Da Torre de Hércules ao Castro de Elviña: percorre o patrimonio da Coruña a través da eclipse

O concello sinala 46 puntos privilexiados dende os que se poderá vivir a fase de totalidade do fenómeno astronómico do ano

A Coruña experimentará unha simbiose entre astronomía e patrimonio durante a segunda semana de agosto, coincidindo coa eclipse total de Sol do día 12. A Torre de Hércules, os parques da cidade e os miradoiros serán un escenario privilexiado dende onde ver o evento astronómico do ano. Así o indica o visor interactivo lanzado polo Concello da Coruña que permite á cidadanía orientarse e escoller con antelación entre os 46 puntos potenciais de observación, baixo a premisa da gran cantidade de coruñeses e turistas que visitarán a cidade. Moitas localizacións están estreitamente relacionadas co patrimonio cultural da Coruña e permiten ver a eclipse sen obstáculos, e estas son algunhas delas.

Primeira parada: Torre de Hércules e o seu parque escultórico

Imaxina ver a eclipse total dende o faro máis antigo de Galicia: isto é posible na Coruña. A Torre de Hércules e o seu parque escultórico son dous dos puntos de mellor visibilidade grazas ao seu horizonte despexado. Ademais, nas horas previas de espera, poderás contemplar o terceiro faro en altura de España, declarado Patrimonio da Humanidade pola UNESCO. Pola súa banda, o Parque Escultórico da Torre de Hércules ofrece un museo ao aire libre con 15 obras de arte repartidas polas súas 47 hectáreas, que van dende unha caracola de aceiro fronte ao mar ata un conxunto de 12 menhires dispostos en círculo. Entre os servizos conta con merendeiros nos que pasar un fantástico día ao sol, e un aparcamento 24 horas e gratuíto onde estacionar o coche durante todo o día.

Publicidade

Segunda parada: os farois do Paseo Marítimo

Outra das principais localizacións para ver a eclipse total de Sol na Coruña será o Paseo Marítimo. O visor sitúa múltiples puntos destacados arredor deste camiño de 13,5 quilómetros, o máis longo de Europa, que percorre a cidade pola costa. Unha das principais curiosidades do paseo son os seus farois, inspirados no Art Nouveau. Estes destacan pola súa forma singular e os motivos recollidos nos seus 1.200 esmaltes, traballo da artista coruñesa Julia Ares, quen tamén deseñou a Glorieta das Vítimas do Terrorismo —outra das potenciais localizacións dende onde ver a eclipse—. Así, os farois amosan unha gran variedade de imaxes, técnicas, cores e referencias, con catro temáticas principais: os peixes —na zona da Casa dos Peixes—, o faro —na zona da Torre de Hércules—, o deporte —na zona da Hípica— e Picasso —na zona de Belas Artes—.

Pero non é o único paseo dende onde se poderá ver a eclipse. Por unha banda, están as praias lindeiras de Orzán e Riazor, nunha situación urbana e céntrica, separadas unicamente polo coñecido Rompeolas. É un enclave incrible para poder desfrutar do fenómeno, xa que, ademais, Orzán é Bandeira Azul, a distinción outorgada ás praias con mellores condicións ambientais e instalacións.

Publicidade

E, tamén fronte ao Atlántico, álzase o Millenium, un monumento con forma de obelisco que, no seu momento, conmemorou a chegada do século XXI. Con todo, durante o 12 de agosto de 2026 será un dos lugares que vai permitir observar con claridade a fase total da eclipse de Sol. É dunha localización interesante, xa que durante a espera pódense apreciar os seus 46 metros de altura cubertos con 147 cristais de rocha traídos dende os Países Baixos. Sobre todo, paga a pena prestar atención aos 13 primeiros metros, nos que se conta a historia dos principais acontecementos e personaxes da Coruña, tallados nos cristais.

Terceira parada: de Oza a Eirís

O Parque de Oza, con arredor de 55.000 metros cadrados de extensión, é sinalado polo concello como unha das localizacións dende onde mellor se poderá ver a eclipse. Está situado no barrio de Castrillón, con 2.350 metros de percorrido lineal. Outra opción para desfrutar de zonas verdes e astronomía é o Parque Carlos Casares, concretamente dende o seu anel de flores: ten unha extensión de 4,17 hectáreas, con zonas para os máis pequenos, adecuado para pasear e para actividades familiares.

Pero un dos enclaves máis extensos é o Parque de Eirís, que conta con 8,77 hectáreas. Ademais de estar nunha situación perfecta dende onde ver a eclipse total, conta cunha pérgola, un estanque naturalizado con aves, unha área de xogos infantís e está cheo de árbores que van dende o pradairo (Acer pseudoplatanus) e o loureiro (Laurus nobilis) ata o carballo (Quercus robur) e o alfaneiro lucidío (Ligustrum lucidum).

Cuarta parada: Castro de Elviña

Se pensas que o mellor é afastarse do centro da cidade, un punto de perfecta visión é o Castro de Elviña, unha vila fortificada pertencente á cultura castrexa, próximo ao Campus de Elviña da Universidade da Coruña (UDC). En 1947 foi escavado por primeira vez e no ano 1962 foi declarado Ben de Interese Cultural (BIC). Así, nas alturas e ao longo de 6,5 hectáreas, esta edificación antiga convértese nun enclave máxico dende onde observar a eclipse lonxe do centro da cidade, sempre coidando os seus arredores. Ademais, se che parece interesante, o Museo Arqueolóxico e Histórico do Castelo de San Antón garda no seu interior unha selección dos materiais arqueolóxicos recuperados durante as intervencións. 

Por tanto, se viaxas A Coruña con motivo da eclipse, aproveita para descubrir a fondo algúns dos segredos mellor gardados do patrimonio cultural da cidade herculina, a través do percorrido sinalado para desfrutar da eclipse total de Sol do 12 de agosto.  

Andrea Veiga
Andrea Veiga
Graduada en Xornalismo pola Universidade de Santiago de Compostela, comezou a súa traxectoria profesional en GCiencia no ano 2024. Apaixonada pola redacción de reportaxes relacionados con animais, saúde e historia, tamén está interesada no ámbito das redes sociais, especialmente na creación de contido audiovisual para plataformas como TikTok.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Guía para gozar da eclipse sen riscos: como moverte e coidar a túa contorna

A esperada chegada de visitantes para ver o evento astronómico suporá un reto para a mobilidade, a seguridade e a protección da cidadanía e do medio ambiente

Así é como as eclipses alteran a intensidade do vento, a temperatura e a formación das nubes

Os cambios atmosféricos que se producen cando a Lúa opaca o Sol son moi breves pero teñen moito interese para a meteoroloxía

O mosquito tigre expándese por Galicia: detectado por primeira vez na Coruña

A Rede Galega de Vixilancia de Vectores sinala que é o único rexistro na zona norte da comunidade e súmase aos doce concellos do sur

Máis de 100 anos sen eclipses solares e agora tres seguidos? Esta é a explicación científica

A coincidencia responde á combinación dos ciclos orbitais e á xeometría entre a Terra, a Lúa e o Sol