente ao Sol durante máis de 30 segundos seguidos. No momento de comezar a observación, débense poñer primeiro as lentes e despois dirixir a mirada cara ao Sol.
Tamén existen numerosos mitos arredor dos accesorios cos que se poden observar as eclipses de Sol: radiografías, discos, caretas de soldador ou mesmo cristais afumados de forma caseira. “A xente ve que é escuro e translúcido e pensado que serve”, advirte Dubra, pero exemplifica que nin sequera unhas lentes de sol comuns, por moi escuras que sexan, son seguras para observar o Sol. Só se poden empregar lentes para ver a eclipse.
Filtros homologados para dispositivos
E que ocorre cos prismáticos, telescopios ou cámaras fotográficas? O experto explica que se precisan os accesorios homologados pola marca para poder observar o Sol. Fundamentalmente son elementos que teñen aqueles afeccionados á astronomía, xa que son relativamente caros para un uso dunha vez cada dez ou vinte anos. Con todo, como ocorre coas lentes, no mínimo caso de dúbida de daño ou de incompatibilidade, o accesorio non será adecuado. A NASA explica na súa páxina web que non se debe mirar ao Sol a través de lentes de cámara e outros dispositivos ópticos mentres se usan as lentes homologadas, xa que os raios solares concentrados poden atravesar e queimar o filtro, e entrar nos ollos causando lesións graves.
Por tanto, o que si que se pode facer é observar eclipses parciais e anulares a través de cámaras, binoculares ou telescopios equipados con filtros solares, sen necesidade de empregar lentes para eclipses, porque funcionan igual que as lentes e protexen os ollos. Con todo, os filtros deben estar suxeitos á parte frontal do dispositivo óptico.
Caixa de zapatos como método de observación
Se non atopas unhas lentes de eclipse, tamén hai métodos de observación indirecta que permiten aos observadores ver o disco solar sen necesidade de mirar directamente ao Sol. Alexander Dubra recomenda a caixa estenopeica, que se basea nun principio óptico: trátase dunha caixa opca que ten nun dos seus lados un pequeno oco —coñecido como estenopo— polo que entra a luz solar, proxectando unha imaxe invertida do Sol sobre a superficie interior oposta. Para facela precisas seis materiais: unha caixa de cartón —de zapatos, por exemplo—, papel de aluminio, unha folla de papel branco, cinta adhesiva, tesoiras e unha agulla.
O primeiro paso é recortar un dos extremos curtos da caixa rectangular, onde se colocará o estenopo. Mentres, no extremo oposto, polo interior da caixa, débese fixar a folla de papel con cinta adhesiva, o que se converterá na pantalla de proxección. Para crear o estenopo, débese cubrir a abertura cun anaco de papel de aluminio, asegurado con cinta adhesiva. Coa agulla hai que perforar un pequeno oco no centro do papel de aluminio que permitirá que a luz do Sol entre na caixa e se proxecte na pantalla interior.
Pero, como funciona no día da eclipse? Debes situarte de costas ao Sol e orientar a caixa de maneira que a luz solar entre polo estenopo. Deste xeito, poderás observar a imaxe do Sol sobre a folla en branco dentro da caixa: “Ao ser unha imaxe por proxección podemos mirala todo o tempo que queiramos“, indica.
Con todo, Dubra tamén propón usar o móbil para gravar o Sol, pero sempre mirando a pantalla, xa que non emite radiación como o astro.
Recomendacións para a poboación
Con toda esta información, Alexander Dubra resume o manual de supervivencia para observar a eclipse en catro regras básicas:
—Mirar a eclipse só con dispositivos deseñados para tal fin durante non máis de 30 segundos de observación directa.
—Nunca empregar un método caseiro, como radiografías ou lentes de sol superpostas.
—Ao mínimo sinal de risco de que un dispositivo de observación directa poda estar danado, non mirar directamente ao Sol.
—Supervisar conscientemente aos menores que empreguen lentes de eclipse. Para maior tranquilidade, varios nenos poden usar á vez métodos de observación indirecta como a caixa estenopeica.
Máis aló da visión, hai outras advertencias importantes que os potenciais observadores e observadoras da eclipse total de Sol do 12 de agosto deberán ter en conta. Por unha banda, mesmo durante a fase parcial, o Sol seguirá brillando, polo que os usuarios poden estar horas baixo luz solar directa mentres agardas o momento do ano. Por iso, é importante usar protector solar, sombreiros e ropa protectora para evitar danos na pel. Ademais, todo pasa tamén polo clima: débense esperar ata tres ou catro días antes para coñecer con seguridade as condicións meteorolóxicas que haberá ese mércores.
Por outra banda, en cidades como A Coruña, representante da eclipse na península, haberá moita aglomeración de xente, polo que é de vital importante levar os depósitos do coche cheos, móbiles cargados, ademais de bebidas e comida. “Hai que planificar no caso de ir lonxe da casa”, conclúe Alexander Dubra.














